21 de dec. de 2017

A GUARDA

O CENTRO CULTURAL DA VILA ACOLLERÁ DÚAS NOVAS OBRAS DE TEATRO ANTES DE REMATAR 2017

«Cranios privilexiados... ou crítica da razón perralleira» e «Os fabulosos cleaners» son as achegas teatrais das que poderán gozar o público infantil e adulto durante a próxima semana




Infogauda / A Guarda

 O próximo mércores, 27 de decembro, o Centro Cultural acollerá a partir das 19:30 horas a obra teatral «Os fabulosos cleaners», dirixida ao público infantil e familiar. Dous operarios de limpeza do teatro serán os protagonista da representación, durante a que experimentarán as posibilidades que ofrecen as súas ferramentas de traballo combinadas coa auga e o xabón. Este será, así, un espectáculo cómico no que as burbullas de xabón, nas súas variadas formas e cores, mesturáranse co público.




 Por outra parte, o dúo cómico formado por Mofa e Befa (Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira) achegarase á Guarda o venres, 29 de decembro,  para representar a súa obra «Cranios privilexiados... ou crítica da razón perralleira». O público poderá asistir, a partir das 21:00 horas, a un espectáculo cómico no que a filosofía será a gran protagonista. 

 A entrada a ámbalas dúas obras será de balde ata completar as prazas dispoñibles. As persoas interesadas poderán recoller dende hoxe o seu tícket no departamento de Cultura do Concello da Guarda ou no Centro Cultural.

Ningún comentario:

Publicar un comentario