13 de xul. de 2018

SALCEDA DE CASELAS

BENÍTEZ SUPERVISA O FIN DE OBRA DA NOVA INTERSECCIÓN NA ESTRADA PROVINCIAL CERQUIDO-BORRALIÑO EN SALCEDA 

O deputado de Mobilidade lembrou a aposta da Deputación por realizar actuacións de mellora de seguranza viaria dentro da Estratexia 3.0  

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez - a dereita da imaxe -, xunto co alcalde de Salceda de Caselas, Marcos Besada
Foto: D. P.

Infogauda / Salceda de Caselas

 O deputado de Mobilidade Uxío Benítez, xunto co alcalde de Salceda de Caselas Marcos Besada, supervisou hoxe o final das obras de mellora da seguranza viaria na estrada provincial Ep-2503 entre Cerquido e Borraliño no Concello de Salceda de Caselas. Segundo explicou,a mellora da intersección entre a vía provincial e as municipais implica un aumento da seguranza viaria na zona, cuestión que é “unha clara aposta do novo goberno provincial dentro da súa Estratexia 3.0 de Mobilidade para a rede de estradas provinciais”.  

 Benítez destacou que a actuación nesta vía provincial en Salceda, cun orzamento de licitación de 115.745 euros, fora unha prioridade solicitada polo alcalde incluso a gobernos provinciais anteriores, polo que salientou que se cumpre cunha “demanda histórica”. Lembrou que no cruce que acaba de remodelarse conflúen a estrada provincial e outras vías municipais que dan acceso a diferentes puntos de centralidade: o polígono industrial de O Cerqueiro, o centro cultural de Budiño, a área recreativa de O Coto, o CRA Raíña Aragonta, o parque etnográfico, e a igrexa e cemiterio de Budiño.  

 O proxecto para resolver a intersección incluíu a creación dunha nova área pavimentada para delimitar novos carrís de incorporación e agarda. A maiores da ampliación da plataforma, corrixíronse os peraltes tendo en conta o alto número de camións que pasa pola zona cara ao polígono industrial, e implantáronse dous elementos redutores de velocidade en forma de pasos de peóns sobreelevados en ámbolos extremos de actuación, limitando a velocidade a 30 quilómetros hora. Tamén se instalou novo alumeado, potenciándoo na zona de cruce con sete novas luminarias tipo led e retirando as catro anteriores.  

 Por outra banda, o deputado de Mobilidade tamén anunciou ao alcalde que a contratación das obras de mellora do treito urbano da estrada provincial EP-2505, coñecida como rúa da Gándara, está en fase de presentación de ofertas. Segundo lembrou, a actuación ten un orzamento de 680.000 euros e seis meses de prazo de execución unha vez rematadas. A mellora desta vía abranguerá 350 metros, dende o cruce coa estrada PO-407 ata despois da ponte baixo a PO-510. Na zona inicial construirase unha nova glorieta de ordenación do tráfico, que dará paso a unha reurbanización cun deseño novidoso e de grande calidade urbana. A principal novidade é que a rúa pasará a ter plataforma única e integrarase no parque da Gándara, eliminando a balaustrada e o muro actual.

Ningún comentario:

Publicar un comentario