ADXUDICADAS AS OBRAS DA MELLORA INTEGRAL DA ESTRADA PROVINCIAL PUXEIROS-PEINADOR, EN MOS
· A actuación será executada pola empresa Narom, S.L. nun prazo de catro meses tras o inicio dos traballos
Uxío Benítez Fernández, deputado de Mobilidade
Foto: D. P.
Infogauda / Mos
A Deputación de Pontevedra vén aprobar a adxudicación da mellora integral da estrada provincial EP-2603 Puxeiros-Peinador no termo municipal de Mos á empresa Narom, S.L. O orzamento final das obras, segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez Fernández, é de 467.681,55 euros, dos que a institución provincial financiará o 86,33% e o goberno local o 13,67%.
O deputado Benítez explica que o proxecto suscitou o interese de 16 empresas, que presentaron as súas correspondentes ofertas na fase de licitación. O persoal técnico provincial considerou que catro das propostas eran anormalmente baixas en canto ao prezo, polo que quedaron excluídas por baixa temeraria. Unha vez aprobada a adxudicación, empezan a contar os prazos para a formalización do contrato, a entrega da documentación e a presentación da acta de replantexamento. O prazo de execución dos traballos está fixado en catro meses unha vez se inicien os traballos, algo que se considera “inminente” .
A actuación na EP-2603, segundo o nacionalista,é unha prioridade para a Deputación, xa que a vía ten unha grande capacidade vertebradora tanto no municipio como na área metropolitana de Vigo, pois conecta co aeroporto e vías de alta capacidade,e tamén chega ata ao IFEVI e á zona industrial do Rebullón. Trátase da terceira estrada provincial con máis intensidade media diaria (IMD) de vehículos de toda a rede provincial, soportando o paso de 8.000 vehículos diarios, dos que o 10% son de grandes dimensións.
O ámbito de actuación das obras abrangue a totalidade da estrada (2.759 metros de lonxitude) e conlevará a rehabilitación estrutural do firme; calmado do tráfico; sistemas de protección de motociclistas -de tipo continuo- en substitución das biondas existentes; remarcado dos pintados lonxitudinais, transversais, inscricións, e outros; nova iluminación; novas tubaxes de abastecemento de auga pola marxe dereita; así como novos sumidoiros de rexa continua conectados á rede de pluviais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario