A Deputación de Pontevedra organiza unha semana de actos institucionais de Reparación da Memoria Histórica
O organismo provincial continúa deste xeito co camiño iniciado no pasado ano para recoñecer e homenaxear ás persoas e organizacións que loitaron pola democracia e a liberdade
Leal estivo acompañado por Montse Fajardo, comisaria da mostra "Rexas. Mulleres baixo o terror franquista", e por Celso Milleiro, autor do libro "Memorias de sal e terra. O ensino no concello de Marín (1867-1940)
Foto. D. P.
Infogauda / Pontevedra
O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, presentou onte o programa de actos institucionais que a Deputación organiza con motivo da Reparación da Memoria Histórica e que terán lugar no Salón de Plenos do Pazo provincial entre o 6 e o 10 de novembro. "Trátase de continuar no camiño iniciado o ano pasado desde este organismo provincial, no que por primeira vez realizaramos un acto de reparación para recoñecer ás persoas represaliadas tras o golpe fascista" explicou o deputado. Leal estivo acompañado por Montse Fajardo, comisaria da mostra "Rexas. Mulleres baixo o terror franquista", e por Celso Milleiro, autor do libro "Memorias de sal e terra. O ensino no concello de Marín (1867-1940), por tratarse de dúas iniciativas incluídas neste programa de actos institucionais.
A semana comezará cunha sesión sobre a campaña "San Simón. Illa da Memoria", continuará o martes coa presentación do libro sobre a represión no ensino en Marín, o mércores terá lugar un recital poético pola Memoria, o xoves inaugurarase a mostra sobre as mulleres represaliadas e o venres a Orquestra de Cámara Galega porá o broche de ouro a este programa. Todos os actos terán lugar ás 20:30h no Salón de Plenos para, segundo explicou Xosé Leal, "recuperar o simbolismo do propio edificio ao igual que fixemos o ano pasado, que tamén colocaramos unha placa nos xardís, porque non debemos esquecer que esta foi unha contorna de represión". A este respecto, hai que lembrar o papel que os dous edificios provinciais desempeñaron durante a represión: o actual Edificio Administrativo fora convertido en cárcere e no Salón de Plenos do Pazo provincial celebrábanse os consellos de guerra contra as persoas represaliadas. O deputado nacionalista tamén indicou que "queremos estender a programación a outros ámbitos que excedan o local e que combinen actos tamén con carácter máis provincial" ao tempo que insistiu en que "este tipo de conmemoracións forman parte xa da nova filosofía da Deputación que ten a Memoria Histórica presente na súa acción propia".
Programa
O luns baixo o epígrafe "San Simón. Illa da Memoria" proxectarase o documental "Aillados" da Asociación O Faiado da Memoria que recolle testemuñas de como era a vida na illa cando foi convertida en campo de concentración e cárcere. Tras a proxección terá lugar un pequeno coloquio no que participarán Antón Caeiro, da Asociación O Faiado da Memoria, e Matías Rodriguez Datorre, da Iniciativa Galega pola Memoria, organización que impulsa a campaña para que San Simón acolla actividades relacionadas co seu pasado durante a guerra e a posguerra.
O martes terá lugar a presentación do libro "Memorias de sal e terra. O ensino no concello de Marín (1867-1940), da autoría de Celso Xavier Milleiro Sánchez e Xosé Manuel Moreira Docampo e editado pola Editorial da Deputación de Pontevedra. Segundo explicou Celso Milleiro "este libro forma parte dun proxecto que iniciamos fai preto de 10 anos para recuperar a Memoria de Marín". O autor do volume adiantou que "este é un traballo un pouco diferente dos anteriores porque facemos unha análise sobre a depuración dos mestres en centros de ensino públicos, privados e relixiosos e por motivos que van desde os político-sindicais aos persoais". Na presentación do vindeiro martes, ademais de Celso Milleiro, tamén participará Enriqueta Otero, da Asociación pola Memoria Histórica de Marín.
O mércores será a quenda da poesía cun recital a cargo de poetas como Míriam Ferradáns, Xosé María Álvarez Cáccamo, Lucía Novas, Elisabeth Oliveira, Marta Dacosta e Luis Chapela. A sesión completarase cunha quenda de micro aberto para, segundo explicou Xosé Leal "dar a oportunidade de participar ás persoas que queiran expresar, a través da poesía ou con outro tipo de texto, as súas inquedanzas sobre a Memoria".
O xoves chegará a exposición "Rexas. Mulleres baixo o terror franquista" ao Pazo provincial tras a súa itinerancia por diversas comarcas da provincia. A comisaria da mostra, Montse Fajardo explicou que "a mostra recoñece ás mulleres que foron vexadas e asasinadas pero tamén pon en valor ás que quedaron e a como, a pesares de todo o sufrido, sacaron as súas familias adiante". A comisaria aproveitou para facer unha somera valoración da itinerancia da mostra nos últimos meses asegurando que "non só serviu para divulgar e dar a coñecer ás vítimas silenciadas historicamente, senón tamén como homenaxe ás mulleres asasinadas, depuradas, vexadas e violadas". Fajardo subliñou que en todas as inauguracións "a Diputación quixo darlle protagonismo ás familias destas mulleres en cada comarca e tivemos momentos moi emotivos onde coñecemos, sobre todo, como quedaron esas familias despois de sufrir a represión". No acto do xoves, volverá repetirse o mesmo esquema e será Montse Fajardo a que guíe o coloquio arredor da mostra con familiares de vítimas represalidas da comarca de Pontevedra. "Rexas. Mulleres baixo o terror franquista" iniciara a súa itinerancia en Silleda para pasar posteriormente por Tui, Marín e Nigrán. No Pazo provincial poderá visitarse entre o 9 de novembro e o 10 de decembro. Finalmente, o programa de actos rematará o venres cun concerto da Orquestra de Cámara Galega.
Os actos de Reparación da Memoria Histórica celebráranse por primeira vez na Deputación de Pontevedra o pasado ano o día 12 de novembro, coincidindo co día exacto do 80 aniversario do fusilamento en Campañó de dous presidentes e un membro da comisión xestora da Deputación de Pontevedra -12 de novembro de 1936-. No mesmo día tamén se honraran tres presidentes máis e o asesor xurídico que tamén sufriran represión por defender as súas posicións democráticas. Os cinco presidentes que se homenaxearan foran Bibiano Fernández Osorio-Tafall, Amancio Caamaño Cimadevila, Joaquín Maquieira Fernández, José Adrio Barreiro, e Maximilano Pérez Pego. Os dous funcionarios foran Ramiro Paz Carbajal, membro da comisión xestora, e José García Vidal, asesor xurídico. Tamén se colocara unha placa nos xardíns provinciais, entre o Edificio Administrativo e o Pazo provincial, coa inscrición "Na memoria das persoas que foron encarceradas, torturadas e xulgadas nestes dous edificios por defender a lexitimidade democrática fronte ao alzamento fascista de 1936".
Ningún comentario:
Publicar un comentario