4 de ago. de 2018

A GUARDA

A labor pioneiro do Botánico Padre Baltasar Merino abre a programación de Monumenta 2018

O ciclo de andainas da Consellería de Cultura e Educación comeza esta fin de semana cun achegamento ao traballo precursor do científico Merino na contorna da Guarda

Para reservar as últimas prazas dispoñibles cómpre inscribirse na web de Monumenta

Ata o 2 de setembro, Monumenta, andar con arte tamén se achegará ao patrimonio cultural e paisaxístico de Valdoviño, Ordes, Esgos, Palas de Rei, A Peroxa e Bueu a través de andainas con camiñantes convidados e música en acústico


Infogauda / A Guarda

 A nova edición de Monumenta, andar con arte botou a andar esta fin coa muralla de Lugo e o labor pioneiro de Baltasar Merino como protagonistas. Hoxe día 4 de agosto, o ciclo de andainas para a descuberta do patrimonio da Consellería de Cultura e Educación chegou á capital lucense para afondar na muralla romana, cun percorrido guiado que partiu da Domus do Mitreo.  

 O arqueólogo Celso Rodríguez e o arquitecto José Pastor Ferreiros, xunto co membro da Sociedad Española de Ornitoloxía Gustavo Ferreiro, foron os camiñantes convidados da xornada inaugural e os encargados de comentar as principais transformacións urbanísticas producidas nos últimos anos arredor deste monumento patrimonio da humanidade, xunto coas intervencións arqueolóxicas ligadas á súa conservación.  

Baltasar Merino: seguindo os pasos de camiñantes históricos 

 O protagonista da xornada do domingo 5 de agosto será Baltasar Merino e o seu labor pioneiro nos ámbitos da botánica e da meteoroloxía galegas. O xesuíta burgalés, que chegou a finais do século XIX a Galicia, onde impartiu docencia no colexio da Pasaxe da Guarda, sistematizou gran parte da vexetación de Galicia, ademais de ser un precursor na aplicación dos coñecementos meteorolóxicos á predición do tempo co obxectivo de contribuír á salvagarda da xente do mar.  

 A partir da súa obra, Monumenta achegarase aos ambientes ecolóxicos da costa da Guarda, a través da vexetación da beiramar do esteiro do río Miño ata a punta dos Picos (Camposancos), sen esquecer os seus valores arqueolóxicos e etnográficos, ademais de observar as nubes desde a perspectiva meteorolóxica. Para iso, a xornada contará co xeógrafo físico Juan López Bedoya e co bioxeógrafo Manuel Anxo Freire. A parte musical da xornada, que dará comezo ás 10:30 horas na Estación Marítima da Pasaxe (Camposancos) A Guarda, correrá a cargo da artista arzuá MJ Pérez, unha das novas voces do panorama actual da música galega.  

 Andainas para explorar o patrimonio 

 Ata o 2 de setembro, Monumenta ofrecerá un total de oito andainas que tamén percorrerán os municipios de Valdoviño, Ordes, Esgos, Palas de Rei, A Peroxa e Bueu. Trátase dun programa de actividades culturais que se desenvolve ao redor da acción de camiñar e da experiencia da andaina como a mellor e a máis antiga das maneiras de explorar e de vivir o territorio. A integración da música nos percorridos para recuperar a tradición milenaria da música ambulante, o seguimento das pegadas de camiñantes históricos, a presenza do patrimonio inmaterial e mesmo rutas experimentais son os principais eixos deste programa co que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia lle achega á cidadanía unha experiencia diferente de vivir e sentir o noso patrimonio, relacionando cada edificio co territorio e coa súa singularidade cultural e paisaxística.  

 A programación completa do ciclo está accesible en Monumenta e mais en cultura.gal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario