25 de xuño de 2018

A GUARDA

A Guarda comezou un verán cheo de actividades para tódolos públicos



Jorge Alonso / A Guarda

 A pasada fin de semana A Guarda acolleu multitude de actividades culturais e lúdicas nunha fin de semana marcada por una intensa programación. 


 Na xornada do venres 22 de xuño o Centro Cultural da Guarda acollía un Obradoiro de realización de vídeos con teléfono intelixentes, una actividade realizada en colaboración coa OMIX, a concellería de Xuventude da Guarda e a Escola Superior Gallaecia de Vila Nova de Cerveira, onde os participantes adquiriron os coñecementos e ferramentas para facer gravacións en vídeo e poder editalos de xeito case profesional. 


 Tamén no Centro Cultural tiña lugar a Xornada empresarial “Non te pares, Érguete” que contou coas intervencións de representantes da empresa de emprego e colocación Nortempo, así coma do ex–responsable de persoal de A.T.S.A., actividade organizada dende a Asociación Érguete Baixo Miño. 


 O Centro Cultural acolleu tamén a obra de teatro de fin de curso do IES A Sangriña, onde nais, pais, alumnos e profesores gozaron da interpretación do Anel Máxico, de Cándido Pazó.  


 Xa pola noite as actividades desprazáronse ata a Praza de Salcidos, onde a Asociación de veciños organizou unha xornada gastronómica e musical con exposición de fotografías antigas. Tamén neste emprazamento realizouse o primeiro concerto do programa Música nas Prazas 2018 a cargo da banda Liquen.  



 Na xornada do sábado 23 de xuño a Festa Castrexa chegaba a súa terceira edición e centrou numerosas actividades neste día, coma os obradoiros de cabaliños e confección de espadas, os concertos de Na Revolta e Abóbriga ou a gran fogueira de San Xoán, realizada no antigo Estadio do Trega.


 Sen dúbida nesta xornada resaltou a festividade de San Xoán con preto dunha trintena de fogueiras autorizadas en diferentes espazos do municipio, a boa climatoloxía convidou a gozar desta festividade na Guarda.



 Na zona da atalaia do Porto contouse tamén cunha gran fogueira coa amenización musical de Os Carballas e Zurrumalla, actividade organizada dende o Centro Social O Fuscalho.
  

 O domingo 24 de xuño a Asociación Os Amigos de Camposancos organizou o XIV Encontro de Palilleiras, no que participaron máis dun cento de persoas de toda a xeografía galega e mesmo de León e provincias limítrofes. 



 A III Festa Castrexa trasladouse neste día ao Campo Novo Chans no Monte de Santa Trega, onde se levou a cabo a lectura do pregón a cargo de Francisco Álvarez "Koki", así coma os visitantes e veciños puideron degustar unha ampla oferta gastronómica a base de churrasco, chourizas, empanadas, polbo, entre outros. 



 O grupo Do Lusco ó Fusco amenizou esta xornada que deu paso pola tarde a unha exhibición de talla de madeira a cargo de Marcos Mariño. 



 Foi, sen dúbida, unha fin de semana chea de actividades para todos os públicos e que contou cunha gran participación cidadá, tanto de veciños coma de visitantes que se achegaron ata A Guarda, atraídos por esta programación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario