13 de xan. de 2018

CULTURA

Turismo Rías Baixas acolle a exposición "As tres décadas de ouro do Colón galego (1899-1930)", de Roberto Taboada 

O Palacete das Mendoza acolle ata o 26 de xaneiro, esta mostra que afonda nas orixes galegas de Cristóbal Colón

Efixie de Cristóbal Colón
Foto: D. P.

Infogauda / Pontevedra

 A sede de Turismo Rías Baixas acolle desde onte e ata o 26 de xaneiro, a mostra de Roberto Taboada "As tres décadas de ouro do Colón galego (1899-1930)" que afonda nas orixes galegas de Cristóbal Colón. A mostra poderá ser visitada de luns a venres de 8:00 a 20:00 horas; de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas os sábados, e os domingos e festivos de 10:00 a 14:00 horas.  

 A exposición que se amosa no Palacete das Mendoza é o resultado da investigación que levou a cabo durante anos Roberto Taboada. Taboada defende a galeguidade de Cristóbal Colón, para o que realizou unha ardua recompilación e investigación que pon de manifesto a orixe galega do almirante e a teoría do seu vínculo con Portosanto.  

 "As tres décadas de ouro do Colón galego (1899-1930)" recolle importante documentación, manuscritos de Constantino Horta Pardo e de Prudencio Otero, bibliografía dos continuadores da tese galega de García de la Riega, escritos de hemeroteca e a posta en valor do Comité Pro Colón Español.  Amais, tamén se poderá ver na mostra fotografía, filatelia, numismática e vitolas relacionadas con Cristóbal Colón.  

 Roberto Taboada naceu en Pontevedra en 1953 e é coñecido principalmente pola súa actividade política. Tamén foi mestre de EXB e traballou como funcionario na Deputación de Pontevedra. Ao longo da súa traxectoria vital cultivou diferentes artísticas como a literatura, o debuxo, o deseño e a pintura. Amais, foi comisario de diversas exposicións, deseñou carteis e escudos e é autor de varias obras vinculadas con Pontevedra, coa súa contorna e patrimonio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario