26 de xul. de 2018

A GUARDA

A Guarda ofrece visitas guiadas regulares e gratuítas ao Monte Santa Trega 

Ata finais de agosto  

Vivenda castrexa e construcción anexa, no xacemento arqueolóxico do Monte Santa Trega (A Guarda)
Foto: Infogauda

Infogauda / A Guarda

 Dende o departamento de Turismo do Concello da Guarda dáse a oportunidade de coñecer o Monte Santa Trega grazas á oferta de visitas guiadas a este espazo. Nesta tempada estival as visitas concentraranse os sábados e domingos cunha oferta de dous diferentes percorridos.   

Polo tanto, as fins de semana ata finais de agosto, agás o día 12, que pola celebración do Día do Monte das Festas do Monte non se realizará visita, poderase coñecer o Monte Santa Trega acompañado dun guía.  


 Aquelas persoas que desexen realizar unha visita guiada completa polo emblemático monte e coñecer máis polo miúdo o seu valor arqueolóxico, relixioso e paisaxístico, poderán participar nas saídas ás 12:30 h., e ás 17:00 h. do Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega (MASAT).  Dende alí, os participantes coñecerán as pezas expostas no museo e continuarán coa visita a ermida de Santa Trega para despois baixar polo sendeiro do Vía Crucis ata o Castro de Santa Trega onde se explicarán os contidos arqueolóxicos deste espazo escavado. Esta visita terá unha duración aproximada de 90 minutos.   

 Ademais ás 11:30 ofrecerase a oportunidade de realizar unas visitas guiadas centradas unicamente no castro, cunha explicación do xacemento arqueolóxico de 30 minutos de duración.   

 As persoas interesadas en participar deberán presentarse á hora de saída no punto de encontro indicado. Malia que as visitas son gratuítas, compre ter en conta que o taxa de acceso ao Monte Santa Trega é de 1€ para as persoas adultas e de 0,50€ para os/as menores de 14 anos. Os grupos formados por máis de 10 persoas deberán reservar a súa visita previamente chamando ao Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega (986 610 504). 

Ningún comentario:

Publicar un comentario