IANIRE ESTÉBANEZ, PSICÓLOGA VASCA ESPECIALIZADA EN PREVENCIÓN DE VIOLENCIA NA ADOLESCENCIA, DARÁ VARIAS CHARLAS PARA ALUMNADO DO IES DE TOMIÑO
A ACTIVIDADE, QUE INCLUIRÁ TAMÉN CHARLAS PARA PROFESORES E ANPAS, SERÁ ESTE XOVES 25 DE OUTUBRO
Infogauda / Tomiño
Este xoves, 25 de outubro, a psicoterapeuta e psicóloga vasca Ianire Estébanez, especializada en prevención de violencia na adolescencia, agresións sexuais, relacións e uso das redes sociais pola xente nova, achegarase a Tomiño para dar varias charlas a alumnado, profesorado e nais e pais de alumnos/as do IES Antón Alonso Ríos, de Tomiño.
A actividade, organizada pola Oficina Municipal de Igualdade, prevé celebrar as seguintes charlas:
– Para alumnado do IES Antón Alonso Ríos, na Casa da Cultura, coa seguinte distribución de grupos e horarios:
1) “Conectamos ben?”, sobre o ciberacoso nas redes sociais, a súa prevención e a resposta colectiva de apoio. De 10.30 a 11.30h: 1º e 2º da ESO.
2) “Enredámonos?”, sobre as redes sociais, as problemáticas que se poden xerar nas relacións de parella, o cibercontrol, a prevención de relacións tóxicas e o empoderamiento. De 12:15 a 13:15h. 3º e 4º da ESO, 1º Bacharelato e FP básica.
– “Mocidade, redes sociais, ciberviolencia e educación emocional”, co profesorado e as familias interesadas en coñecer as vivencias que se experimentan en relación coas redes sociais, a adolescencia, o sexismo e a violencia nas redes, así como as ferramentas para xestionar e aprender a usar estes espazos, como ferramenta de crecemento. Para profesorado e ANPAS (todas a etapas educativas): no Salón de Plenos do Concello, de 17.00 a 19.00 h.
Esta actividade inclúese nas programadas para o ano 2018 dentro do Programa de Formación e Sensibilización en Igualdade e Prevención da violencia machista, dirixido a menores, mocidade e comunidade educativa do Concello de Tomiño, presentadas dende o Programa Munipal de Igualdade acolléndose a unha subvención da Área de Igualdade da Deputación de Pontevedra.
Dinamizadora
A relatora, Ianire Estébanez, é psicóloga, experta en prevención de violencia en adolescentes e novas. Desde hai 10 anos investiga sobre a violencia no noivado e as agresións sexuais, ou o uso das redes sociais para a xente nova, para institucións como Emakunde, Goberno Vasco e o Observatorio Vasco da Mocidade.
Realiza varias publicacións, como guías, cómics, e materiais didácticos. Con ampla experiencia na realización de formacións e charlas (para institucións oficiais, gobernos e deputacións, concellos, centros educativos públicos e privados, e asociacións en todo o territorio español) é bloguera e activista nas redes sociais expondo situacións que enganchan coas realidades cotiás das mozas e mozos en internet. Desde o blog “Mi novio me controla…lo normal” e a iniciativa “Yo ligo, yo decido”, conecta con mulleres novas, utilizando metodoloxías de reflexión próximas ás súas realidades e facilitando procesos de empoderamiento persoal e colectivo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario