6 de xul. de 2018

PONTEVEDRA

AREEIRO CALIFICA DE “ELEVADÍSIMO” O NIVEL DE DANOS NAS VIÑAS POR DEFOLIACIÓN E ACIOS SECOS A CAUSA DO MILDEU   

O persoal técnico sinala que o número de esporas do fungo nas plantas triplicouse dende a semana pasada

  

Hai acios adiantados proximos a peche
Foto: EFA

Infogauda / Pontevedra

 A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén asegurar no seu aviso fitopatolóxico desta semana que o nivel de danos nas viñas por defoliacións e acios secos a causa do Mildeu é xa “elevadísimo”. De feito, o persoal técnico apunta que o número de esporas do fungo nas plantas triplicouse dende a semana pasada e, dado que o nivel de risco de infección é moi alto, aconsella manter unha boa vixilancia e non dubidar en renovar os tratamentos mollando ben as plantas. 

 Segundo apunta a técnica Rosa Pérez, en canto á fenoloxía, nos últimos días volveuse observar unha evolución das viñas, xa que a práctica totalidade ten a uva tamaño chícharo, o que supón unha ou dúas semanas de retraso fronte á fenoloxía de 2017 - adiantada de xeito similar á de 2015 e 2014- e un adianto lixeiro fronte ao acontecido na campaña 2016.  

Gráfica do captador situado no Areeiro entre as plantas testemuña (colaboración coa Facultade de Ciencias do campus de Ourense- Universidade de Vigo)
Fonte: EFA


 Con respecto ao Mildeu, unha semana máis houbo condicións que continuaron sendo favorables á esporulación do fungo e ás infeccións secundarias, que provocaron un novo pico no volume de esporanxios que recolleu o captador situado entre as plantas testemuña da finca de Areeiro. Se na semana anterior se detectou un valor máximo de 1.112 esporanxios por metro cúbico o día 25 de xuño, nesta semana o día 1 ese valor case se triplicou, chegando aos 3.040 esporanxios por metro cúbico.   

 Por outra banda, en canto ás plantas e parcelas tratadas, no percorrido da rede de seguimento detectouse que o Mildeu está practicamente presente en todas independentemente da estratexia de intervención, do tempo transcorrido desde a última aplicación, e do tipo de funxicida utilizado tanto no último tratamento como nos anteriores. Por comarcas, en xeral observouse unha situación máis vantaxosa no Salnés e en Soutomaior que no Condado ou O Rosal. No referido ás parcelas, hai situacións moi diferentes mesmo dentro da mesma zona, desde viñas practicamente limpas nas que só hai un único acio cunha porcentaxe feble de ocupación ata viñas cunha presencia de acios con Mildeu de arredor do 15-20%.   

 Nos vindeiros días continuará onivel alto de risco, o que implica nonabandonar a vixilancia periódica das viñas, pois poden seguir aparecendo síntomas en acio a consecuencia dos diferentes ciclos de infección, en especial naquelas parcelas onde a enfermidade está máis estendida. Caso de aparecer, advirte Pérez, “non dubiden que deben renovar a intervención, procurando ser moi coidadosos na aplicación, mollando moi ben a totalidade das plantas e de zonas verdes, e mesmo repasando o tratamento se non se ten a seguridade de telo feito ben”.   

 Así mesmo, dende a EFA advírtese de que aínda poden comezar os problemas polo perigoso Mildeu larvado (que xa se empeza a observar) e que, como é sabido, aínda é máis difícil de xestionar con garantías.  

 Con respecto a outras patoloxías da viña, dende Areeiro apuntan que empezan a aparecer algúns acios con algúns grans afectados por Oidio, mais de momento de xeito bastante puntual. En calquera caso apuntan que o nivel de alerta debe ser alto, cobrando aínda máis importancia as labores de esfolla moderada e de eliminación (ou corta) dos gromos sen acios (ou demasiado longos), aparte dunha correcta realización dos tratamentos.   

 No que se refire á botrite non hai indicios da presencia do fungo, mais este ano tan húmido hai que estar moi alerta á posible aparición de síntomas na uva, favorecer a aireación dos acios, e mesmo aplicar un tratamento se existe a posibilidade de que a uva teña lesións. Hai que ter moi en consideración o xeito de facer as rozas da vexetación, porque poden facer saltar pequenas pedras que rachan a pel do gran, así como as roturas que poida haber naquelas fincas con maior nivel doutras enfermidades.  

 Na rede de trampeo de Areeiro, por outra parte, xa se ten detectado o voo da segunda xeración de Lobesia botrana en todas as comarcas, polo que se advirte que é fundamental a observación dos acios para a detección de ovos (que son difíciles de ver) e das penetracións de larvas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario