A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA CUALIFICA A REFORMA DA RÚA CONCEPCIÓN ARENAL COMO UN “EXEMPLO AMBICIOSO” DE RECUPERACIÓN DO ESPAZO PÚBLICO PARA AS PERSOAS
· A presidenta Carmela Silva e o deputado Uxío Benítez visitaron hoxe a reforma da rúa e esixiron á Xunta de Galicia compromiso no financiamento do novo acceso Sur ao porto
De esq. a der.: Uxío Benítez, Jesús Fole, Ángel Luis Baz, Paulino Rodríguez, Carmela Silva e Antonio Lomba, nas obras da rúa Concepción Arenal
Fotos: D. PO.
Infogauda / A Guarda
“A reforma de Concepción Arenal é un exemplo ambicioso da recuperación do espazo público para as persoas que está a realizar o departamento de Mobilidade da Deputación”. Así o manifestaron hoxe a presidenta da Deputación Carmela Silva Rego e o deputado de Mobilidade Uxío Benítez Fernández, durante a visita de supervisión dos traballos na estrada provincial, que suporán un cambio total na imaxe da rúa, da praza de Avelino Vicente e da contorna do ex convento de San Bieito. Ambos mandatarios coincidiron tamén en “esixir á Xunta de Galicia un compromiso claro para o financiamento do novo acceso sur ao Porto de A Guarda”.
O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, -departamento impulsor do proxecto- destacou que a rúa Concepción Arenal, a día de hoxe, é a estrada provincial máis urbana dos 1.700 quilómetros da rede da Deputación. Lembrou que foi construída cando non existían as comunidades autónomas e era organismo provincial o que se encargaba de realizar accesos a praias e accesos a portos: “Daquela non estaba configurada a trama urbana de A Guarda como está agora, mais a vila foi crecendo e hoxendía Concepción Arenal é unha rúa urbana máis”, apuntou.
Benítez salientou que toda a concepción do novo proxecto da rúa está pensada para “recuperar o espazo para as persoas e axudar a fomentar a mobilidade peonil, ciclable e sustentable, e en definitiva, para apoiar o comercio local, e todos eses criterios que forman parte da nosa Estratexia de Mobilidade 3.0, e que forman parte das estratexias de mobilidade a nivel europeo”.
Por outra banda, o deputado sinalou que, dado que a rúa Concepción Arenal naceu como un acceso ao Porto e agora a súa concepción cambiará radicalmente, deberá poñerse en marcha un novo acceso á infraestrutura portuaria para o que a Deputación plantexou alternativas e no que a Xunta de Galicia debe involucrarse. “Pretendemos que a Xunta se compromenta no financiamento dun novo acceso ao porto por outro lado. A Deputación redactou un proxecto, que xa está en fase de tramitación ambiental e que agardemos que cando estean as autorizaciós a Xunta se comprometa para axudar a retirar de Concepción Arenal todos os vehículos que deben ir ao porto por outro lado”, insistiu.
Espazo intransitable
Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, fixo fincapé na necesidade de recuperar o espazo público para a cidadanía, “as persoas teñen que ser o centro de toda a acción política, e esta zona da rúa Concepción Arenal estábase a converter nun espazo intransitable para as e os cidadáns. É certo que os vehículos teñen que ter espazos, pero non poden ser os emperadores da vila”. Neste eido, a presidenta provincial tamén puxo en valor o proxecto de mobilidade da Deputación, que actualmente “é unha referencia tanto nacional como internacional”.
Carmelia Sila, presidenta da Deputación e Uxío Benítez, deputado de Mobilidade, co concelleiro Ángel Luis Baz, técnicos da Deputación de Pontevedra e representantes da empresa que está efectuando ás obras da rúa Concepción Arenal
Para rematar, a Carmela Silva fixo un chamamento á Xunta de Galicia esixindo que de “forma inmediata” acheguen os recursos necesarios para que se poidan levar a cabo os proxectos redactados, “A Guarda ten un enorme potencial pesqueiro, turístico, de desenvolvemento da actividade económica, e precisa que as administracións destinen os recursos necesarios para que esas potencialidades se convertan en realidades”, concluíu.
O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, tamén aproveitou para solicitar implicación da Xunta de Galicia no novo acceso Sur ao Porto. Subliñou que “o funcionamento da obra da rúa Concepción Arenal vai aparellada ao novo acceso ao porto. Só poderemos gozar verdadeiramente da nova rúa cando teñamos ese acceso. Sacaremos os coches do centro da vila e teremos espazo para a xente, e cambiará a forma de funcionar da vila. Queremos que mellore a calidade de vida”, asegurou.
Fin de obra, en primavera
Na visita, o persoal técnico da Deputación explicou que as obras na rúa Concepción Arenal abranguen unha zona de actuación son 570 metros lineais e duns 8.500 metros cadrados. Nestes momentos estanse a mellorar os servizos urbanos, soterrando as novas canalizacións de saneamento, pluviais, abastecemento e realizando as acometidas aos edificios, e posteriormente será a quenda da reforma en superficie.
O obxectivo fundamental da actuación será a recuperación do espazo público, eliminando barreiras arquitectónicas, e creando unha zona de convivencia entre os tránsitos peonís e de vehículos nunha plataforma única con diferentes materiais e texturas: lousas ecogranito, formigonado en cor grafito, lousado de pedra e aceiro corten. Tamén se crearán zonas de estancia con bancos, zonas verdes e alcorques xunto cunha nova iluminación cálida en diferentes ambientes “para que a xente de A Guarda poida saír e vivir a rúa, darlle vida”, explicou a directora de obra, que subliñou que a obra rematará no prazo previsto, na primavera de 2019.
O asesor de mobilidade provincial, Jesús Fole, destacou a importancia de que a veciñanza de A Guarda teña memoria do que era a rúa e as prazas antes da reforma e do que vai ser. “Antes tiñamos un cruce con demasiados coches estacionados, con demasiado pavimento asfáltico só para o vehículo e vai cambiar completamente. Esta é unha aposta importantísima”, dixo. Segundo manifestou o técnico “queremos rematar xa a obra, e segundo o que estamos a escoitar, todos os baixos comerciais estanse movendo en boa liña, estamos detectando que hai interese polo cambio do concepto, tendo en conta que agora van poder convivir coches e persoas, sempre mantendo os vehículos para servizos, carga e descarga e accesos a garaxes, que estarán permitidos”, apuntou.
Na visita de hoxe a A Guarda, ademais da presidenta Carmela Silva e do deputado de Mobilidade Uxío Benítez, do persoal técnico da Deputación, e de representantes da empresa construtora da obra, estiveron tamén por parte do Concello o alcalde Antonio Lomba, a concelleira e deputada Montserrat Magallanes Álvarez, o concelleiro Miguel Ángel Español Otero , e o concelleiro Ángel Luis Baz Vicente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario