A CIG revalida a maioría absoluta nas eleccións sindicais de Trèves-Galicia
Con 84 votos fronte os 30 de UGT, a central nacionalista consolídase na auxiliar da automoción
Persoal de Trèves Galicia diante da factoría
Foto: CIG
Infogauda / Pontevedra
A candidatura da CIG vén de acadar nas eleccións sindicais celebradas onte luns día 10 de setembro unha nova vitoria en Trèves Galicia, superando amplamente con 84 votos os 30 da UGT, o que suporá 6 delegados nun comité de 9. Revalida, deste xeito, a maioría absoluta no comité de empresa da auxiliar da automoción con sede no polígono pontevedrés do Campiño.
Desde a sección sindical da CIG queren agradecer ao persoal a confianza depositada, á vez que interpretan o apoio recibido como un aval ao traballo realizado non só nos últimos catro anos, se non desde que a central nacionalista iniciou a súa andadura na empresa.
Segundo indican, a marxe puido ser aínda máis ampla, pois non acadaron o sétimo delegado unicamente por 6 votos. Indican, ademais, que desta volta confrontaron unha candidatura menos, ao desaparecer a candidatura independente. CCOO logra, pola súa banda, un único representante en oficinas.
A respeito dos reptos futuros que enfronta o persoal de Trèves, desde a CIG salientan a necesidade de continuar a loitar en prol da carga de traballo, unha maior diversificación para evitar a excesiva dependencia de PSA-Citroën e continuar as melloras en materia salarial e social de cara ao vindeiro convenio, que se comezará a negociar a finais deste ano.
Indican, ademais, que durante estes anos de crise no sector da automoción lograron exercer un importante contrapeso frente ás tentativas precarizadoras da patronal, mellorando en cada convenio as condicións previas. Entre os logros destacan o teren acadado o promedio salarial das auxiliares de Citroën partindo dunhas condicións inferiores, reduciren a desigualdade salarial interna ou evitaren as dobres táboas salariais que existen noutras empresas do sector.
Ningún comentario:
Publicar un comentario