9 de out. de 2017

VIGO

Carmela Silva presenta "Latexo Beat" en colaboración coa Editorial Galaxia e o Festival Kerouac de Vigo 

A Deputación de Pontevedra colabora con esta publicación que sairá á venda a semana que vén cunha tirada de preto de 1.000 exemplares en librarías de toda Galicia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo Deputado de Turismo Santos Héctor, o Director Xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, maila parella responsable do Festival Kerouac de Vigo, Marcos de la Fuente e Vanesa Álvarez
Foto: D.P.

Infogauda / Pontevedra

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo Deputado de Turismo Santos Héctor, o Director Xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, maila parella responsable do Festival Kerouac de Vigo, Marcos de la Fuente e Vanesa Álvarez, presentou esta mañá na sede da institución provincial en Vigo o poemario "Latexo Beat" que recolle parte do espírito dos poetas e poetisas que participaron ata o de agora no Festival Kerouac de Vigo, un dos festivais urbanos máis importantes do Estado. O libro, cunha primeira tirada composta por 800 exemplares, estará á venda nas librarías de toda Galicia a partir da semana que vén.  

 Carmela Silva asegurou que "non podíamos permitir que este libro non vise a luz, porque se a ve todas e todos nos sumaremos a ver a luz". A Presidenta provincial asegurou que "os poemas recollidos neste libro son marabilloso e están cheos de principios e de xente que quere achegar ao mundo, e iso non é calquera cousa". "Este libro é de todas e todos nós e, nestes días nos que temos tantas preocupacións, un sopro de aire fresco", afirmou, á vez que declarou que  "temos dereito a soñar cun mundo mellor, e dereito a loitar e traballar por el e a mellor forma de construír outro mundo é a cultura, a literatura, a poesía, a capacidade do ser humano de escribir dunha forma que nos emociona e, así, nos motiva e nos move para cambiar, para transformar", afirmou a Presidenta. Así mesmo, Carmela Silva definiu o libro "Latexo Beat" como "unha aposta pola literatura o século XXI que non esquece o extraordinario que nos deixou o século XX" e citou ao autor lembrando que "a poesía é unha arma cargada de futuro".  

 A Presidenta provincial asegurou que "as persoas responsables do Festival de Kerouac son persoas moi comprometidas coa cidade de Vigo, que se atreveron a levar a cidade ata Nova York" xa que, afirmou, "son persoas que revolucionan porque cren, soñan e atrévense a facer os seus soños realidade nun mundo no que semella que soñar está prohibido". O libro "Latexo Beat" nace da conxunción entre o Festival Kerouac, "un gran proxecto con pasado, un gran presente e un gran futuro", e a Editorial Galaxia, que "forma parte da mellor historia de Galicia, co seu compromiso con Galicia, pola cultura galega e polos nosos escritores e escritoras, pero cunha mirada global que fai que as persoas do resto do mundo se poidan achegar á nosa cultura" a través dun "intercambio cultural que permita que a convivencia sexa o camiño polo que hai que transcorrer para que a cultura non teña fronteiras" porque, asegurou Carmela Silva, "a cultura non ten puntos e raias, só letras e palabras que se transforman en beleza".  

 O director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, agradeceu a Carmela Silva por "recibirnos para falar deste proxecto e entender o que é o Festival Kerouac, sabiamos que o ía entender e foi así desde o primeiro segundo". "Era fundamental que todos eses versos e performances non quedasen esquecidas e para iso o mellor é un libro" que conta co apoio da Deputación de Pontevedra e que "conglomera a máis de 60 poetas en galego, en castelán e en inglés".  

 Pola súa banda, Vanesa Álvarez e Marcos de la Fuente, responsables do Festival Kerouac (que comeza a súa sétima edición a semana que vén), aseguraron que "este libro fai que teñamos unha mostra física da escena poética que se xerou na cidade, con escritores e escritoras por igual e moita xente nova". "Loitamos pola nosa cidade e a cultura que se fai nela para facela máis grande e mellor", afirmou De la Fuente, e invitou a Carmela Silva a participar na edición do Festival en Nova York o vindeiro mes de abril.

Ningún comentario:

Publicar un comentario