24 de mar. de 2018

A GUARDA

Risos e emoción mesturáronse nas actividades conmemorativas do Día internacional das Mulleres  

As actrices da compañía A Panadaría deron a coñecer, a través desta comedia musical, a súa particular versión da verdadeira historia de amor de dúas mulleres galegas
Fotos: C. A. G.

Sara Alonso / A Guarda

 A programación cultural conmemorativa do Día Internacional das Mulleres, organizada polo Centro de Información ás Mulleres (CIM) do Concello da Guarda, finalizou na noitiña do 22 de marzo coa obra de teatro «Elisa e Marcela», que ateigou o salón de actos do Centro Cultural.   

 As gargalladas sucedéronse durante o espectáculo, caracterizado polo humor e a crítica á moral dunha época. As actrices da compañía A Panadaría deron a coñecer, a través desta comedia musical, a súa particular versión da verdadeira historia de amor de dúas mulleres galegas que, no ano 1901, conseguiron enganar a un cura para que as casara.  

A programación cultural conmemorativa do Día Internacional das Mulleres, organizada polo Centro de Información ás Mulleres (CIM) do Concello da Guarda, finalizou na noitiña do 22 de marzo coa obra de teatro «Elisa e Marcela», que ateigou o salón de actos do Centro Cultural

 Elisa e Marcela foron, así, o primeiro matrimonio lesbio do que se ten constancia en España. E, ainda que o seu non foi un matrimonio fácil, as cómicas introduciron ao público na defensa da liberdade e a diversidade sexual cun sorriso. Non en van, a obra ven de acadar catro galardóns na XXIX edición dos Premios de Teatro María Casares, con recoñecemento ao mellor espectáculo, mellor dirección (Gena Baamonde), mellor actriz protagonista (Areta Bolado) e mellor texto orixinal (Areta Bolado, Ailén Kendelman, Noelia Castro e Gena Baamonde).   

 Recoñecemento ás autoras 

 Dentro da programación, o concerto do dúo Femininoplural emocionou ao público durante a súa actuación, que en pouco menos dunha hora e media ofreceu un completo percorrido polo traballo de grandes creadoras de Cultura. Clara Schuman, Violeta Parra, Guadi Galego e Consuelo Velázquez, entre moitras outras, recibiron unha xusta homenaxe o 10 de marzo da man de Silvia Penide (voz) e Carla López (voz e teclado). 
  
Dúo Femininoplural 

 O preto de medio centear de persoas que se achegaron a escoitalas á Casa dos Alonso atrevéronse tamén a xogar con elas. Así, a música, os contos e as historias serviron de base para unha experiencia máis ampla, mesmo especial, na que a interacción entre as artistas e o público foi un ingrediente chave da peculiar homenaxe ás mulleres autoras.   

 Ámbalas dúas actividades leváronse a cabo contando co cofinanciamento da Deputación de Pontevedra. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario