20 de out. de 2018

LABORAL

O persoal de elaborados do mar protestará ante as oficinas da patronal Conxemar na primeira xornada de folga

· A folga está convocada para os 22, 24 e 25 de outubro ante a ruptura de negociacións do convenio 

Xabier Aboi, da CIG-Mar
Foto: CIG

Infogauda / Vigo 

 Traballadoras/es do sector dos produtos elaborados do mar concentraranse este luns 22 ás 11:00 horas, ante as oficinas da patronal Conxemar, en Vigo, na primeira xornada de folga en demanda dun convenio digno que poña fin aos históricos baixos salarios e precariedade. A convocatoria, que ten lugar tras a ruptura de negociacións co empresariado, terá continuidade os vindeiros 24 e 25 de outubro.  

 A primeira xornada de folga no sector de elaborados do mar dará inicio na madrugada do luns con piquetes informativos percorrendo os principais centros de traballo e polígonos. Así, e segundo informa CIG-Mar, na comarca de Vigo desprazaranse desde as 23:00 horas do domingo ao inicio da quenda de noite en Pereira, para desprazarse ás 04:30 h., a outras factorías como Fandicosta ou Mascato.  

 No caso de Pontevedra, comezarán ás 04:00 da mañá desde Numarsi, no polígono de Campañó, e máis tarde irán até o porto de Marín para informaren as traballadoras/es en GPS ou Cabomar.  

 Máis tarde, ás 11:00 horas, concentraranse ante as oficinas da patronal Conxemar, na Avenida Beiramar 29, en Vigo.  

Por un convenio digno  

 Xabier Aboi, da CIG-Mar, lembra que unhas sete mil persoas traballan neste sector en Galiza, un 80% mulleres, con salarios moi baixos e unha precarización crecente. Insiste en que o convenio estatal de produtos elaborados do mar, que expirou en 2015, é “o peor de todo o ámbito da alimentación”. Unha situación tolerada durante anos por CCOO e UGT e que aumentou en capacidade reivindicativa tras acadar a CIG un 40% de representatividade sindical no noso país.  

 Unha das demandas principais é a do aumento salarial, xa que desde 2010 perderon poder adquisitivo ao non acadar sequera o incremento do IPC, empobrecendo unhas nóminas propias de “man de obra barata” que en moitos casos non chegan a mileuristas.  

 No tocante á recuperación de dereitos esixen limitar o traballo temporal e evitar a implantación de novas fórmulas abusivas como empresas multiservizos ou falsas cooperativas. Denuncian casos de centros de traballo nos que hai tres veces máis traballadores/as de ETT que contratados pola empresa principal, ou industrias onde operan até tres ETTs diferentes.  

 Alén diso, lembran nas condicións duras de traballo no sector, que decorre en ambientes moi húmidos e fríos, a velocidades de vertixe. É por iso que se reivindica un plus de refrixeración, así como outros pluses para traballos especiais.  

 A CIG-Mar reivindica un convenio galego  

 A CIG-Mar continúa a reivindicar, pola súa banda, a necesidade estratéxica de contarmos cun convenio galego “que podería traer moitos beneficios” ao persoal dos elaborados do mar. Enfatiza, ademais, o “enorme prexuízo” de negociar en Madrid un convenio estatal que afecta unha actividade cun peso do 75% en Galiza e cuxa patronal maioritaria ten a sede en Vigo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario