23 de nov. de 2018

SANIDADE

O Sergas traslada aos traballadores dos Puntos de Atención Continuada unha oferta con melloras nas condicións laborais e asistenciais 

A Administración sanitaria propón o establecemento dun sistema de gardas localizadas nos PAC para garantir a continuidade da asistencia

Infogauda / Santiago de Compostela

 O Servizo Galego de Saúde trasladoulle aos sindicatos esta mañá na mesa sectorial a súa proposta de mellora nas condicións laborais e asistenciais do persoal de Puntos de Atención Continuada (PAC). Entre elas, a administración sanitaria ofrece abonar dúas dietas de manutención nos supostos de prestación de servizos de 24 horas en domingo/festivo e a dotación progresiva de equipos de protección individual cunha imaxe corporativa común en todos os PAC de Galicia.  

 A Administración sanitaria tamén mostrou a súa disposición a que as distintas xerencias teñan que negociar e acordar cos servizos os indicadores de calidade, de actividade e de resultados a incluír no acordo de xestión (ADX) do servizo. Como consecuencia, vaise eliminar o indicador actual de derivación hospitalaria que será substituído por outro ou outros indicadores que terán que ser consensuados cos profesionais.  

 No referido ás gardas, e para mellorar na atención das urxencias extrahospitalarias, o Sergas constatou a necesidade de establecer gardas localizadas nas xerencias. O seu obxectivo é garantir a cobertura de situacións imprevistas de ausencia de facultativos en fins de semana e festivos nos PAC.  

 A Administración sanitaria propuxo na mesa sectorial o establecemento de nomeamentos temporais ligados á cobertura de ausencias de persoal e outras necesidades no ámbito da atención primaria. Preténdese así garantir a continuidade asistencial e dotar de maior estabilidade laboral aos médicos de familia e a os pediatras de atención primaria.  

 A vindeira semana convocarase unha mesa sectorial extraordinaria para coñecer á resposta dos sindicatos a esta serie de medidas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario