5 de ago. de 2018

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

NADIA VÁZQUEZ MARTÍNEZ, DE CAMPOSANCOS, GAÑA O PRIMEIRO PREMIO COMO SOLISTA NO FESTIVAL INTERNACIONAL LE SON CONTINU

É a primeira muller en acadar ese galardón

Nadia Vázquez Martínez, no intre de receber seu diploma acreditativo como gañadora solista do Concurso de Cornamusa do festival de música tradicional Le son continu
F. D.

Infogauda / Camposancos

 Logo de ingresar, con 9 anos, no conservatorio para estudar gaita, agora con 22, a camposina Nadia Vázquez ven de gañar o Concurso Solista de Cornamusa do festival de música tradicional Le son continu, que se celebrou no pasado mes de xullo no Château d`Ars (Francia). 

 É a primeira vez que unha muller consegue esta distinción que só alcanzou - en 1989 - outro galego: O gaiteiro e luthier  Antón Varela.

 Desde moi noviña, Nadia Vázquez Martínez (Camposancos, 1966), viu acadando galardons logrando un distinguido palmarés. 

 No curso 2017/2018 foi estudante cunha bolsa Erasmus na Universidade LUCA  School  of  Arts, Campus Lemmens in Leuven (Bélxica), onde estudou musette baroque co doutor Jean-Pierre Van Hees, un dos maiores especialistas de gaitas do mundo. 

 «A musette baroque é unha gaita con chaves, dous punteiros, dixitalización pechada e na que non se sopra porque hai un fol que xera o vento para inflar a bolsa e facer soar un  chanter e un  bordón», explica Nadia Vázquez.

 A ilusión de Nadia Vázquez é poder chegar a vivir da súa paixón e niso focaliza os seus estudos. «Claro que me encantaría poder vivir algún día da música e, en concreto coa gaita, para iso estudo», recoñece. Co seu logro no festival Le son continu xa entrou na historia deste destacado evento internacional.  «Dixéronme que son a primeira muller en gañalo e iso que se celebra desde o ano 1976», afirma Nadia.

 A valoración non pudo ser mellor. Impúxose a unha decena de candidatos doutros países como Francia ou Bélxica. «Estou moi contenta, non só como músico e por levar este premio para Galicia, senón polo valor engadido de ser a primeira muller en conseguilo», recoñece a moza.

 «As mulleres non se presentan tanto a concursos como os homes, aínda que moitas veces toquen mellor», recoñece Nadia Vázquez. Ela móstrase moi agradecida pola oportunidade que tivo de poder viver de preto a mestría de Jean-Pierre Van Hees, autor e compositor, coñecido polo seu dominio do instrumento barroco.

 En 2015, no Conservatorio Profesional de Tui obtivo o premio de fin de grao na especialidade de Gaita. A súa carreira complementarase con cursos e talleres de prestixiosos músicos como Daniel  Bellón, Pablo  Devigo, Xurxo Fernández ou Marcos Campos. Participou en varios concursos de gaita solista onde obtivo o primeiro premio, como no XVII Concurso de Música Tradicional  Xacarandaina, e no de gaita e tamboril de Tui, fíxose co segundo posto.

 Actualmente estuda gaita no Conservatorio Superior de Musica de Vigo con Rebeca Carrera.  É membro do grupo Traspés, de Vigo. Como solista e membro de outras diferentes agrupacións, ten participado en festivais importantes por diferentes países de Europa como Croacia, Francia, Portugal, Bélxica, España,... En 2017, na III edición de "Noites do Castelo", compartiu escenario coa gaiteira Susana Seivane, e seu grupo, sendo presentada diante do público, con verbas moi agarimosas pola gaiteira, neta de Xosé Manuel Seivane.

 Nadia ten os pés na terra pero o corazón de artista. O seu soño é chegar algún día para poder participar do tradicional concerto de Ano Novo que se celebra en Viena. «Por agora a miña prioridade é acabar a carreira e poder facer un máster», di.

Ningún comentario:

Publicar un comentario