21 de nov. de 2018

A GUARDA

As obras de mellora da mobilidade da Rúa Concepción Arenal avanzan a bo ritmo 

· O acceso sur ao porto de A Guarda unha lexítima aspiración que non admite demora

A presidenta da Deputación de Pontevedra e o deputado de Mobilidade, co alcalde de e concelleiros de A Guarda, técnicos do ente provincial e a directora das obras
Fotos: C. A. G. 

Infogauda / A Guarda

 Como xa informamos oportunamente os lectores deste xornal dixital transfronteiro, na xornada deste luns día 19 de novembro de 2018 a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego; o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez Fernández; o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz; a deputada de Emprego Montserrat Magallanes Álvarez; así coma representantes da corporación municipal e do equipo técnico da Deputación e da empresa, visitaron as obras de mellora do espazo público e da mobilidade peonil na rúa Concepción Arenal da Guarda. 

O ACCESO SUR AO PORTO DE A GUARDA, UNHA LEXÍTIMA ASPIRACIÓN QUE A XUNTA DE GALICIA NON DEBERA DEMORAR 


De esq. a der.: O deputado de Mobilidade, a presidenta da Deputación de Pontevedra, o alcalde de A Guarda e a directora da obra

 O alcalde de A Guarda manifestou o seu agradecemento a Carmela Silva e á Deputación de Pontevedra por permitir que a vila de A Guarda conte proximamente cun máis espazos urbanos que dean prioridade aos peóns fronte aos vehículos. A obra da Rúa Concepción Arenal está enmarcada dentro da estratexia de mobilidade 3.0 posta en marcha dende a institución provincial. Durante a súa intervención mencionou a urxente necesidade de que a Xunta de Galicia poña en marcha o proxecto para dotar dun acceso sur ao Porto de A Guarda, o que permitirá vertebrar axeitadamente o tráfico de vehículos de entrada e saída da zona portuaria e limitará considerablemente a circulación por Concepción Arenal. 

 As obras da Rúa Concepción Arenal arrancaron o pasado día 10 de setembro despois de realizarse diversas reunións e encontros informativos cos colectivos empresariais e veciñais para informar de como se ía realizar esta obra, tan necesaria para o noso pobo e que consistirá na humanización integral desta céntrica rúa, que pasará a ser de titularidade municipal tralo remate das obras. 

 Dende o Concello de A Guarda trabállase man a man coa empresa que leva a cabo os traballos para que as molestias e incomodidades deste tipo de intervencións sexan as mínimas posibles, recordando aos veciños e veciñas que se teñen algunha dúbida poden contactar no 986 610 000 ou acudir ao Concello para solicitar información. O proxecto está tamén accesible no portal da transparencia da sede electrónica municipal para a súa consulta en liña.

 Na visita, o persoal técnico da Deputación explicou que as obras na Rúa Concepción Arenal abranguen unha zona de actuación son 570 metros lineais e duns 8.500 metros cadrados. Nestes momentos estanse a mellorar os servizos urbanos, soterrando as novas canalizacións de saneamento, pluviais, abastecemento e realizando as acometidas aos edificios, e posteriormente será a quenda da reforma en superficie. 

 O obxectivo fundamental da actuación é a recuperación do espazo público, eliminando barreiras arquitectónicas, e creando unha zona de convivencia entre os tránsitos peonís e de vehículos nunha plataforma única con diferentes materiais e texturas: lousas ecogranito, formigonado en cor grafito e lousado de pedra. Tamén se crearán zonas de estancia con bancos, zonas verdes e alcorques xunto cunha nova iluminación cálida en diferentes ambientes “para que a xente de A Guarda poida saír e vivir a rúa, darlle vida”, explicou a directora de obra, que subliñou que a actuación rematará no prazo previsto, na primavera de 2019. 

 O asesor de mobilidade provincial, Jesús Fole, destacou a importancia de que a veciñanza de A Guarda teña memoria do que era a rúa e as prazas antes da reforma e do que vai ser. “Antes tiñamos un cruce con demasiados coches estacionados, con demasiado pavimento asfáltico só para o vehículo e vai cambiar completamente. Esta é unha aposta importantísima”, dixo. 

 Durante o transcurso desta primeira fase a baixada ao Porto da Guarda realízase pola Rúa Pacífico Rodríguez e Rúa Ireira, e a subida pola Rúa Enrique María Sexto. Unha vez que avancen as obras cara a zona do ex convento de San Bieito, habilitarase a circulación de vehículos lixeiros pola vía de servizo do paseo marítimo, accedéndose a esta dende a zona da Atalaia e tamén habilitarase a dobre circulación con semáforos de obra pola saída sur do porto, na zona da depuradora.  

 En calquera caso a circulación libre de vehículos non se abrirá definitivamente ata o remate da obra. Durante as obras poderán circular residentes, usuarios de garaxes e servizos polas zonas habilitadas pola empresa na medida sexa posible e que as circunstancias das obras así o permitan. 

 Durante o transcurso da obra os desvíos de tráfico rodado estarán sinalizados e habilitaranse zonas para a circulación peonil. A circulación de persoas estará habilitada para tódolos locais e vivendas durante toda a obra, así coma o dobre sentido de circulación na rúa Ourense e na totalidade da rúa Coruña para enlazar a rúa Manuel Álvarez coa entrada ou saída da Guarda. 

 A parada dos autobuses de ATSA está situada na ´Rúa Rosalía de Castro, fronte ao Centro Cultural, e a parada de taxis está situada na Rúa Domínguez Fontela. 

 Para compensar os estacionamentos da Rúa Concepción Arenal e Praza de Avelino Vicente habilitouse a ampliación de estacionamentos na Rúa Alcalde Manuel Álvarez, unha nova zona de estacionamento na Rúa Coruña e adecentáronse os estacionamentos da finca de Fínola e a Eléctrica. 

 O Proxecto de recuperación de espazos e mellora da mobilidade peonil na Rúa Concepción Arenal, EP 3402 de acceso ao Porto da Guarda conta cun orzamento total de 1.598.755,98€ financiados grazas a un convenio de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de A Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario