21 de dec. de 2017

TOMIÑO / VILA NOVA DE CERVEIRA

A PONTE PEONIL ENTRE TOMIÑO E CERVEIRA ELEXIRASE ENTRE 24 PROPOSTAS MOI DIFERENTES E “DE GRANDE CALIDADE” 

O deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez asegurou que será difícil escoller entre os deseños internacionais presentados ao concurso de ideas 

Uxío Benítez Fernández, deputado de Cooperación Transfronteiriza, con Fernando Nogueira, presidente da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira; Carlos López Font, deputado de Economía, Facenda e Réxime Interior, e dous técnicos, xunto coas propostas presentadas
Fotos: D. P.

Infogauda / Tomiño / Vila Nova de Cerveira

 Estruturas atirantadas, liñas moi simples sobre o río, percorridos redondeados e miradoiros para gozar da paisaxe. Materiais metálicos, de madeira, cemento e vidro. Esas son algunhas das moi diferentes alternativas presentadas no concurso de ideas para o deseño da nova ponte internacional peonil e de bicicletas entre o Concello de Tomiño e a Cámara de Vila Nova de Cerveira ao abeiro do programa Visit Rio Minho cofinanciado por fondos da Unión Europea. O xurado coñeceu hoxe as propostas presentadas e comezou a súa deliberación para escoller as tres mellores de entre as 24 admitidas. A decisión, segundo indicou o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez Fernández, será definitiva a finais do mes de xaneiro. 

 Segundo indicou Benítez, o concurso internacional de ideas promovido pola Deputación de Pontevedra para escoller o mellor deseño para a nova ponte peonil transfronteiriza entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira recibiu 26 propostas, se ben dúas foron directamente excluídas por non cumprir as bases e identificar aos seus autores. Unha terceira quedou condicionada á apertura do sobre B para confirmar que o remitente da proposta coincide co seu autor.   

 O deputado explicou que o de hoxe foi un “paso importante na liña de chegar ao obxectivo final que é crear o primeiro parque transfronteirizo da península ibérica. Un parque urbano xestionado conxuntamente”, dixo, para engadir que as propostas presentadas teñen “unha enorme calidade”, polo que será un traballo difícil para o xurado escoller. 

Reunión do xurado na Deputación Provincial de Pontevedra

 Na reunión do xurado exhibíronse tres paneis que cada proposta con diferentes debuxosde cada idea. No mes de xaneiro haberá varias reunións de traballo nas que alén do xurado haberá un comité de asesoramento no que participarán institucións e administracións sectoriais que deben informar o proxecto. “Calculamos que a finais de xaneiro haberá unha proposta para que o xurado puntue e valore e se declaren os tres gañadores”, indicou Benítez.  

 Algúns dos lemas ou títulos dos bosquexos eran, como xa se adiantou ‘Venustas’, ‘Lazos’, ‘Float’, ‘O Rosal-Vinho Verde/Minho’, ‘Euroconverxencia natural’, ‘Lanzo da cruz’, ‘Irmandade’ (dúas coincidiron neste lema), ‘A ponte agora’, ‘Baluarte’, ‘Salto do cervo’, ‘ Fado’, ‘O ponteadero entre os vecinhos irmandinhos’, ‘In pace pontibus’, ‘Una línea sobre el Miño’, ‘Perconsuere’, ‘Tejer el Miño’, ‘Caminho do río’, ‘Aperta, ‘Xuntos’, ‘Sinovía da raia’, ‘Certo’, ‘Avanza’Perspicuumtransire’ e ‘Raia’. 

 No xurado conformado de xeito internacional, hai representatividade das escolas técnicas, colexios oficiais e administracións con competencias e intereses na ponte de ambos lados do río. Este xoves reuníronse representantes da Deputación; dos dous concellos afectados; do Colexio de Arquitectos de Galicia; do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Portos e Canais; da Ordem dos Engenheiros; e da Ordem dos Arquitectos.  

 Na vindeira reunión, o 11 de xaneiro, aportarán a súa visión como comité asesor representantes da Capitanía do Porto de Caminha; do Instituto de Conservaçao da Natureza e das Forestas; da Agencia Portuguesa do Ambiente; da Dirección Xeral de Patrimonio Natural; da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo; da Comandancia Naval do Miño; da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e tamén dos Serviços de Ordenamento do Territorio da CCDR-N. 

 Fondos europeos  

 Os autores dos tres deseños finalistas recibirán unha prima de participación por importe de 10.890,00 euros cada un e serán invitados a participar na segunda fase de selección para a redacción do anteproxecto da ponte. O contrato para redactar este anteproxecto adxudicarase ao gañador definitivo por un importe de 54.450,00 euros, e será entón cando se solicitarán todas as autorizacións e informes dos organismos perceptivos para poder desenvolver a obra. 

 Finalmente, na terceira fase, unha vez se obteñan os permisos necesarios, a Deputación encargará ao gañador que redacte o proxecto construtivo definitivo, cun orzamento máximo de 121.880,00 euros. Así, o gañador do concurso, poderá embolsar un total de 187.220,00 euros entre primas, redacción de anteproxecto e proxecto construtivo. 

 A redacción do deseño da nova ponte peonil e ciclista sobre o Miño está encadrada nunha das actividades do proxecto VISIT_RIO_MINHO presentado á primeira convocatoria do Programa Operativo España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 Interreg V-A nunha candidatura conxunta da Deputación de Pontevedra coa CIM Alto Minho, os concellos do norte de Portugal, a Fundación CEER, o Centro Tecnolóxico do Mar e a Universidade de Vigo. Este proxecto obtivo un cofinanciamento do 75% de fondos FEDER no marco da referida convocatoria do POCTEP 2014-2020 Interreg V A, cun orzamento total aprobado de dous millóns de euros, cunha achega da Unión Europea que ascende a 1.500.000 euros. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario