As obras do novo edificio xudicial de Tui comezarán de inmediato e será unha realidade no verán de 2019
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, desprazouse onte venres ata o antigo Centro de Saúde, que se rehabilitará para acoller os tres xulgados da cidade
Infogauda / Tui
As obras do que será o novo edificio xudicial de Tui van comezar de inmediato, o próximo luns, tras a sinatura onte da acta de replanteo. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, desprazouse onte ata a cidade para visitar o seu emprazamento: o antigo centro de saúde, que agora se rehabilitará para acoller os tres xulgados da localidade.
O prazo previsto de execución dos traballos é de 12 meses, polo que se prevé que poidan estar rematados no verán de 2019. En total, a Xunta de Galicia investirá uns 2,7 millóns de euros para facer realidade esta nova infraestrutura.
O novo edificio xudicial permitirá unificar as tres unidades xudiciais que existen na localidade, e que prestan servizo aos tudenses e ás aproximadamente 50.000 persoas que residen nos concellos que conforman o partido xudicial: A Guarda, Oia, O Rosal, Tomiño e Tui.
A infraestrutura contará con case 1.500 metros útiles, que se dividirán entre as plantas primeira e baixa, e o soto. Na planta máis alta, situaranse as dependencias administrativas como as oficinas dos xulgados e os despachos. Na baixa, á que accederá o público, estarán as tres salas de vistas, o rexistro, as dependencias do Imelga, ou a Oficina de atención á vítima. Por último, no soto ubicaranse outras instalacións como almacéns ou calabozos.
Co novo edificio xudicial, Tui disporá dun espazo unificado, máis cómodo, amplo e funcional, xa que a mellora da eficiencia enerxética será tamén un dos puntos claves do proxecto.
Esta actuación forma parte do Plan de infraestruturas xudiciais que a Xunta de Galicia lanzou en 2009 e que, grazas a un investimento duns 100 millóns de euros, está a permitir renovar distintas sedes xudiciais galegas para garantir os mellores recursos posibles para a Administración de Xustiza. Neste mesmo plan inscríbense outras obras como a nova Cidade da Xustiza de Vigo, o novo edificio xudicial de Pontevedra ou a xa rematada Fábrica de Tabacos na Coruña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario