7 de xuño de 2018

A GUARDA

Alumnado de FP do IES A Sangriña realiza as súas prácticas académicas en Lisboa  


Un total de 10 estudantes e 2 docentes participan no proxecto de mobilidade europea no marco do programa Erasmus+


Profesores e alumnado de Ciclos Medios do IES A Sangriña


Informa (fotografías e redacción): Sara Alonso / A Guarda


 O alumnado de Formación Profesional (FP) do IES A Sangriña está a participar no programa Erasmus+ coa realización das súas prácticas académicas en Lisboa. 

 Un total de 10 alumnas e alumnos de FP permanecen dende abril no país veciño, co obxectivo de adquirir novas ferramentas profesionais complementarias á súa formación académica, ao tempo que se familiarizan e integran no mercado laboral europeo.

 Segundo explica a coordinadora do proxecto, Teresa Álvarez, a celeridade das transformacións socioeconómicas fai necesario «que o alumnado poña  en práctica os coñecementos específicos das súas especialidades en contexto diferentes aos habituais», adaptándose á realidade laboral internacional.

 Os estudantes foron seleccionados seguindo criterios académicos e atendendo ao seu interese no proxecto e as súas competencias socias e lingüísticas. Froito desta escolma, alumnas e alumnos do Ciclo Medio de  Xestión Administrativa (Abigail Likos, Paula Vidal, Iván Rodríguez e Neftalí González), do Ciclo Medio de Electromecánica  de Vehículos (Alejandro Rodríguez e Daniel de Olveira) e  do Ciclo Medio de Sistemas Microinformáticos e Redes (Pablo González e Manuel Á. Silva) permanecen dende o 3 de abril no país veciño.

Brian Rodríguez e Manuel Dorna, alumnos da FP Básica de Mantemento de Vehículos 

 A súa estadía prolongarase durante 80 días, nos que cursarán o módulo profesional de Formación en Centros de Traballo (FCT) en empresas da capital lusa. Amais deles, dous alumnos da FP Básica de Mantemento de Vehículos (Brian Rodríguez e Manuel Dorna) tiveron oportunidade de participar no proxecto cunha estadía que comezou o 23 de abril e prolongarase durante 60 días nun centro de traballo relacionado coa súa especialidade formativa. Así as cousas, o alumnado retornará á Guarda o vindeiro 22 de xuño, tras meses de inmersión laboral e cultural no país veciño.

 O proxecto de mobilidade europea incluíu nesta ocasión a participación de dous docentes, que realizaron un período de observación («job shadowing») nunha empresa portuguesa o pasado mes de maio. Durante a súa estadía, dunha semana de duración, os mestres coñeceron o funcionamento e estrutura dun negocio luso e intercambiaron coñecementos sobre métodos pedagóxicos e laborais con responsables e traballadores.

 Esta experiencia permitirá que «os estudantes que non participan no programa se beneficien dos coñecementos e a experiencia adquirida» tanto polos seus docentes como polos compañeiros e compañeiras participantes nesta inmersión no mercado laboral estranxeiro, explica Teresa Álvarez.

 O instituto guardés participa no programada de mobilidade europeas Erasmus+ dende 2014. Ata o momento, téñense beneficiado preto de medio centenar de alumnos e alumnas das tres familias profesionais impartidas no centro, coa realización da FCT en países como Italia, Reino Unido e Portugal. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario