19 de feb. de 2018

TUI

EDUCACIÓN ANALIZA CO CONCELLO DE TUI AS NECESIDADES DOS CENTROS EDUCATIVOS CO MUNICIPIO    

· Na reunión, entre a Xefatura Territorial e o alcalde tudense, estudáronse cuestións como a dotación do comedor do CEIP número 2 ou a idoneidade urbanística da parcela para o novo colexio de Pazos de Reis  

A Xefatura Territorial de Educación analizou esta mañá as necesidades dos centros educativos do concello de Tui, nunha reunión co alcalde do municipio, Carlos Padín

Infogauda / Tui 

 A Xefatura Territorial de Educación analizou esta mañá as necesidades dos centros educativos do concello de Tui nunha reunión co alcalde do municipio, Carlos Padín, na que tamén estiveron presentes responsables da Inspección Educativa e da Unidade Técnica deste departamento.  

 Entre os temas máis urxentes analizados durante a reunión desta mañá se atopa a futura dotación de mobiliario para o comedor do CEIP número 2, de cara a que poida comezar a funcionar o antes posible, e sempre tendo en conta que o concello tamén se comprometeu a facer o antes posible as obras que restan.  

 Por outra banda, tamén se comprometeu o concello a dar traslado á Xefatura Territorial dun informe sobre a situación urbanística de la parcela onde se pretende construír o novo colexio de Pazos de Rei. “O obxectivo é que se poidan iniciar os trámites canto antes, polo que queremos dende a Xunta estudar a situación da parcela de cara a comprobar se o concello ten que facer ou non algunha modificación puntual e poder así desbloquear canto antes a obra”, explicou César Augusto Pérez Ares, xefe territorial de Educación. 

 Finalmente, durante a reunión tamén se analizou as obras máis urxentes nos colexios do municipio, entre as que se atopa a posta en marcha do plan de accesibilidade do CEIP de Guillarei, así como outros traballos de mellora nos colexios de Rebordáns e Caldelas de Tui.  O concello, pola súa banda, transmitiulle a Xefatura Territorial a súa intención de poder firmar un convenio entre ambas administracións para colaborar na posta en marcha de diversas obras nos colexios de Tui.  

 O xefe territorial agradeceu ao novo equipo de Goberno de Tui a súa disposición á colaboración e recordou que nos últimos anos investíronse máis dun millón de euros dende a Consellería de Educación nos colexios de Primaria e Secundaria deste concello do Baixo Miño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario