24 de out. de 2018

A GUARDA

A Guarda acolle numerosas actividades dende este xoves

 · Formación, emprego, saúde, teatro,...


Infogauda / A Guarda

 A Guarda será dende este xoves o epicentro para a formación e o emprego na comarca do Baixo Miño coa celebración da Feira Tecnoimaxín, un evento que terá lugar na Casa dos Alonso e que congregará a expertos do sector, que realizarán conferencias e charlas, así coma a realización de exhibicións de robótica ou unha feira con exposicións empresariais. A maiores deste gran evento do sector, A Guarda contará tamén con outras actividades como unha charla sobre saúde para a xuventude, a inauguración dunha exposición, unha obra teatral ou actividades infantís para celebrar o Día mundial das Bibliotecas.  

Xoves 25 de outubro: 

 Na xornada do xoves día 25 de outubro A Casa dos Alonso da Guarda acollerá a inauguración da Feira do Emprego e Formación Tecnoimaxín dende as 10:00 horas, contando neste día cun obradoiro sobre «competencias Emocionais para afrontar un futuro laboral dixitalizado» a cargo de Gema Sánchez Cabezudo, unha charla sobre «Proxectos da Zona Franca de Vigo» a cargo de Débora Ramonde e unha Charla sobre «A felicidade nas novas organizacións» a cargo de Jaume Gurt.  


 Tamén nesta xornada ás 12:30 horas realizarase no Centro Cultural a charla «Tempo de Saúde», impartida pola doutora Olga Villar Moreira, dirixida principalmente á xuventude guardesa, e onde se abordará a «Nutrición e saúde, Trastornos alimentarios», unha actividade que terá  unha hora de duración e que rematará cun coloquio-debate coas persoas asistentes.  

 Para rematar esta xornada ás 20:00 horas o Centro Cultural da Guarda acolle a inauguración da mostra GalizAmérica, que contará coas intervencións de Elena Baz Rodríguez, concelleira de Cultura; Xosé Leal Fariña, deputado de Cultura e Lingua; Antonio Lomba Baz, alcalde da Guarda e Carmen Carreiro, comisaria da mostra. 

 Despois dun breve percorrido pola mostra, darán comezo as microconferencias de Mónica Rebolo Sempre en Galicia, a voz dos galegos no río da Prata e Phillip Duncan Webb, Entre Vigo e Asunción: Avelino Rodríguez Elias no exilio (1936-1958).  

 Venres 26 de outubro:  

 Na xornada do venres 26 de outubro e enmarcado na Feira do Emprego e Formación Tecnoimaxín de 10:00 horas a 12:00 horas, realizaráse unha Conferencia/Exhibición sobre a Robótica de Competición a cargo de Manual Rodríguez e Alejandro Santos, técnicos de hardware e software de OPRobots. 

 Estes dous técnicos explicarán aos presentes como é o seu traballo e como aprenden día a día a facer cousas novas enfrontándose aos mellores enxeñeiros do país. OPRobots exporá as súas creacións amosando como é o seu funcionamento, fomentando a creatividade e innovación a través dos robots de competición de carácter Velocistas, Humanoides, Laberinto e Minisumo).  

 Ás 12:30 horas está prevista a realización dunha charla a cargo de Óscar Rodríguez, Coordinador xeral de Ledisson Ait, programación robótica, sobre «A disrupción laboral: unha verdade incómoda». 

 Trala pausa do xantar, ás 16:00 horas Emilia Simâo e Samuel Barbosa, profesores de multimedia e arte da Escola Superior Gallaecia falarán sobre «Tecnoloxía vs Arte – Video 360º». De seguido, ás 17:30 horas Brais Currás e Mar Cortegoso realizarán unha conferencia/exhibición sobre «Transferencia e innovación: as paisaxes do sal como recurso económico». 


 Xa para rematar a xornada deste venres, ás 21:00 horas o Centro Cultural acolle a representación do espectáculo teatral «Chola it a girl» da compañía de teatro ArtesaCía co elenco de Laura Villaverde. É preciso retirar as entradas con antelación no Centro Cultural. 

 Sábado 27 de outubro:  


 Na mañá do sábado día 27 de setembro de 2018 a partires das 11:30 horas terá lugar na Biblioteca Pública Municipal da Guarda unha nova sesión de «Contos Contados» a cargo de Nelson Quinteiro co seu espectáculo «Pequeno Cabaret Infantil», unha actividade programada para celebrar o Día das Bibliotecas que ten lugar cada 24 de outubro.  

 Dentro da Feira do Emprego e Formación Tecnoimaxín o sábado terá lugar unha Feira de Empresas da comarca cun rasgo innovador, presentada pola coach e psicóloga social Susana Rodríguez, aberta a todo o público entre as 10:00 e as 14:00 horas na Casa dos Alonso. Tamén realizarase unha Charla sobre «Nova perspectiva nos Recursos Humanos, unha mirada sensible na era tecnolóxica» a cargo de María Caeiro, conselleira delegada do Grupo Caeiro, que porá o broche final a esta edición de Tecnoimaxín.

Ningún comentario:

Publicar un comentario