DepoDesafío chega ao Baixo Miño cunha carreira entre A Guarda, O Rosal e Tomiño
Infogauda / O Baixo Miño
Este domingo día 22 de xullo celébrase unha carreira a pé enmarcada no programa DepoDesafío da Deputación de Pontevedra, que levará aos seus participantes polas beiras do Río Miño entre Tomiño, O Rosal e A Guarda, rematando aos pés do Monte Santa Trega.
Nesta primeira proba os participantes terán un percorrido moi técnico pola senda do Miño, alternando sendeiros con zonas asfaltadas cunha distancia media de 21 km. e 97 m. de desnivel.
O prazo de inscrición para o "Depo Desafío" amplíase ata este venres 20 de xullo, ás 14:00 h. O novo período para recoller os dorsais será o venres 20 de xullo, de 9:00 a 14:00 horas, ou o mesmo día da proba nos puntos de información (para recoller o dorsal e o chip será necesario presentar un documento oficial acreditativo).
Na práctica deportiva poñémonos retos para manter viva a ilusión e seguir adestrando ou facendo deporte. Non serve con facer algo fácil e accesible, o que nos motiva é tentar superar aquelas cousas que supoñen un desafío.
Non penses que cando acabas un reto xa está todo feito. Se che gusta o deporte e queres gozar del, sempre estarás a buscar desafíos para sentirte realizado como deportista e como persoa.
Por todo iso, a Deputación de Pontevedra, continuando co desenvolvemento do seu plan estratéxico, impulsa un novo formato de probas deportivas chamado "DepoDesafío", que combina a carreira, a bicicleta e a natación nun ciclo de 5 probas onde as e os participantes vivirán novas experiencias e emocións.
Ven e goza dun ambiente especial no que poderás visitar e coñecer os encantos da provincia de Pontevedra, xa que cada proba do "DepoDesafío" levarase a cabo nun lugar diferente da provincia.
Está dirixido a persoas maiores de 18 anos que queiran experimentar novos desafíos, así que non o dubides e apúntate.
Como participo?
Admitirase un máximo de 300 participantes e terá un custo de 30 euros por persoa. Isto inclúe a participación en todas as probas (para máis información ver o regulamento do "DepoDesafío"), aínda que tamén se pode participar nunha soa (ver o límite de prazas e o custo na parte do regulamento específico de cada proba).
Como me inscribo?
Só tes que ser maior de 18 anos e que che gusten os retos. Inscríbete a través do servizo web na modalidade de desafío ou na de proba individual.
Como recollo o meu dorsal?
Os dorsais recolleranse na Deputación de Pontevedra, no Servizo de Deportes. Para a modalidade individual recolleranse o mesmo día da proba nos puntos de información ata 30 minutos antes de que comece.
Para máis información premer eiquí.
Ningún comentario:
Publicar un comentario