20 de out. de 2018

GOIÁN (TOMIÑO)

DUASCENTAS PERSOAS PARTICIPARON NAS ACTIVIDADES NÁUTICAS ORGANIZADAS ESTE VERÁN POLOS CONCELLOS DE TOMIÑO E VILA NOVA DE CERVEIRA 

O PROGRAMA, ESPECIALMENTE PENSADO PARA PERSOAS CON MOBILIDADE REDUCIDA, FOI UN ÉXITO

O pantalán adaptado foi o punto de partida das xornadas náuticas compartidas por Vila Nova de Cerveira e Tomiño 
Foto: C. T.

Infogauda / Goián

 O pantalán adaptado instalado hai uns meses na praia de Goián, xunto ao Espazo Fortaleza, foi o punto de partida das xornadas náuticas compartidas por Vila Nova de Cerveira e Tomiño nos meses de xullo e setembro. Un total de 12 saídas nas que 197 persoas practicaron en embarcacións adaptadas, dúas modalidades de navegación fluvial: o turismo e a orientación inclusiva.  

 Promovida conxuntamente pola Asociación de persoas con discapacidade Vontade, de Tomiño,  e a  Associação Desportiva e Cultural da Juventude de Cerveira,  esta iniciativa foi unha das vencedoras na edición 2018 do Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT).  

 Desde a Asociación Vontade, destacan a participación nos percorridos fluviais de 176 persoas con discapacidade, un 58,38% con discapacidade física e un 30,96% con discapacidade intelectual. “Démoslles ás persoas con mobilidade reducida, unha das poucas oportunidades de deporte e lecer na que a eliminación de barreiras arquitectónicas fíxose realidade”, explican. As xornadas de navegación serviron, ademais, para coñecer o patrimonio cultural e fluvial do río Miño  e probar a capacidade de coordinación e traballo en equipo das persoas participantes. 

 A segunda fase do proxecto “Náutica para todas as persoas” prevé a divulgación da práctica do remo en cinco centros de educación primaria e no Instituto Antón Alonso Ríos de Tomiño, nos meses de outubro e novembro.  

 Doutro lado da raia, a Associação Desportiva e Cultural da Juventude de Cerveira será a encargada  de promover a práctica do remo entre os estudantes da Eurocidade, recentemente constituída, mediante a presentación dos ergómetros e a aprendizaxe do seu uso, nos centros de ensino de primaria e secundaria.  

 En breve, organizarase unha competición transfronteiriza entre os tres mellores clasificados dentro de cada categoría, tanto feminina, coma masculina.  

 O OPT forma parte da Axenda Estratéxica de Cooperación Cerveira-Tomiño, un proxecto cofinanciado ao 75% pola convocatoria INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da UE.

Ningún comentario:

Publicar un comentario