24 de out. de 2018

SALCEDA DE CASELAS

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA ADXUDICA AS OBRAS DE MELLORA DA RÚA DA GÁNDARA 

· O deputado Uxío Benítez anuncia que a empresa Caldevergazo iniciará os traballos antes do inverno se non se producen complicacións coa climatoloxía   

· As obras terán unha grande calidade urbana, permitirán que a rúa se integre no parque da Gándara,e incluirán medidas de calmado de tráfico 

Infografía coa imaxe que ofrecerá a rúa da Gándara, en Salceda de Caselas, cando rematen ás obras de mellora do treito urbano da estrada provincial EP-2505
Fonte: D. PO.

Infogauda / Salceda de Caselas

 A Deputación de Pontevedra acaba de adxudicar as obras de mellora do treito urbano da estrada provincial EP-2505, coñecida como rúa da Gándara, en Salceda de Caselas. Segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, a actuación suporá a creación dun novo espazo de grande calidade urbana no que a rúa quedará integrada co parque anexo nun deseño novidoso en plataforma única. 

 O deputado Benítez explica que o proxecto de Salceda de Caselasfoi asignado á empresa Caldevergazo S.L. logo de que o persoal técnico da Deputación estudase as 19 ofertas presentadas. A adxudicataria, que presentou unha proposta económica de 505.559,96 euros e está en fase de presentación de documentación, poderá comezar as obras antes do inverno se non se producen complicacións coa climatoloxía. O prazo de execución oficial rematará en seis meses contados a partir dende o inicio dos traballos. 

 As obras de mellorada rúa da Gándara que levará adiante a Deputación abranguerán 350 metros lineais da estrada, comezando no cruce coa estrada PO-407 ata pasada a ponte baixo a PO-510. No arranque construirase unha nova glorieta para ordenar e calmar o tráfico, e despois realizarase unha reurbanización da estrada cun deseño novidoso e de grande calidade urbana, cambiando as tradicionais beirarrúas por unha plataforma única que permitirá a peóns e coches circular polo mesmo nivel. Ademais, a rúa pasará a estar integrada no parque da Gándara, eliminando a balaustrada e o muro actual coa intención de crear un novo espazo recuperado e continuo para o disfrute da cidadanía. Na zona da piscina, e co obxectivo de salvagardar a estabilidade do vaso de auga, manterase o muro, pero eliminarase despois da pista polideportiva, onde se habilitará unha rampla que permitirá outro novo acceso peonil. 

 Segundo explica Uxío Benítez, a estrada pasará a ter unha sección segregada para coches e peóns dende a zona do aparcamento disuasorio existente ata chegar ao túnel. A partir deste paso crearanse dous carrís de circulación e unha senda peonil de 2,5 metros de largo que conectará a través dunha nova ponte de madeira coa senda do río Landres dedicada a Francisco Estévez.  

Calmado de tráfico 

 Co obxectivo de mellorar a seguranza viaria instalaranse elementos de calmado de tráfico. Serán seis os pasos de peóns sobreelevados a construír para facilitar os tránsitos peonís, xa que a zona conta con moitos equipamentos e é frecuentada pola veciñanza, sendo actualmente escenario de grande cantidade de accidentes. “Un dos nosos obxectivos prioritarios na Deputación é eliminar puntos de violencia viaria, e esta estrada provincial en Salceda de Caselas acumula un importante número de accidentes que era necesario atallar de forma urxente”, subliñou Benítez. 

 A actuación en Salceda de Caselas impulsada polo departamento de Mobilidade da Deputación realizarase grazas a un convenio de colaboración asinado entre a institución provincial, que aportará o 70% dos fondos, e o Concello, que sufragará o 30% do custe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario