26 de dec. de 2017

A GUARDA

CONCELLO DE A GUARDA E DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA PRESENTAN OS ESTUDOS DE TRAZADO PARA O NOVO ACCESO AO PORTO DA GUARDA

O orzamento medio total acadaría, de forma aproximada e segundo se establece nos estudos de trazado, os 2.700.000,00€, un custe que se agarda sexa asumido conxuntamente polo Concello da Guarda, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia

De esq. a der.: Francisco Javier Zubía, David Regades, Antonio Lomba e Uxío Benítez
Vista parcial das persoas que participaron na presentación do proxecto
Fotos: C. A.G.


Infogauda / A Guarda

 Esta mañá tivo lugar na Casa dos Alonso a presentación dos estudos de trazado do proxecto de construción do novo acceso ao Porto da Guarda.  Presidiron o acto o  alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba; o enxeñeiro redactor do documento, Francisco Javier Zubía; o deputado provincial de Cooperación, David Regades; e o deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez.  

 O rexedor local quixo salientar, antes de dar comezo á presentación dos distintos trazados viables propostos, que este é o “primeiro paso en firme” cara a elaboración dun proxecto de execución que permita a construción dunha estrada que facilite o acceso do tráfico pesado ao Porto guardés.  

 Nesta liña, Antonio Lomba destacou a vinculación entre este novo proxecto e o plan de humanización da rúa Concepción Arenal, toda vez que o novo acceso sur ao Porto permitirá desconxestionar o centro da vila e que os veciños e veciñas desfruten das rúas e non sufran as consecuencias do paso do tráfico portuario polo casco urbano.  

 “Compre facer unha nova infraestrutura para que a Guarda teña un acceso digno”, afirmou Uxío Benítez, que sinalou a necesidade de que a Xunta de Galicia se involucre no proxecto, toda vez que a zona portuaria é competencia da Administración autonómica.   

 David Regades destacou a importancia do proxecto, sinalando o de hoxe como “un día histórico” no que se da solución á unha problemática de longo percorrido na Guarda. Segundo explicou o deputado, a actuación da Deputación de Pontevedra neste proxecto é “unha excepción” que se leva a cabo a causa da “inacción da Xunta de Galicia”. “Este é o único proxecto destas característica se fai dende a Deputación”, aclarou Regades, que definiu a necesidade do novo acceso á zona portuaria como “unha débeda histórica coa Guarda”.
  
Estas son ás tres propostas que se barallan, para o trazado do acceso o porto de A Guarda

 O enxeñeiro presentou, deseguido, as tres propostas viables para realizar a nova estrada que permita o acceso do tráfico pesado á zona portuaria, con distintos enlaces entre a estrada PO-552 e o paseo marítimo da Guarda.   

 Dende o Concello da Guarda valórase como “máis interesante” a alternativa que inclúe unha vía paralela á PO-552 e ó paseo marítimo, con enlaces nas zonas de Santa Catalina e Fonte Quente (trazado laranxa na imaxe adxunta), pois esta non afectaría ao carácter humanizado do que goza o paseo na actualidade e permitiría a expansión urbana cara esa zona.   

 O orzamento medio total acadaría, de forma aproximada e segundo se establece nos estudos de trazado, os 2.700.000,00€, un custe que se agarda sexa asumido conxuntamente polo Concello da Guarda, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia.   

 O estudo será enviado proximamente á Xunta para que os órganos autonómicos competentes na materia elaboren os informes sectoriais que correspondan. A partir deses informes, decidirase cal é o trazado que se deberá acometer e elaborarase o proxecto de execución. O proceso, que pode prolongarse durante anos, será levado dende o Concello coa “maior celeridade posible”, agardando ter listo o proxecto de execución durante o ano 2018. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario