A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA REMATA UNHA OBRA DE EMERXENCIA NO ACCESO Á IGREXA DE CALDELAS
· O deputado Uxío Benítez sinala que os traballos consistiron en crear un novo muro e rehabilitar a calzada para evitar o seu colapso
A intervención realizouse nunha zona da calzada situada sobre un muro de contención de catro metros de altura -no seu punto máis elevado- que estaba a desprazarse xerando un risco para a circulación
Foto: D. PO.
Infogauda / Caldelas (Tui)
O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra vén de finalizar os traballos da obra de emerxencia realizada na estrada provincial EP-3004 de acceso á igrexa de Caldelas, en Tui. A actuación, segundo explica o deputado Uxío Benítez Fernández, iniciouse a instancias do persoal de vixilancia para evitar o seu colapso ao detectar risco de desplome.
O deputado subliña que a intervención realizouse nunha zona da calzada situada sobre un muro de contención de catro metros de altura -no seu punto máis elevado- que estaba a desprazarse xerando un risco para a circulación. Inspeccionado o muro, o seu mal estado deixaba ver a posibilidade dunha inminente caída, polo que se considerou necesaria unha obra de emerxencia para a reconstrución inmediata da construción de sostemento e da vía.
Unha vez xustificada a emerxencia da obra, adxudicouse á empresa ‘Arines, Obras y Proyectos S.L.’ cun orzamento inicial de 60.000 euros. Os traballos comezaron o pasado 17 de setembro e prolongáronse durante unhas cinco semanas, retirando o antigo muro e consolidando un novo noiro de sostemento. Segundo manifestou o deputado, foi fundamental actuar con rapidez para consolidar o noiro e rehabilitar o firme da estrada, xa que de ter agardado por unha contratación ordinaria dos traballos en lugar de urxente, a falta de seguridade viaria sería maior e, con toda probabilidade, de haber novas chuvias e arrastres de terras previsibles durante o outono e o inverno, sería necesaria unha intervención moito máis custosa que a actual para arranxar a situación.
Hai que lembrar, en calquera caso, que a Deputación de Pontevedra ten en marcha outro proxecto complementario para as estradas EP-3004 e EP-2505 situadas no lugar de Baños, de Caldelas de Tui, para a mellora da mobilidade sostible consistente na construción dunha senda peonil, dunha glorieta de ordenación do tráfico e da mellora da contorna da igrexa por valor de 435.309,13 euros.

Ningún comentario:
Publicar un comentario