2 de ago. de 2018

OURENSE

A novela Arnoia, Arnoia, de Ferrín, convértese en videoxogo, mesturando tradición e vangarda

A Deputación de Ourense apoia este proxecto audiovisual, coordinado por Antonio Piñeiro, coordinador cultural no Concello de Celanova; Luz Castro, especialista en marketing dixital; e Martín López Nores, profesor da Escola de Telecomunicacións de Vigo.  

Manuel Baltar afirma que esta iniciativa de innovación cultural "é unha ferramenta que permite trasladar a todos os públicos a riqueza literaria e turística de Celanova e Ourense por medio dun formato novidoso".

Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, reunise cos impulsores desta iniciativa cultural: Antonio Piñeiro, coordinador cultural no Concello de Celanova, Luz Castro, da empresa compostelana Imaxin Software e especialista en marketing dixital, así como relatora da Ourense ICC Week, e Martín López Nores, profesor da Escola de Telecomunicacións da Universidade de Vigo e coordinador por esta universidade, do programa europeo CrossCult
Foto: D. OU.

Infogauda / Ourense

 A novela Arnoia, Arnoia, do escritor Xosé Luis Méndez Ferrín, publicada por primeira vez en 1985, converterase en videoxogo, un proxecto apoiado pola Deputación de Ourense e contribuirá "a trasladar a todos os públicos a riqueza literaria e turística de Celanova e da provincia de Ourense por medio dun formato novidoso e interactivo", afirmou o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, logo da reunión que mantivo no Pazo Provincial cos impulsores desta iniciativa cultural: Antonio Piñeiro, coordinador cultural no Concello de Celanova, Luz Castro, da empresa compostelana Imaxin Software e especialista en marketing dixital, así como relatora da Ourense ICC Week, e Martín López Nores, profesor da Escola de Telecomunicacións da Universidade de Vigo e coordinador por esta universidade, do programa europeo CrossCult.  

 Manuel Baltar destacou que este proxecto "mestura tradición e vangarda, e amosa a creatividade da nosa provincia no ámbito audiovisual, neste caso coa obra dun dos nosos escritores máis insignes como é Méndez Ferrín, unindo historia e innovación tecnolóxica".  

 O proxecto, que terá versións en galego, español e inglés, ten como obxectivo -por medio da transformación da novela Arnoia, Arnoia ao ámbito do videoxogo- dinamizar didáctica e turisticamente as Terras de Celanova e da Baixa Limia; divulgar a literatura dos autores de Celanova con outro tipo de rexistros e linguaxes comunicativas alén do libro; e utilizar as novas tecnoloxías para aproximar a literatura dos autores de Celanova á xuventude. Tamén pretende promover a dinamización local e o fomento do emprego por medio da creación de industria cultura baseada no patrimonio literario e cultural de Celanova e a súa zona de influencia.  

 O videoxogo, que permitirá entre outras posibilidades descargalo como app e xogar en rede e mesmo terá tamén o formato de xogo de mesa, consistirá en ofrecer unha serie de pistas para percorrer turisticamente a comarca de Celanova a través de xeolocalizacións, conxugando escenas de realidade aumentada con escenarios reais.  

 A obra na que se basea o videoxogo narra a viaxe de Nmógadah, un mozo de dezaseis anos, un dos Príncipes Segredos das terras de Arnoia, na procura de aventuras. Entre os escenarios que figurarán nesta proposta audiovisual figuran o alcázar de Milmanda, a ponte de Freixo, Cortiña Grande, Castromao, os ríos Arnoia e Tuño e a Chaira, entre outros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario