ANTE A PASIVIDADE DA XUNTA DE GALICIA
A GÁNDARA CONTARÁ EN BREVE CUNHA MARQUESIÑA INSTALADA POLO CONCELLO
O alcalde da Guarda pide o apoio dos veciños da Gándara para reclamar á Xunta de Galicia o custo da nova marquesiña que o concello instalará na PO-552
O alcalde Antonio Lomba Baz con unha representación dos veciños da Gándara
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O pasado mércores 28 de marzo celebrouse, no concello da Guarda, unha xuntanza entre os veciños da Gándara que reclaman unha marquesiña na PO-552, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, e o concelleiro de servizos e veciño da Gándara, Paulino Rodríguez González.
“O motivo da reunión - dixo o alcalde a este xornal dixital - era o de informar, por parte do concello, das xestións feitas para reclamar, diante da Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, a mencionada marquesiña e dar unha solución a problemática que sofren os gandarenses”.
Os responsables municipais comunicaron aos veciños que “a responsabilidade de repoñer a marquesiña na Gándara é da Xunta de Galicia dado que ten as competencias sobre o transporte de viaxeiros e as infraestruturas relacionadas con este servizo, e ademais neste caso, a competencia da estrada PO-552 tamén é da Xunta, dado que pertence a Rede Autonómica de Estradas de Galicia”.
“Dado que as xestións que se levan facendo dende o concello dende fai máis dun ano para que Mobilidade repoña a marquesiña non deron froito. Vendo, polas últimas comunicacións recibidas no concello, que non existe compromiso firme da Dirección Xeral de Mobilidade, de resolver o problema nun prazo breve. Considerando que os veciños da Gándara están sendo prexudicados pola inacción da administración autonómica ao non asumir as súas responsabilidades”, o alcalde da Guarda comprometeuse “a que o concello instalará, nun prazo breve, unha nova marquesiña”. A súa vez pediu “á representación de veciños e veciñas que acudiron a reunión o seu apoio para reclamar da Xunta de Galicia o custo da marquesiña, que polos orzamentos que se manexan dende o concello pode superar os 4.000,00 €”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario