30 de xuño de 2018

TUI

A XUNTA DE GALICIA XA CONCEDEU A TOTALIDADE DAS AXUDAS AO ALUGUEIRO SOLICITADAS POLOS AFECTADOS DA EXPLOSIÓN DE PARAMOS (TUI)

· Outorgáronse 13 as axudas para o alugueiro, por importe de 60.555 euros

· Tamén se concederon 11 axudas para danos en vivendas e enxoval

· Ata o momento xa se deron preto do 55 por cento das axudas solicitadas

Infogauda / Tui

 A Xunta de Galicia xa concedeu a totalidade das axudas para o pago do alugueiro solicitadas con documentación completa presentada polos afectados pola explosión pirotécnica rexistrada en Paramos (Tui), así como tamén outorgou tres novas axudas por danos nas vivendas.

 En total, neste intre, xa se concederon axudas por importe de preto de 123.000 euros.

 No caso das axudas ao alugueiro xa foron concedidas as 13 solicitadas ata a data, por un importe total de 60.555 euros.

 Existe unha solicitude máis, que fai o número 14, que está pendente de presentación da documentación do seguro por parte do solicitante. Neste caso o seguro da vivenda cobre o custe do alugueiro, pero a Xunta podería conceder unha axuda complementaria no caso de que a cobertura de dito seguro sexa inferior á axuda da Xunta.

 Polo que respecta ás axudas de danos a vivendas e enxoval, o número de axudas concedidas ata este momento é de 11, sobre un total de 28 solicitudes presentadas. O importe das axudas concedidas para este fin é de 62.328,90 euros.

 Nos primeiros días da próxima semana aprobarase o anticipado das axudas de danos a vivendas correspondentes aos sete beneficiarios que así o solicitaron e aos que se concederon axudas por importe de máis de 50.000 euros.

 O Instituto Galego da Vivenda e Solo continúa traballando coa meirande dilixencia para resolver as solicitudes presentadas no menor tempo posible.

Ningún comentario:

Publicar un comentario