22 de out. de 2018

A GUARDA / CAMINHA

Veciños de Caminha e de A Guarda voltaron a camiñar xuntos 

· Nunha andaina polo Monumento Natural Pena Corneira  

Foto de familia dos participantes nesta andaina pola comarca do Ribeiro
Foto: C. A. G.

Infogauda / A Guarda / Caminha

 Continúan as andainas organizadas conxuntamente entre a Câmara Municipal de Caminha e o Concello de A Guarda e que se realizan entre os meses de setembro e novembro, co obxectivo de coñecer a paisaxe e o patrimonio da comunidade galega e o país veciño.  

 O pasado sábado día 20 de outubro celebrouse a segunda saída, na que os participantes realizaron unha andaina duns 15 quilómetros polo Monumento Natural de Pena Corneira. A andaina foi de ascenso desde Leiro, onde antes de iniciar a ascensión de case 500 m. de desnivel os asistentes percorreron unha parte do río e do pobo.  

 A Pena Corneira é unha gran rocha ou penedo, situada no alto do monte, e amósase como un gran miradoiro sobre a comarca do Ribeiro. O seu bosque, de gran extensión, está catalogado como espazo natural de Galicia xa que está formado por árbores autóctonas. 

 Outros atractivos da ruta foron o conxunto de hórreos de Paredes e as igrexas románicas de Leiro, Lebosende e Serantes. 

 O peche do calendario deste ano 2018 terá como protagonista as terras veciñas rosaleiras coa ruta de 18 quilómetros polos Muíños do Folón e do Picón que terá lugar o vindeiro día 10 de novembro. 

 Os conxunto etnográfico do Folón e do Picón está formado por 60 muiños en fervenza, declarados Ben de Interese Cultural, téndose constancia documental da súa actividade desde o século XVII. 

 Trátase de un percorrido de gran beleza con excelentes panorámicas ao Val do Rosal e ao Esteiro do río Miño. 

 Os participantes tamén se achegarán a capela de San Martiño, na véspera da celebración da súa festividade, pechándose así o calendario de Andainas 2018.

Ningún comentario:

Publicar un comentario