A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA E O CONCELLO DE A CAÑIZA ASINAN O CONVENIO PARA A REURBANIZACIÓN DA RÚA SILLEDA
· As obras consisten na mellora das beirarrúas, na creación de zonas de convivencia, na mellora do pavimentado e na renovación de servizos
· O investimento ascende a preto de 165.000 euros
De esq. a der.: Uxío Benítez, Carmela Silva e Adolfo Domínguez, longo de asinar un convenio de colaboración entre á Deputación de Pontevedra e o Concello de A Cañiza
Foto: D. PO.
Infogauda / A Cañiza
A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Mobilidade, vai impulsar a mellora da rúa Silleda, dentro do concello de A Cañiza. No día de hoxe a presidenta Carmela Silva e o deputado Uxío Benítez asinaron un convenio de colaboración co alcalde Adolfo Domínguez, polo que se executará un investimento de preto de 165.000 euros que permitirá unha mellora da mobilidade peonil, a mellora do pavimento da calzada e a renovación de servizos.
Segundo explicou o deputado Uxío Benítez esta actuación na rúa Silleda, dentro da estrada provincial EP-5005 A Cañiza-Pousa, está enmarcada dentro dun plan integral da Deputación para toda a lonxitude da vía, que ten 13,2 quilómetros. O nacionalista informou de que, a maiores, hai outro treito xa pavimentado e con redutores de velocidade executados grazas ao Plan Móvese; tamén unha segunda actuación de mellora de firme entre a gasolineira e a glorieta, pasando pola autoestrada, para a que se está a redactar un proxecto; e un terceiro proxecto de mellora que está en fase de licitación do treito entre a glorieta e o concello de Crecente. “Esta estrada quedará totalmente reformada”, apuntou.
En canto ao proxecto en concreto, Benítez salientou que a rúa Silleda é claramente urbana, xa que é unha das entradas ao núcleo de A Cañiza. Por este motivo, e dado que xa está urbanizada, a actuación vai encamiñada a unha mellora que permita reordenar o espazo e destinar máis amplitude ás persoas en lugar de aos coches.
Desta maneira, ampliaranse as beirarrúas ata os 2,5 metros de ancho na zona norte da Carballeira do Cacharado, ordenando a actual zona de aparcamento desordenado e creando zonas de convivencia accesibles. Tamén se rehabilitará o firme da calzada, calmarase o tráfico coa implantación dunha ‘zona 30’, soterraranse as liñas eléctricas e de telefonía, ademais de renovar os servizos de saneamento, abastecemento e pluviais.
O deputado explicou que a Deputación leva adiante esta actuación mediante convenio a petición do concello, que redactou o proxecto seguindo os criterios do novo decálogo de Mobilidade provincial. O convenio será financiado ao 60% pola institución provincial e ao 40% polo concello, e unha vez rematadas as obras a rúa será transferida ao concello.
Protagonismo aos espazos peonís e non aos vehículos
A presidenta Carmela Silva lembrou que este convenio hoxe asinado enmárcase na política de mobilidade levada a cabo pola Deputación, na que se traballa por unha mobilidade sustentable e unha seguranza viaria onde a prioridade son as persoas e non os automóbiles. “Precisamente isto é o que demanda a xente no século XXI, demanda un xeito distinto de convivir nas urbes. Ata non fai moito tempo, cantos máis coches pasaran polas estradas máis contentos estabamos porque era coma un símbolo de prestixio. Pero agora todo iso rematou e agora as persoas reclamamos que os espazos públicos sexan para a xente e para o noso desfrute”, asegurou.
Silva explicou que neste novo modelo de mobilidade se sitúa a actuación que se vai acometer na Cañiza, así como tamén, por exemplo, os convenios para a execución dos proxectos incluídos no Plan DepoRemse que onte mesmo se asinaron no Pazo Provincial entre a presidenta e os distintos alcaldes e alcaldesas, entre eles tamén o rexedor do concello da Paradanta. “Con esta iniciativa que hoxe asinamos para a Cañiza o que vamos conseguir é que haxa moito máis espazo peonil, é dicir, moito máis protagonismo para os e as peóns e non para os vehículos. Tamén, e non menos importante, que haxa servizos para a cidadanía con todas as garantías, tal e como poden ser o abastecemento e o saneamento, que na maioría dos concellos xa veñen dende fai moitos anos”.
Pola súa parte, o alcalde Adolfo Domínguez destacou que esta actuación cofinanciada coa deputación fará mellorar o casco urbano e non só poñelo máis bonito, xa que non só se cambiará o aspecto, senón tamén os servizos. “Non só queremos mellorar a vista, senón tamén o saneamento, o abastecemento… que os servizos que vaian soterrados non dean problemas”, subliñou.
Ningún comentario:
Publicar un comentario