18 de nov. de 2018

A GUARDA

CULTURA

FRANCISCO ÁLVAREZ (KOKI) PRESENTOU TRES LIBROS DA SÚA AUTORÍA

Un neno na emigración, Vasoiras Barreiros e A memoria das palabras

De esq. a der.: Ramón Caride, Valentín García, Antonio Martínez e Francisco Álvarez
Fotos: Infogauda

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 O escritor, poeta, xornalista e activista cultural Francisco Álvarez Álvarez (Koki) presentou tres libros da súa autoría: Un neno na emigración (2ª edición), Vasoiras Barreiros e A memoria das palabras.

 O acto, que contou inicialmente coa asistencia do escritor e profesor, Ramón Caride Ogando; do pintor, muralista e ilustrador Antonio Martínez Martínez (Cachi) e de Francisco Álvarez Álvarez (Koki), e o que se incorporaría posteriormente Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüistica, da Xunta de Galicia; tivo lugar na noitiña do pasado venres día 16 deste mes, no Centro Cultural. Alí estaban tamén o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz e a concelleira de Cultura, Mª Elena Baz Rodríguez, así como outros membros da Corporación Municipal de A Guarda, compoñentes de varias entidades socio culturais da localidade, e arredor de medio centenar de veciños da vila.

Vistas parciais do salón de actos do Centro Cultural o comezo da presentación

 Abriu o turno da palabra o autor das publicacións para decir, entre outras cousas que o motivo de presentar tres libros no mesmo día, débese a que un deles Un neno na emigración, é unha reedición. A primeira foi en Edicions do Cumio, e esta segunda, en Edicions Fervenza, o igoal que os outros dous: Vasoiras Barreiros e A memoria das palabras.

 Álvarez Koki dixo que Vasoiras Barreiros é un libro de contos para nenos, con un contido social. Os protagonistas son tres rapaces que deciden motorizar unha vasoira, e para elo nada mellor que un motor Barreiros, que ademáis é galego. Grazas a esa vasoira motorizada, os rapaces voan os EE.UU. de América e axudan os mexicanos a pasar pola fronteira ianki. Os mesmos rapaces, fan idéntica misión cos africanos que chegan ata Melilla.

 O autor indicou tamén que Vasoiras Barreiros está ilustrado por Antonio Martínez (Cachi), un pintor de A Guarda, xa que como salientou sempre lle gusta contar cos artistas do noso pobo.

 En canto A memoria das palabras, o autor dixo que á portada é de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Trátase de un dibuxo que representa a unha xoven cunha fouce na mán, e que Castelao lle regalou en 1938 á comunidade galega en New York.

 A memoria das palabras, e un libro de poesía social que relembra os traballadores galegos que morreron na construcción de ponte de Brooklyn, por onde moita xente adoita pasear e facerse fotografías, pero que descoñecen ese feito.

 Nese poemario, Álvarez (Koki) evoca os que xacen nas cunetas de moitos lugares do noso país, e faino con forte carga crítica, extensiva os que permiten que a día de hoxe ainda haxa rúas adicadas os que non as merecen.

 A memoria das palabras é froito dunha creación comprometida, na que o autor pulsa diferentes rexistros para reflectir tarefas cívicas que ainda están pendentes de levar a bó termo.

 Deseguido fixo uso da palabra o ilustrador Antonio Martínez (Cachi), quen explicou brevemente o proceso creativo dos dibuxos que ilustran o libro Vasoiras Barreiro, e que se puderon ademirar na sala de exposicións do Centro Cultural.

O ilustrador guardés Antonio Martínez (Cachi) diante dalgúns orixinais dos dibuxos de Vasoiras Barreiros

 Por outra banda, o escritor Ramón Caride, falou sobor de Francisco Álvarez (Koki) e fíxoo do seguinte xeito:

 "Boa noite, e grazas a Koki e o todos os presentes por me permitir compartir este acto de felicidade que é presentar un libro, neste caso tres libros polo que a felicidade se multiplica.

 Non é a primeira vez, nin a segunda, que o fago. Se a memoria non me traizoa coñecín a Francisco Álvarez Koki aló polo lonxano 1995, por mediación do noso común amigo, o pintor baionés Caíno, que daquela viña de ilustrar varios dos seus primeiros libros. Daquela lín eses dous libriños seus de poesía en galego: Maruxía, adicado a este mar da Guarda e Máis aló de Fisterre, marcado tamén, como este de hoxe (A memoria das palabras) pola ferida da emigración; así como tamén outro seu libro recente daquela en castelán Sombra de Luna, poemario marcado desde o título por Federico García Lorca e polo gozo do encontro exótico. Todos estes libros foron felizmente reeditados e recuperados nos últimos tempos e sorprenderon gratamente no seu día.

 No epílogo dun deles, Xosé Luis Méndez Ferrín, citando a Dino Pacio, escrebe que a Francisco Álvarez Koki só lle interesa a verdade poética estructurada, fonda da poesía, e que foxe do artificio.

 Pasados moitos anos e logo de moito libro e moitas vivencias compartidas con Francisco Álvarez Koki, e con Loli, a súa compañeira inseparable, aquí e a outra beira de varios mares, non podemos senón concordar con este comentario.

 Francisco Álvarez Koki respira verdade poética. Os seus temas, á volta de tres décadas seguen a ser os mesmos: a emigración como desarraigo e como aprendizaxe vital, a denuncia da explotación duns seres humanos por outros, a tristura dos tempos idos, a alegría do amor compartido sempre coa súa amiga de vida e de anceios.

 Hoxe Francisco Álvarez Koki ofrécenos unha feliz triloxía. Un novo poemario case autóxico de todas as súas continuas liñas temáticas: a ponte de Brooklyn na que traballaron e morreron obreiros galegos, o río Shanonn en Dublín como un río Miño irredente de nós, a parroquia de Estás e a caseta namoradeira, o pozo de pedra rexa que garda a lembranza dos devanceiros, a liberdade coma utopía afastada ou coma ilusión frustrante.

 Este novo poemario de Francisco Álvarez Koki, encabezado por un dibuxo case esquecido do mestre Castelao, feito en New York durante a nosa guerra incivil para incitar aos galegos de América á solidariedade cos que non puideran fuxir da represión fascista. Unha imaxe de portada que enlaza tanto e tan ben con outra obra senlleira de Castelao pintada en Bos Aires, máis coñecida. A derradeira leición do mestre, que nestes días podemos ollar por primeira vez en Galiza, e que nos remiten á necesidade de sacar a luz aínda moitas cousas agachadas deses días escuros, tamén presentes neste poemario desde o seu mesmo título.

 Con este novo poemario de Francisco Álvarez Koki, saen do prelo dúas obras adicadas ao público infantil, pero non só: Un neno na emigración e Vasoiras Barreiro. Nelas dúas, reencarnado no seu fillo Breogán, ou no seu neto Lourenzo, está a visión do neno Francisco Álvarez Koki que se asoma ao asombro do mundo, mais cunha visión crítica das eivas do tempo que non cadrou en sorte e que non renuncia a denunciar as súas inxustizas.

 En suma unha triloxía de obras de Koki para ler, disfrutar e reflexionar.

 Noraboa, e parabens Koki por estas obras como realidade e como preludio de moitas outras que ainda han de vir, e que de seguro compartiremos.

 Moitas grazas a todos, e adiante!"

 A continuación, e como ainda non puidera chegar o secretario xeral de Política Lingüstica, o autor dos libros recitou algúns dos poemas que forman parte do libro A memoria das palabras, e uns minutos despois chegaría Valentín García Gómez, sendo el quen faría unha disertación na que afirmou que o seu departamento apoia este tipo de iniciativas, e neste caso, a Francisco Álvarez - Koki, unha persoa que ten feito labor cultural a prol de Galicia alí donde se atopa e iso é digno de todo recoñecemento.


De esq. a der.: o alcalde de A Guarda, o secretario xeral de Política Lingüistica da Xunta de Galicia e un profesor dun centro educativo de A Guarda, o remate da presentación
Francisco Álvarez Álvarez (Koki) asinando libros da súa autoría a dúas lectoras

 Uns intres depois, Álvarez Koki recitaría algúns poemas máis dese novo libro, dando así por concluído ese acto cultural, no que o autor asinou exemplares das obras que se presentaron a tódalas personas que así o desexaron.

Ningún comentario:

Publicar un comentario