30 de mar. de 2018

TUI

O pregón de Antón Corral abre este sábado as festas na honra a San Telmo 2018

O acto celebrarase no Teatro Municipal ante a previsión de choiva. Actuará a banda de gaitas Xarabal

Antón Corral 
Fotos: C. T.

Infogauda / Tui

 A lectura do pregón das festas de San Telmo a cargo do mestre Antón Corral abrirá este sábado oficialmente as festas na honra a San Telmo 2018. O acto celebrarase ás 19:30h no Teatro Municipal de Tui, aínda que estaba previsto que se celebrase na praza de San Fernando, as previsión de choiva fixeron que se tivera que cambiar o emprazamento.  Amais do pregón intervirá o alcalde, Carlos Vázquez Padín, e o actuará a Banda de Gaitas Xarabal, fundada por Antón Corral.  A entrada para o acto será libre até completar a capacidade do teatro.

Banda de Gaitas Xarabal, fundada por Antón Corral

 A continuación terá lugar o acendido do alumeado das festas. 

 As  20:30 h, se o tempo o permite desfilarán polas rúas de Tui os Xigantes e Cabezudos, acompañados polo grupo de gaitas O Mosteiro de Pexegueiro.

ANTÓN CORRAL 

 Antón Corral foi designado polo Concello de Tui  - acordo plenario do 22 de marzo de 2018 - coma pregoeiro das Festas de San Telmo 2018.  É unha figura clave na recuperación e pulo da música tradicional e dos instrumentos tradicionais en Galicia. Dende 2008 reside en Tui onde xunto ao seu neto, Ramón Corral, creou o obradoiro Antón Corral.   

 Antón Corral naceu na Coruña o 11 de xullo de 1936. A súa infancia e adolescencia transcorreu na cidade de Lugo, onde tivo os primeiros contactos coa música. Foi membro da Banda de Infantería na Escola Militar de Infantería en Santiago de Compostela. Foi membro de Os Modernos, Os Montes,... creou o seu primeiro obradoiro, coa colaboración da súa dona Isaura Fernández, no baixo da súa casa na cidade de Lugo.  En 1975 converteuse en artesán da Escola taller da Deputación de Lugo, e a comezos do ano 1979 trasladase a Ortigueira onde continua traballando en avances que xa iniciara nos instrumentos e crea o seu primeiro grupo de zanfonas, pitos e requintas. Máis tarde crea o obradoiro didáctico “Soutelo de Montes”, e nos oitenta sumouse á Universidade Popular de Vigo. Na cidade olívica levou a cabo un labor investigador que o levou a construír o primeiro organistro en Galicia para ser tanxido, a imaxe do esculpido en pedra no Pórtico da Gloria. Creou o grupo didáctico musical coa intención de divulgar os instrumentos populares galegos, entre eles o organistro, e organizou unha banda de gaitas en 1984 co nome de Xarabal, que dirixiu ata despois da súa xubilación no ano 2001.  

 Dende 2008 reside en Tui onde en San Bartolomeu formou ao seu neto Ramón Corral como artesán e creou o Obradoiro Antón Corral de Tui, e formou un novo grupo didáctico.

 No seu haber conta con numerosos premios e recoñecementos entre eles a "Gaita de Ouro" do Ateneo de Ferrol (Ferrol,1996), o Premio Opinión de 2009, outorgado pola Asociación de Gaiteiros Galegos, ou o Premio Honorífico Martín Códax da Música (Pontevedra 2016). En 2016  a editorial Canella publicou o biografía Antón Corral. A Alborada dun Soño da autoría de Fina Fernández. 

 O venres 26 de xaneiro de 2018 celebrouse no Teatro Municipal de Tui a Gala Homenaxe ao mestre Antón Corral na que participaron Carlos Núñez, Anxo Lorenzo, Anxo Pintos, Pancho Álvarez, a banda de gaitas Xarabal, o grupo Santa Columba de Ribadelouro, e as bandas de gaitas Lembranzas da Terra de Guillarei e Arume de Malvas.


PROGRAMACIÓN FESTAS DE SAN TELMO - SÁBADO 31 DE MARZO 

 19:30 h No Teatro Municipal de Tui lectura do Pregón das Festas a cargo de D. Antón Corral. Actuación de Banda de Gaitas de Xarabal. Capacidade limitada. 

 Acendido do alumeado das festas. 

 20:30 h Dende a Praza de San Fernando, pasando pola Praza da Inmaculada e ata a Área Panorámica, desfile de Xigantes e Cabezudos, acompañados polo grupo de gaitas O Mosteiro de Pexegueiro.


ACTIVIDADES INFANTÍS 

Do luns 2 ao venres 6 os nenos e nenas terán actividades específicas para eles, coas que se busca ofrecerlles unha alternativa de lecer durante as vacacións e escolares e contribuír á conciliación familiar. Así polas mañá de 11 a 13h na Área Panorámica haberá actividades infantís da man de Chirlomirlo, e pola tarde na Sala Félix Rodríguez ás 16h proxectarase unha película de cinema. En ambos casos non é preciso inscribirse previamente, son actividades con entrada libre até completar a capacidade do local.

X SEMANA DE TEATRO AFECCIONADO E MÚSICA CORAL 


 A Semana de Teatro Afeccionado celebrará a súa décima edición do luns 2 ao sábado 7 no Teatro Municipal de Tui onde os grupos Mesturanzas de Areas, Santiago de Malvas, Aloia de Pazos de Reis, San Fins de Rebordáns, e Atalaia do Centro Sociomomunitario de Tui presentarán as súas últimas montaxes, en moitos casos en estrea. Amais as tres corais de Tui do Centro Sociocomunitario, Ponte das Febres e San Telmo actuarán no centro Amoralia e nas Residencias San Telmo e Paz y Bien.

O DEPORTE TAMÉN SERÁ PROTAGONISTA NAS FESTAS 

 O mércores 4 será o día do deporte  con actividades de bádminton, judo, tenis de mesa e xadrez no Paseo da Corredoira de 11 a 14h, e con tenis de mesa ás 16 e patinaxe ás 18h amais de estar prevista unha exhibición de kaiak polo e de slalom na piscina municipal dende ás 16h e a partir das 20.30h haberá partidos exhibición de pádel nas pistas do Liceo Casino.  

 Amais coma novidade no ámbito deportivo a Carreira Popular de San Telmo celebrarase este ano o sábado 7 dende ás 11h no Paseo da Corredoira baixo a organización do Club Atletismo Tui, previamente ás 10h sairá tamén da Corredoira a Andaina Festas de San Telmo organizada polo club AndaTui. Incorpórase no programa a Epic Race de BTT que percorrerá o paseo fluvial dende ás 7 da madrugada do sábado ás 9 da mañá do domingo.  A Copa San Telmo na que se enfrontará o Tyde F.C. e o S.C. Valenciano, e a III Clásica Manuel Alfaro de coches clásico son outras das actividades previstas para o sábado.


BROKEN PEACH, LA EDAD DEL ORO DEL POP ESPAÑOL, KUBO E PANORAMA 


 Son dous os concertos previstos este ano nas festas. Por unha banda o venres 6 ás 23.30h actuará no Paseo da Corredoira o grupo Broken Peach, unha banda de soul e rock formada en 2009 que presenta uns directos cunha coidada estética e un amplo repertorio. Previamente actuará dj Gramola.  

 O domingo 8 ás 22.30h chegará á rúa Compostela o concerto “La Edad del Oro del Pop Español” no que o público poderá disfrutar cos grandes clásicos do pop nacional da man de Joaquín Padilla (vocalista Grupo Iguana Tango),  Pablo Perea ( vocalista doGrupo La Trampa), Roberto Gil (vocalista Grupo Tennesse) e Chus Herranz ( actriz- compositora, voz do Espectáculo “Hoy no me puedo levantar" de Nacho Cano).

 A orquestra Kubo presentará en Tui o maior escenario de Europa de máis de 27 metros nunha actuación prevista na noite do sábado 7 na rúa Compostela. Neste mesmo lugar actuará o luns 9 a orquestra Panorama. O cartel das verbenas o completan Miramar, Solara, e Pontevedra. No eido musical se celebrará tamén o festival de Karaoke o venres 6 dende as 19h no Paseo da Corredoira.

FOOD TRUCKS E FESTA DO MEIXÓN NA OFERTA GASTRONÓMICA 

 Durante 17 días - do 24 de marzo ao 9 de abril - celébrase a Festa do Meixón en cinco restaurantes, Asador Paulo, O Novo Cabalo Furado, Cruceiro do Monte, El Molino e La de Manu. A ración de meixón, acompañada de pan e viño Remesal, ten un prezo de 55€. É preciso reserva previa.  

 O venres 6 está previsto un mercado de Food Truck no Paseo da Corredoira no que o público que se achegue poderá degustar distintas variedades gastronómicas.

O LUNS 9 – DÍA DE SAN TELMO 

 As festas na honra a San Telmo pecharanse o luns 9 de abril, xornada na que dende primeira hora se celebrará a Feira Cabalar en San Bartolomeu, onde amais da compra venda de gando tamén haberá distintas exhibicións previstas.    

 A charanga Cantos Somos e a Banda de Música da Escola Naval Militar de Marín, serán as encargadas  da música na última xornada de festa, onde tamén estará presente a Banda de Guerra da Brilat. Os actos relixiosos comezarán xa pola mañá coa misa na honra a San Telmo e a procesión pola Coronilla, e pecharanse ás 21h coa solemne procesión que percorrerá as principais rúas da cidade. A tirada de fogos de artificio marcará o peche das festas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario