21 de dec. de 2017

TOMIÑO / VILA NOVA DE CERVEIRA

A PONTE PEONIL ENTRE TOMIÑO E CERVEIRA ELEXIRASE ENTRE 24 PROPOSTAS MOI DIFERENTES E “DE GRANDE CALIDADE” 

O deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez asegurou que será difícil escoller entre os deseños internacionais presentados ao concurso de ideas 

Uxío Benítez Fernández, deputado de Cooperación Transfronteiriza, con Fernando Nogueira, presidente da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira; Carlos López Font, deputado de Economía, Facenda e Réxime Interior, e dous técnicos, xunto coas propostas presentadas
Fotos: D. P.

Infogauda / Tomiño / Vila Nova de Cerveira

 Estruturas atirantadas, liñas moi simples sobre o río, percorridos redondeados e miradoiros para gozar da paisaxe. Materiais metálicos, de madeira, cemento e vidro. Esas son algunhas das moi diferentes alternativas presentadas no concurso de ideas para o deseño da nova ponte internacional peonil e de bicicletas entre o Concello de Tomiño e a Cámara de Vila Nova de Cerveira ao abeiro do programa Visit Rio Minho cofinanciado por fondos da Unión Europea. O xurado coñeceu hoxe as propostas presentadas e comezou a súa deliberación para escoller as tres mellores de entre as 24 admitidas. A decisión, segundo indicou o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez Fernández, será definitiva a finais do mes de xaneiro. 

 Segundo indicou Benítez, o concurso internacional de ideas promovido pola Deputación de Pontevedra para escoller o mellor deseño para a nova ponte peonil transfronteiriza entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira recibiu 26 propostas, se ben dúas foron directamente excluídas por non cumprir as bases e identificar aos seus autores. Unha terceira quedou condicionada á apertura do sobre B para confirmar que o remitente da proposta coincide co seu autor.   

 O deputado explicou que o de hoxe foi un “paso importante na liña de chegar ao obxectivo final que é crear o primeiro parque transfronteirizo da península ibérica. Un parque urbano xestionado conxuntamente”, dixo, para engadir que as propostas presentadas teñen “unha enorme calidade”, polo que será un traballo difícil para o xurado escoller. 

Reunión do xurado na Deputación Provincial de Pontevedra

 Na reunión do xurado exhibíronse tres paneis que cada proposta con diferentes debuxosde cada idea. No mes de xaneiro haberá varias reunións de traballo nas que alén do xurado haberá un comité de asesoramento no que participarán institucións e administracións sectoriais que deben informar o proxecto. “Calculamos que a finais de xaneiro haberá unha proposta para que o xurado puntue e valore e se declaren os tres gañadores”, indicou Benítez.  

 Algúns dos lemas ou títulos dos bosquexos eran, como xa se adiantou ‘Venustas’, ‘Lazos’, ‘Float’, ‘O Rosal-Vinho Verde/Minho’, ‘Euroconverxencia natural’, ‘Lanzo da cruz’, ‘Irmandade’ (dúas coincidiron neste lema), ‘A ponte agora’, ‘Baluarte’, ‘Salto do cervo’, ‘ Fado’, ‘O ponteadero entre os vecinhos irmandinhos’, ‘In pace pontibus’, ‘Una línea sobre el Miño’, ‘Perconsuere’, ‘Tejer el Miño’, ‘Caminho do río’, ‘Aperta, ‘Xuntos’, ‘Sinovía da raia’, ‘Certo’, ‘Avanza’Perspicuumtransire’ e ‘Raia’. 

 No xurado conformado de xeito internacional, hai representatividade das escolas técnicas, colexios oficiais e administracións con competencias e intereses na ponte de ambos lados do río. Este xoves reuníronse representantes da Deputación; dos dous concellos afectados; do Colexio de Arquitectos de Galicia; do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Portos e Canais; da Ordem dos Engenheiros; e da Ordem dos Arquitectos.  

 Na vindeira reunión, o 11 de xaneiro, aportarán a súa visión como comité asesor representantes da Capitanía do Porto de Caminha; do Instituto de Conservaçao da Natureza e das Forestas; da Agencia Portuguesa do Ambiente; da Dirección Xeral de Patrimonio Natural; da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo; da Comandancia Naval do Miño; da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e tamén dos Serviços de Ordenamento do Territorio da CCDR-N. 

 Fondos europeos  

 Os autores dos tres deseños finalistas recibirán unha prima de participación por importe de 10.890,00 euros cada un e serán invitados a participar na segunda fase de selección para a redacción do anteproxecto da ponte. O contrato para redactar este anteproxecto adxudicarase ao gañador definitivo por un importe de 54.450,00 euros, e será entón cando se solicitarán todas as autorizacións e informes dos organismos perceptivos para poder desenvolver a obra. 

 Finalmente, na terceira fase, unha vez se obteñan os permisos necesarios, a Deputación encargará ao gañador que redacte o proxecto construtivo definitivo, cun orzamento máximo de 121.880,00 euros. Así, o gañador do concurso, poderá embolsar un total de 187.220,00 euros entre primas, redacción de anteproxecto e proxecto construtivo. 

 A redacción do deseño da nova ponte peonil e ciclista sobre o Miño está encadrada nunha das actividades do proxecto VISIT_RIO_MINHO presentado á primeira convocatoria do Programa Operativo España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 Interreg V-A nunha candidatura conxunta da Deputación de Pontevedra coa CIM Alto Minho, os concellos do norte de Portugal, a Fundación CEER, o Centro Tecnolóxico do Mar e a Universidade de Vigo. Este proxecto obtivo un cofinanciamento do 75% de fondos FEDER no marco da referida convocatoria do POCTEP 2014-2020 Interreg V A, cun orzamento total aprobado de dous millóns de euros, cunha achega da Unión Europea que ascende a 1.500.000 euros. 

A GUARDA

22 - 23 DE DEZEMBRO - APALPADOR FEST VI, C. S. FUSCALHO


 C. S. Fuscalho / A Guarda

 O Festival do Apalpador chega um ano máis à vila da Guarda. Este ano trae con el um monte de amizades e atividades! Os vindeiros 22 e 23 de dezembro entre o C. S. Fuscalho e a disco-tasca As Pozas A Guarda a festa estará asegurada. A ediçom está adicada à assambleia de multadxs do Peleteiro. Contaremos com a seguinte programaçom:

Sexta-feira 22:
20:00 Concerto acústico de Elephants Yard (As pozas): umha banda de reggae formada por diversos músicos afincados em Vigo e arredores. O projeto leva à prática várias facetas: banda de acompanhamento de artistas, banda de estudo na súa sede,The dub Yard e banda de tributos e versons. Esta última coa fim de achegar a todo tipo de eventos a cultura musical jamaicana, desde o reggae máis roots até o rocksteady ou raggamuffin.

21:00 Ceador vegeta

22:00 Concertos no Fuscalho com:
-Elephants Yard: desta volta amosando todo o seu potencial 

-Indomables:Indomables é umha banda da Guarda que fai versons de rock&roll. A banda formouse en 2012 por: Aitor à guitarra, Manuel à bateria e coros, Wladi à guitarra e coros, Álvaro ao baixo e Lomba à voz. Dende que se formou o grupo mantiveronse en movemento por festivais e locais da zona até julho deste ano, quando Álvaro tem que deixar a banda e incorporan a Pablo ao baixo, para seguir dando tralha onde se lhes chame!!!

-Brigada Am Soundsystem: Coletivo galego de picadiscos, centrados principalmentes nos ritmos tropicais e balcánicos. Mesturam músicas tradicionais do mundo com ritmos electrónicos. Venhen presentarnos o seu novo sistema de son artesanal e coa intençom de facer tremer e por a proba os cimentos do dique do porto. Ademáis estaram picando tamben nas Pozas desde as 2:00 até o peche do local.

Sábado 23:
13:00 Vermut amenizado pola gente do obradoiro de gaita do CS Fuscalho que vam mostrar todo o aprendido ao longo deste ano. Durante a foliada farase um jantar vegetariano.

16:00 Palestra: ‘’Todxs somos Escarnio e Maldizer’’ Onde a gente que formou e forma parte do projeto nos contará como funzionou o espaço, como foi o despexo e o processo represivo e como prantejam o futuro do projeto.

18:00 Obradoiro de rap e beatbox: Impartido por Carlos AKA Xenderal. Neste obradoiro amosará un percorrido histórico desde a ‘’percussom vocal’’ nas culturas tradicionais até o  ‘’beatbox’’ dos movementos urbáns máis actuais, decribindo os contextos sociais no que nasceu e seus elementos. Descubriremos os trucos precisos para imitar distintos instrumentos. 

O Beatbox, como un dos caminhos máis rápidos e sem dúvida dos máis baratos para a creaçom de música, convértese em arte (mal chamado ás veces 'don') e em um dos bens máis prezados para quem é capaz de descifrar o código a base de práctica. 

Para quem nom o seja que peche os olhos e goce escoitando aquilo que ‘é imposible que saia dumha boca’.

20:00 Concerto em As Pozas: The Great Beat: Projeto em solitário de Elias, membro da banda,tamben guardesa, Simios. Umha mestura entre música experimental, projeçons e moitos pedais. Aseguramos que non deixa a ninguem indiferente e que leva a todo o mundo  a umha viagem de introspeçom a través das súas projeçons.

22:00 Ceia vegeta no CS Fuscalho

23:00 Concertos CS Fuscalho com:
-Xenderal: Conhecido agora como Xenderal, Carlinhos GendeBeat é um MC de Ragga e sampler humano. Nado na vila do rock e da merda de Cerceda onde polas malas influenzas comesçou a cantar rap-reggae na lingua mai e a fascer beatbox. Deuse a conhecer há já máis de 10 anos, dando berros a golpe de micro e denunciando com a lírica todo aquilo que veu da mam dos fumes e dos cheirumes desa vila que foi alcumada como "A Cochikeira”.

Sempre fel ao formato "Underground" que o viu medrar, o seu objectivo é que sexas um  partícipante máis no concerto. Un ativista do cultural e do musical, apoiado pola música instrumental contemporánea, fai do formato jamaicano um estilo máis de seu e com umha temática entendibel por todas e acorde a umha realidade própia deste País.

Xenderal som letras carregadas de lírica jamaicana mesturadas com um estilo própio de raiba galega. Cuspe letra contundente e cheia de retranca que non deixa a ninguém indiferente.

-Menina Arroutada: Membro do coletivo Mulheres na Batida, vem apresentar o seu formato en solitário onde leva a cabo picada e concerto, centrada no T-Rap/electrónica feminista e independentista. Seu estilo único e atrevido fai desta rapeira algo diferente na esceia galega.

-Brigada Am Soundsystem: De novo os encarregados de pechar a noite será o colectivo galego Brigada AM soundsystem que para este dia tem preparada umha sessom moi especial de mestura de ragga com ritmos balcánicos e tropicais. Ademais soar as voces das dúas bandas pola súa torre de son.

2:00 After party As Pozas:
-Birrarock:BirraRock é un proxecto que nace no ano 2013, buscando recuperar a esencia das freepartys e que evoluzionou organizando eventos e animando as noites de várias cidades dentro da península (de momento), en diversos bares, clubs e festivais. Seus dj´s residentes son La Lobuca e Dj Rorro e jogan a dúo com misturas eclécticas que nom te permitirán deixar de bailar!

A GUARDA

OS FESTIVAIS DE NADAL E A LECTURA TOMAN A VILA

Dende hoxe e ata a fin de semana


   Infogauda / A Guarda

 Esta mesma tarde comeza a programación cultural guardesa de cara a fin de semana co primeiro dos Festivais de Nadal. A Noite Boa virá precedida por toda unha serie de actividades, principalmente musicais e de lectura, das que poderán gozar as veciñas, veciños e visitantes na nosa vila. 

 O Centro Cultural acollerá esta tarde o Festival do Conservatorio Municipal a partir das 19:30 h. Os asistentes poderán gozar dun concerto no que participarán as alumnas e alumnos de preparatorio, educación auditiva e vocal, guitarra acústica e eléctrica, vento-madeira, violín, viola, piano e vento-metal, así como o grupo de gaitas e o Rockservatorio’s Band.   



 Este venres, a programación cultural continuará coa presentación do libro «Salcidos en branco e negro» ás 20:30 horas no Centro Cultural. Deseguido, proxectarase a película «O Pisco», ambientada na parroquia tomiñesa de Goián na época do estraperlo e gravada polo Grupo San Roquiño, de Goián.  


 O sábado será a quenda dos máis pequenos coa sesión de «Contos contados» especial de Nadal, na que as cativas e cativos poderán coñecer historias tradicionais destas datas da mans da ‘avoa’ Carmen Baz e o ‘avó’ Manual Cadilla, máis coñecido como «Maruxo», a partir das 11:30 h. Deseguido, poderán participar no obradoiro de decoración de Nadal, co que contribuirán á decoración da árbore que permanecerá na Biblioteca durante as festas.  


 As mañás de «Música na rúa» comezarán tamén o sábado, a partir das 11:00 horas, coa actuación do grupo O Trebón dos Xidos, que percorrerán as rúas coa súa música introducindo aos guardeses e guardesas no ambiente festivo propias destas datas.   

 Xa ás 20:30 horas, os Festivais de Nadal continuarán co concerto de pandereteiras no Centro Cultural. Participan os grupos Arghaceiras do Muño e Caramuxiñas da Asociación Folklórica Vento Mareiro, as Palqueiras da Asociación Cultural Xamaraina, e os grupos Carainas, Coiro Vello e Tambaluca, así como o grupo de pandereteiras da Agrupación Cultural Guardesa.   


 O deporte, coa celebración da tradicional carreira de San Silvestre, cerrará a fin de semana na Guarda. A proba, organizada pola Sociedade Atlética do Trega, comezará a partir das 10:30 horas no Porto guardés e admitirá inscricións ata mañá no correo electrónico trega@trega.es. 

 A participación está aberta a corredores e corredoras de todas a idades, e a distancia do percorrido (de 100 a 1.500 metros) dependerá da categoría á que se pertenza. 

LABORAL

COMUNICADO DO COMITÉ DE EMPRESA DE ARCASA, CONCESIONARIA DA COCIÑA DA EOXI VIGO


 Todo o persoal do servizo de cociña de EOXI de Vigo, nos centros de traballo hospitais de Meixoeiro, Nicolás Peña  e Álvaro Cunqueiro, despois de celebrar unha asemblea xeral tomamos a decisión de comunicarlle á dirección que non aceptaremos nin recolleremos o agasallo de Nadal que Arcasa nos regala, nin asistiremos aos petiscos que ofrece a empresa.

 Os motivos son de sobra coñecidos por todo o cadro de persoal.

 Despois dun ano de incumprimentos e de promesas falsas e por suposto de denuncias ante a Inspección de Traballo, o cadro de persoal estamos totalmente defraudados/as e sentímonos enganados/as pola empresa, polo que non está no noso ánimo recibir un regalo no Nadal.

 Como ben sabe a cidadanía, o novo sistema de preparación de alimentos implantado polo Sergas non funciona satisfactoriamente. Dende o comité de empresa (7 CIG e 2 UGT) denunciamos miles de veces que os pacientes se queixan das comidas, e que estas teñan tan mala acollida depende do sistema de refrixeración e de organización, non do noso traballo. O cambio de empresa (antes Serunión) non axudou a mudar esta situación, senón que repetimos nos mesmos problemas, tanto laborais como de organización.

 Este último ano tentamos solucionar os nosos problemas laborais, sen éxito, dado que a empresa nin se presenta, polo que vemos como unha ofensa recoller agasallos e celebrar brindes.

 Cremos que Arcasa debe cumprir igual que cumprimos nós; darnos un agasallo é taparnos a boca e tratarnos de idiotas.

 Que cumpra a lei, que cumpra o convenio, que cumpra cos pacientes, ese xa é o noso premio.



 En Vigo, a 21 de decembro de 2017.

(R.)

MOVEMENTOS SOCIAIS

Ex traballadoras/es de GEA concéntranse na Coruña coincidindo coa vista previa da demanda civil contra Inversiones Subel 

O colectivo reclámalle a Fernández Somoza que pague dunha vez os 2.5 millóns de euros que lles debe

As ex empregadas/os de GEA (Pontesa, Santa Clara e Royal China) manteñen o pulso mobilizador dun conflito que se prolonga dende hai case 17 anos
Fotos: CIG

Infogauda / A Coruña

 O colectivo de ex traballadoras/as do Grupo de Empresas Álvarez (GEA) que asesora a CIG concentrouse este xoves diante dos xulgados da Coruña, con motivo da celebración da vista previa pola demanda civil interposta contra Inversiones Subel (propiedade do empresario Luis Fernández Somoza) a causa da millonaria débeda económica que a empresa ten pendente de abonarlles. Unha débeda que responde ao acordado no seu día pola venda de parte dos terreos que a antiga fábrica de louzas ocupaba en Cabral (Vigo).

 As ex empregadas/os de GEA (Pontesa, Santa Clara e Royal China) manteñen o pulso mobilizador dun conflito que se prolonga dende hai case 17 anos e que agora traen até a Coruña, xa que será nos xulgados da cidade herculina onde se dirima a demanda civil interposta contra Subel.

 O secretario comarcal da CIG de Pontevedra, Marcos Conde, que acompañou ao colectivo de ex traballadoras/es, lembrou que Fernández Somoza "é un dos homes máis ricos de Galiza e está nas listas dos máis ricos do Estado español, pero négase a pagar todo o acordado polos terreos que GEA ocupaba en Cabral" e que foron vendidos para afrontar as débedas salariais que a empresa de louzas tiña co seu persoal cando quebrou.

2.5 millóns de euros  

 Segundo os cálculos da central sindical a débeda que Inversiones Subel ten pendente de abonar ascende aos 2.5 millóns de euros, a repartir entre un colectivo formado por máis de 200 persoas.

 Uns cartos que Somoza depositou no seu día no xulgado do social, pero que posteriormente deu orde de retirar. O problema, explica Conde, "é que nese proceso anterior contabilizáronse como pagados os cartos depositados por Subel no xulgado e que logo foron retirados. O que non pode ser é que se compute como pagado a estas traballadoras e traballadores un abono que nunca se chegou a afectivizar", subliña.  

O colectivo de ex traballadoras/as do Grupo de Empresas Álvarez (GEA) que asesora a CIG concentrouse este xoves diante dos xulgados da Coruña

 Hai que lembrar que a inmobiliaria adquiriu, hai xa máis dunha década, a parte dos terreos que ocupaban as instalacións de GEA en Cabral e Coruxo (Vigo). Estas parcelas correspóndense co 25% dos terreos que lle tocou xestionar á CIG logo de que o Grupo de Empresas Álvarez péchase no ano 2001, sen pagar os salarios e as indemnizacións ao seu persoal. Naquel momento, Subel pagou unha parte do valor industrial, pero ás afectadas/os aínda lles resta por percibir (segundo o pactado entre ambas partes) a diferenza até o valor total que adquiriron os terreos ao seren recualificados e unha vez que o PXOM de Vigo xa é definitivo.

"Que se faga xustiza"  

 Aínda que inicialmente a demanda civil foi presentada en Vigo, o xuíz da sala 10 entendeu que ao estar a sede social de Inversiones Subel na Coruña debe ser nesta cidade onde se resolva o proceso xudicial.

 Tras a vista previa celebrada hoxe, a xuíza encargada deberá decidir nos próximos días se abre xuízo ou procede ao arquivo do mesmo, por considerar que se trata de cousa xulgada (posicionamento que defende a empresa para evitar o xuízo). "Pedimos que a demanda vaia adiante. Non é xusto ter 17 anos despois a traballadores e traballadoras pendentes de cobrar as débedas económicas de Álvarez", sinalou.  

 A este respecto, o secretario comarcal da CIG de Pontevedra censurou a actuación de Luis Fernández Somoza durante todo este tempo, "pois nunca quixo negociar nin atender as nosas solicitudes de reunións". A última vez que o empresario accedeu a xuntarse co colectivo foi no ano 2013, momento no que mantiña un litixio aberto co Concello de Vigo polo PXOM. Dende entón, nunca volveu falar coas traballadoras e traballadores.

LABORAL

O comité de Viza denuncia que a dirección obrigou o persoal a traballar un día máis do pactado en convenio 

Os delegados/as da empresa de automoción mobilizáronse nas instalacións do Porriño

O comité de Viza, empresa de automoción con sede no polígono porriñés da Granxa, mobilizouse hoxe
Foto: C.I.G.

Infogauda / O Porriño

 O comité de Viza, empresa de automoción con sede no polígono porriñés da Granxa, mobilizouse hoxe para denunciar que a dirección obrigou o cadro de persoal a traballar un día máis do pactado no convenio colectivo. Dende a representación dos traballadores/as anuncian que adoptarán as medidas xudiciais oportunas contra a decisión adoptada unilateralmente pola compañía.

 A  protesta convocada polo comité de Viza (5 delegados/as CIG, 5 GTV, 2 CCOO e 1 UGT) ten por obxectivo rexeitar o incumprimento do convenio colectivo por parte da dirección, que obrigou o cadro de persoal a traballar durante a xornada de hoxe en lugar de permitirlle gozar do día libre pactado como axuste por exceso de xornada.

 Deste xeito, segundo explica o presidente do comité, Javier Domínguez Lemos, da CIG, os empregados/as de Viza traballarán este ano 223 días en lugar dos 222 fixados no convenio. Denuncia que a dirección decidiu de xeito unilateral trasladalo para o ano que vén e partilo en dúas xornadas: os traballadores/as da quenda de mañá e os de estrutura librarán o 2 de xaneiro e os das quendas de tarde e de noite o día 5.

 Diante disto, anuncia que a representación sindical adoptará as medidas xudiciais oportunas contra a decisión, non descartando a presentación dun conflito colectivo. Como primeiro paso desenvolveron a protesta de hoxe ás portas da fábrica, que se prolongou dende as 13:00 até as 15:00 horas, onde despregaron unha faixa na que se podía ler "21 D: Traballamos por decreto".

LABORAL

Desconvocan a folga no mantemento do Álvaro Cunqueiro tras garantir a ultractividade do convenio 

O cadro de persoal de Veolia, concesionaria do servizo, tamén logrou a equiparación co do Sergas

A asemblea de traballadores/as de Veolia, concesionaria do servizo de mantemento do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, decidiu hoxe desconvocar a folga indefinida
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 A asemblea de traballadores/as de Veolia, concesionaria do servizo de mantemento do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, decidiu hoxe desconvocar a folga indefinida prevista para o vindeiro martes 26 despois de a dirección garantise a ultractividade do convenio. Os traballadores/as, que desenvolveron concentración diarias no centro sanitario, tamén lograron equiparar as súas condicións laborais coas do persoal do Sergas.  

 O preacordo alcanzado entre a representación sindical e a empresa a tras a xuntanza mantida no día de hoxe foi finalmente ratificado en asemblea polo cadro de persoal por 50 votos a favor e 5 abstencións, polo que a folga queda desconvocada. Deste xeito, o convenio de centro de traballo que se está a negociar incorporará a cláusula de ultractividade, o que permitirá manter as condicións pactadas aínda que remate a súa vixencia e mentres non se negocie un novo acordo.  

 Ao mesmo tempo, os traballadores/as de de Veolia lograron a equiparación das súas condicións laborais coas do persoal do Sergas en materia de xornada, salarios, categorías, baixas e excedencias, conseguindo deste xeito as súas principais reivindicacións. As negociacións para rematar de perfilar o convenio de centro de traballo mediante o que se igualarán as condicións laborais de todo o persoal continuarán o vindeiro 10 de xaneiro.

ARCOS DE VALDEVEZ

Presidente da Câmara no II Encontro de Investidores da Diáspora  



María Joâo Brito / Arcos de Valdevez

 O Presidente da Câmara Municipal, João Esteves, marcou presença no II encontro de Investidores da Diáspora ocorrido em Viana do Castelo, no qual as principais áreas de atividade foram o comércio, a indústria, a construção, a tecnologia e o turismo.  

 O encontro teve como lema "Conhecer para Investir" e pretendeu juntar agentes empresariais e entidades ligadas às mais diversas áreas de atividade, fomentando o debate, a partilha de experiências e a promoção do lançamento de eventuais parcerias. 

 Na sua intervenção destacou a importância e o apego que os emigrantes sentem em relação à sua terra ao longo dos 365 dias do ano, bem como a emoção que sentem no momento do regresso a casa, referindo também a importância da ação dos mesmos ao nível da promoção da Cultura e no reforço da identidade local, sendo os mesmos também um meio excelente de divulgação do País e das suas potencialidades. 

 “Através deles é possível dar a conhecer no estrangeiro as oportunidades ao nível do turismo, da indústria, comércio, vinhos e produtos locais, captando assim mais visitantes, investidores e investimento para Portugal” referiu, reafirmando a estratégia de crescimento e desenvolvimento do concelho assente no contacto com a diáspora e explicando o porquê de ter atribuído a si mesmo o pelouro da Diáspora. 

 Aproveitou também para avançar que em “Portugal há novas oportunidades e por isso os nossos conterrâneos devem ser apoiados no regresso”. 

 Este encontro, organizado pela Secretaria de Estado das Comunidades Portuguesas, tutelada pelo Dr. José Luis Carneiro, pretendeu promover a troca de experiências e contou com a presença dos ministros dos Negócios Estrangeiros, Augusto Santos Silva, e da Economia, Manuel Caldeira Cabral, além de vários Secretários de Estado e representantes de entidades e agências públicas de diversos setores, bem como com mais 500 inscritos, entre empresários, câmaras de comércio e associações de portugueses no estrangeiro, oriundos de 36 países dos cinco continentes -- França, Brasil, Alemanha, Estados Unidos da América e Moçambique são os países mais representados. 

 Este evento integrou ainda mostras de produtos locais e regionais, incluindo os de Arcos de Valdevez.

PONTEVEDRA

AREEIRO ANUNCIA O INICIO DA TEMPADA DA PODA PARA A VIÑA E AS  FROTEIRAS DE ÓSO  

Os técnicos sinalan que é o momento idóneo de retirar as pólas afectadas polo picudo se aínda hai posibilidade de recuperación das palmeiras   



Infogauda / Pontevedra

 A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de publicar un aviso fitosanitario no que anuncia o inicio da tempada da poda para as viñas e as froiteiras de óso. Así mesmo, os técnicos sinalan que é o momento idóneo para retirar as pólas das palmeiras afectadas polo picudo se aínda hai posibilidade de recuperación das árbores.   

 Segundo subliñan os técnicos, despois das chuvias provocadas pola última cicloxénese e polas borrascas da semana pasada poden iniciarse certas labores -culturais e tratamentos fitosanitarios- que favorecen a sanidade das árbores para o ano próximo. En concreto,  en tempo seco e coas plantas tamén secas, é recomendable realizar as podas, se ben estas non teñen por que iniciarse xa tan cedo, senón que poden ser máis tardías, chegando mesmo ata o mes de febreiro sobre todo para as plantas que amosen cancros ou calquera outra alteración da madeira.   

 “Agora, que aínda hai algo de folla nalgunhas froiteiras de pebida e óso, e polo tanto é máis sinxelo identificalas, pódese aproveitar para marcar e eliminar antes do comezo do movemento da sabia, ou mesmo cortar xa, as ramas secas”, explica a especialista Rosa Pérez. Pola súa banda, na viña pódense empezar a podar, se non se non se fixo xa, aquelas plantas que non tivesen amosado síntomas.  

 Os consellos máis importantes para as podas son facer cortes limpos, sen rachos e, a ser posible, sempre por debaixo da madeira degradada; protexer os cortes de maiores dimensións con substancias cicatrizantes que leven funxicida eaplicar un tratamento cúprico xeneralizado; desinfectar as tesoiras de poda; eliminar todos os restos queimándoos ou sacándoos das fincas, así como as plantas mortas, incluíndo o sistema radicular.   

 No kiwi, aínda que se pode máis adiante, é conveniente realizar agora unha aplicación cun composto de cobre para protexer das bacterioses as microferidas causadas pola caída das follas. Esta aplicación debe ser renovada cando menos unha vez máis no inverno (mellor despois dun episodio de chuvias e nunca en tempo frío) e, moi especialmente, ao realizar as podas.  

 Cítricos 

 O consello dos técnicos para os cítricos é  eliminar os sucos de auga feitos arredor das árbores para reducir o risco de que se vexan afectadas por Phytophothora, e ter as árbores co solo ben drenado. Para o seu control, o funxicida autorizado no Rexistro de Produtos Fitosanitarios do Ministerio é o fosetil-Al 80%. Hai que lembrar que a Phytophthora cinnamomi,  como fungo de raíz que é, non ten unha sintomatoloxía específica, pero pode sospeitarse da súa presenza se o cítrico presenta follas pequenas e amareladas, perda de follas. Tamén as precipitacións poden favorecer a presenza de Phytophthora hibernalis ou outras especies aéreas do mesmo xénero, polo que, para limitar as posibilidades de que se estenda no caso de que apareza froita con este dano, hai que elimnar esa froita, incluso a caída no solo.   

 En canto á ‘Psila africana’ (Trioza erytreae) e ás moscas brancas, o tempo estable que practicamente hai este ano favorece o crecemento de gromos de cítricos que aparecen menos colonizados polas formas xuvenís destes patóxenos. Nesta época non son de esperar danos importantes, sobre todo se se retiran estes gromos e se eliminan as colonias.   

 Palmeiras 

 Este ano púidose observar nos diferentes concellos da nosa provincia un incremento do número de palmeiras afectadas por Rhynchophorus ferrugineus, coñecido como picudo vermello, cuxos síntomas foron especialmente notorios despois do verán. As plantas moi afectadas deben ser eliminadas para evitar a propagación do insecto. Se hai posibilidades de recuperación das plantas por ter menos danos, comeza o momento idóneo para retirar as ramas secas e eliminar as palmas afectadas, non só co obxectivo de reducir a presenza da praga senón tamén pola seguridade de persoas e bens.   

 Para os tratamentos, e dado o elevado número de consultas recibidas nestes días, poderanse utilizar os produtos fitosanitarios autorizados para este uso no Rexistro de Produtos Fitosanitarios do Ministerio, indicados especificamente na web da EFA. Tamén se está a aplicar o fungo Beauveria basiana e nematodos entomopatóxenos da especie Steinernema carpocapsae.  

 Piñeiro 

 Esta semana continuáronse observando a formación de bolsóns (niños) de procesionaria do piñeiro, máis danos debidos á alimentación das eirugas, e tamén novas procesións no solo. Para previr problemas poden instalarse barreiras arredor das árbores e tamén aplicar tratamentos aos bolsóns en formación (asegurando que o produto poda entrar neles) ou, se existe a posibilidade, eliminar, con todo o coidado posible, as ramas onde estean localizados os niños, destruíndoos despois.  

 Por outra banda, este ano volta a ser relativamente frecuente a aparición, nalgunhas vivendas e outras edificacións (sobre todo do rural), do Leptoglossus occidentalis, propio das piñas dos piñeiros (baleira os piñóns, aínda que na nosa provincia non parece causar danos). O feito de que aparezan nas construcións humanas débese unicamente á súa procura de refuxio para o pasar o inverno, pero non afecta ás persoas nin produce danos a outras plantas.  

 Camelia 

 Este ano, polas condicións climáticas, adiantouse a floración das camelias (mesmo algunhas especies xa teñen flor caída),  e nos casos en que o fungodo murchamento da flor (Ciborinia camelliae) estea presente deben recollerse as flores do solo polo menos unha vez por semana co fin de reducir o inóculo. Tamén é conveniente procurar que haxa boa ventilación na zona baixa das plantas podando as ramas baixas e eliminando as malas herbas. 

 Tamén debido á máis temperá floración das camelias é de esperar que se produza antes a brotación, en especial se persisten as condicións de clima suave. Naquelas plantas que todos os anos teñan os síntomas característicos dos ácaros do botón floral haberá que estar moi pendente deste momento, pois é o idóneo para intervir con produtos.

A GUARDA

O CENTRO CULTURAL DA VILA ACOLLERÁ DÚAS NOVAS OBRAS DE TEATRO ANTES DE REMATAR 2017

«Cranios privilexiados... ou crítica da razón perralleira» e «Os fabulosos cleaners» son as achegas teatrais das que poderán gozar o público infantil e adulto durante a próxima semana




Infogauda / A Guarda

 O próximo mércores, 27 de decembro, o Centro Cultural acollerá a partir das 19:30 horas a obra teatral «Os fabulosos cleaners», dirixida ao público infantil e familiar. Dous operarios de limpeza do teatro serán os protagonista da representación, durante a que experimentarán as posibilidades que ofrecen as súas ferramentas de traballo combinadas coa auga e o xabón. Este será, así, un espectáculo cómico no que as burbullas de xabón, nas súas variadas formas e cores, mesturáranse co público.




 Por outra parte, o dúo cómico formado por Mofa e Befa (Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira) achegarase á Guarda o venres, 29 de decembro,  para representar a súa obra «Cranios privilexiados... ou crítica da razón perralleira». O público poderá asistir, a partir das 21:00 horas, a un espectáculo cómico no que a filosofía será a gran protagonista. 

 A entrada a ámbalas dúas obras será de balde ata completar as prazas dispoñibles. As persoas interesadas poderán recoller dende hoxe o seu tícket no departamento de Cultura do Concello da Guarda ou no Centro Cultural.

SALCIDOS (A GUARDA)

A GUARDA DA A BENVIDA A VECIÑANZA E VISITANTES

Na rotonda de San Roque (Salcidos), cunha recreación do asentamento castrexo  

Esa é á imaxe que ofrece hoxendía a rotonda de San Roque (Salcidos), nun dos accesos o municipio de A Guarda
Foto: C. A. G.

Infogauda / Salcidos

 Unha recreación das vivendas castrexas representativas do xacemento arqueolóxico do Monte Santa Trega - un dos lugares máis fermosos e máis visitados de toda á Península Ibérica -, da xa a benvida aos veciños e visitantes que se achegan á Guarda por algunha das estradas que rematan na rotonda de San Roque.   

 O asentamento acompáñase do colorido nome da Guarda, en alusión a outro dos emblemas máis representativos e coñecidos da nosa vila: a característica paleta de cores das casas da fachada marítima do Porto guardés. 

 As letras do nome do municipio, á súa vez, levántanse sobre unha base de grava azul en referencia ao río Miño e o mar - Oceáno Atlántico - que nos rodean.   

 Segundo indican desde o executivo municipal do Concello de A Guarda nos próximos días completarase a actuación coa plantación de algunhas árbores de baixo porte e o crecemento do céspede, este último xa semeado. A obra, promovida polo Concello da Guarda, conta co financiamento da Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Concellos 2017, cun investimento total de 28.981,11€.