21 de nov. de 2018

SOBREDO (GUILLAREI) TUI

HOMENAXE AOS MÁRTIRES DE SOBREDO

· No 96 aniversario dos Sucesos 

· Domingo día 25 de novembro, ás 11:00 horas, en Sobredo (Guillarei) Tui


Infogauda / Sobredo (Guillarei)

 O Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo (IEAMSO) participa á cidadanía os actos de conmemoración dos Sucesos de Sobredo, no seu do 96 Aniversario, que se desenvolverán en Sobredo (Guillarei – Tui) o domingo 25 de novembro do 2018, a partir das 11:00 horas da mañá.   

PROGRAMA:  

11:00 CONCENTRACIÓN - CARBALLEIRA DE SOBREDO  
11:30 DESPRAZAMENTO ATÉ O MONUMENTO  
12:00 PRESENTACIÓN DO ACTO E INTERVENCIÓNS:  
          SAÚDA; representación do IEAMSO.  
       Intervención de Carme Adán Villamarín. Profesora e ensaísta.  
13:30  OFRENDA FLORAL NO MONUMENTO  
           CLAUSURA DO ACTO.  
         - GRUPO DE GAITAS “FOLIEIROS”.    

 A conmemoración anual ten por fin manter vivo o significado do carácter social e reivindicativo dos sucesos de Sobredo; feitos producidos no 28 de novembro do ano 1922, neste lugar da parroquia de Guillarei, no Concello de Tui; ten lugar ao pe do monumento aos Mártires, da autoría do escultor Nogueira.    

 Na realización dun un embargo a un veciño, tres persoas quedaran mortas no sitio: CÁNDIDA RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, de Pazos de Reis; JOAQUÍN ESTÉVEZ BESADA, de Soutelo; VENANCIO GONZÁLEZ ROMERO, de Budiño; e mais de vinte resultaron feridas. Sobredo, dende ese momento, forma parte na memoria colectiva como símbolo e lugar no que a sociedade labrega é martirizada.    

 Neste ano a actividade procura ademais salientar o papel da muller na vida social. O acto coincide co Día Internacional contra a Violencia de Xénero; e, así mesmo, coa conmemoración do centenario do Manifesto da Asemblea Nacionalista de Lugo, de 1918; no que no apartado referido aos problemas políticos de Galicia, a cuestión que recolle en primeiro lugar é a de “Igualdade de dereitos para a muller”; e, tamén, no referido ás cuestións económicas, recolle como cuarta cuestión unha declaración referida aos foros: “4ª A Asemblea declara de toda urxencia a resolución do problema dos gravámenes sobor da terra en Galicia.”    

 O protagonismo da muller nas loitas sociais, de comezos do século XX, está testemuñado coa seu martirio en moitas da traxedias desencadeadas pola represión, exercida nesa altura para acabar coa rebeldía contra a inxustiza. Ramón Cabanillas deixa constancia dese feito e honra á muller galega na persoa de Cándida Rodríguez, vítima nos sucesos, no poema “Sobredo” (Da terra asoballada, 1926):    

!Nai galega que diche a sangue xenerosa  
para calmar a sede rabiosa da impiedade,  
nos agros de Sobredo frorecéu unha rosa!  
!Ardente e sanguiñenta,  agoira Libertade! 
   
Outras actividades conmemorativas  

 Como continuación dos actos de conmemoración aniversario dos Sucesos de Sobredo o IEAMSO organiza o “CICLO: Sobredo 96 anos despois”, no que programa as seguintes actividades:  

- O día 28 de novembro, data dos sucesos de Sobredo, unha Conferencia de Emilio Xosé Ínsua, sobre: “1918: As Irmandades da Fala e o Agrarismo.”, ás 20:00 horas na Sala Félix Rodríguez, da Área Panorámica.  

 -O día 29 de novembro, presentación do libro 1968, de Vítor Vaqueiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario