13 de xul. de 2018

COVELO

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA INVESTIRÁ PRETO DE 565.000 EUROS EN TRES OBRAS DE MELLORA DE ESTRADAS PROVINCIAIS EN COVELO  

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez reuniuse hoxe co alcalde para anunciar a construción dunha senda no lugar de A Graña  

O nacionalista tamén se comprometeu a un ensanche en máis dun quilómetro na estrada EP-5106 no lugar de Redondo e unha rehabilitación integral do treito antigo    

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez reuniuse hoxe co alcalde  Juan Pablo Castillo
Foto: D. P.

Infogauda / Covelo

 A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Mobilidade, vai realizar tres obras de mellora nas estradas provinciais no Concello de Covelo. O deputado de Mobilidade Uxío Benítez reuniuse hoxe co alcalde  Juan Pablo Castillo e indicoulle que o investimento total nos proxectos alcanza os 565.000 euros, que se destinarán á construción dunha senda no lugar de A Graña, a un ensanche dun quilómetro da EP-5106 Covelo-Barciademera entre Ponte  Lourido e Redondo, e á rehabilitación do firme e acondicionamento de 800 metros do treito vello desta última vía. 

 Benítez acudiu ao Concello de Covelo acompañado do xefe de servizo de Mobilidade, Francisco Alonso, co fin de dar resposta a algunhas das peticións que fixera o rexedor de Covelo á Deputación. Deste xeito, o nacionalista presentou as características técnicas do proxecto de ‘Mellora da seguranza viaria e senda peonil na EP-5105 Maceira-A Graña, dendo o PQ 10+250 ata o PQ 11+350’. 

 O deseño para a estrada establece –dixo Benítez- unha primeira zona de actuación onde se acondicionará e reforzará o firme da plataforma existente, dispoñendo un asfaltado antiescorregadizo que mellore a seguranza viaria. Posteriormente, iníciase a senda coincidindo coas primeiras vivendas do núcleo de A Graña e chegando ata á zona anexa á casa social, onde se fixo recentemente unha adecuación da vía.  

 Segundo explicou o deputado ao alcalde, a senda terá un largo de 2,5 metros, tal e como está establecido nos criterios de calidade da Deputación, e irá paralela ao trazado da estrada, separada da calzada por marcas viais e captafaros. Irá na mesma rasante que a vía e na mesma plataforma, salvo no PQ 4+20 onde é precisa unha pasarela de madeira paralela á actual estrutura de formigón. Ademais, na zona final (onde hai máis densidade de edificacións) prevese a execución dunha zona de convivencia entre vehículos e peóns con prioridade para estes últimos debido á falta de espazo. O orzamento desta obra, adiantou Benítez, roldará os 300.000 euros e será financiada grazas a un convenio de colaboración da Deputación co Concello. 

 O responsable provincial quixo destacar que as actuacións previstas teñen como intención aumentar a seguranza viaria en toda a rede de estradas da provincia. “Queremos facer unha replanificación profunda das actuacións en mobilidade poñendo sempre como prioridade á spersoas, e con especial fincapé nos colectivos máis vulnerables: os peóns, as persoas con mobilidade reducida e os ciclistas”, apuntou Benítez.    

 Estrada provincial Covelo-Barciademera 

 O deputado de Mobilidade tamén presentou ao alcalde de Covelo dous proxectos de mellora para a estrada provincial Covelo-Barciademera (EP-5106). O primeiro deles está referido a unha ampliación da plataforma existente no treito entre Ponte Lourido e Redondo (dos puntos quilométricos 5+600 e 6+650). A proposta é anchear a estrada ata un total de cinco metros xunto coa construción dunha cuneta formigonada de seguridade rebasable dun metro de largo en todo o treito. Farase tamén unha repavimentación total do largo da calzada e traballos de renovación de defensas metálicas e sinalización horizontal e vertical. O orzamento desta actuación de mellora da seguranza viaria é de máis de 192.000 euros.  

Finalmente, Benítez destacou que o último proxecto presentado para o municipio de Covelo é o ‘Acondicionamento do treito antigo da EP-5106 Covelo-Barciademera entre os PQ 6+550 e 7+350’, que contempla a rehabilitación do firme da antiga estrada provincial (que foi substituída por unha variante) ao seu paso polo núcleo de Redondo. De forma complementaria realizaranse unha limpeza xeral de cunetas, facendo un formigonado no último treito, así como a renovación da sinalización horizontal e vertical. Tamén se inclúe unha adecuación das zonas axardinadas cercanas á igrexa de San Xosé. O orzamento desta actuación, dixo o deputado, ascende a preto de 77.000 euros. Unha vez realizada a reforma, a Deputación transferirá a titularidade da vía ao concello.

Ningún comentario:

Publicar un comentario