9 de out. de 2017

SAÚDE

DÍA MUNDIAL DA SAÚDE MENTAL FEAFES 

Galicia reclama lugares de traballo saudables e unha integración laboral real  

Dende fai 25 anos, o1 0 de outubro conmemórase o Día Mundial da Saúde Mental para dar a coñecer a realidade das persoas con enfermidade mental e trasladar aos axentes competentes as súas reivindicacións e necesidades. 

Ter un emprego digno, saudable e motivador é beneficioso para todas as persoas e permítenos vivir dignamente e de forma autónoma.  
Foto: FEAFES Galicia


Ana Escrigas / Santiago de Compostela

  Mañá, 10 de outubro de 2017, a conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental cumpre 25 anos, contando co apoio da Organización Mundial da Saúde e a participación de numerosas persoas e entidades de Galicia e de todo o mundo. “A saúde mental no lugar de traballo” foi o tema elixido para esta conmemoración, considerando que se trata dun asunto de interese para os axentes sociais, as institucións e toda a sociedade. 

 Queremos promover o dereito de calquera persoa a acceder e manter un emprego, así como tomar conciencia sobre a necesidade de que os lugares de traballo sexan contornas saudables onde se coide a saúde mental; pois ter un emprego digno, saudable e motivador é beneficioso para todas as persoas e permítenos vivir dignamente e de forma autónoma.  

 Estímase que o 25% das persoas terá un problema de saúde mental ao longo dá súa vida. Ademais, en Europa, os trastornos mentais son osegundo problema de saúde máis común no traballo. Os niveis de absentismo laboral, desemprego e solicitudes de incapacidade por problemas de saúde mental non deixaron de aumentar nos últimos anos: o 10% dos problemas crónicos de saúde e de incapacidade son trastornos mentais e emocionais. Por facernos unha idea da prevalencia desta realidade, a OMS estima que no 2020, a depresión será a segunda causa máis importante de incapacidade no mundo (European Network for Workplace Health Promotion- ENWHP). 

 En termos económicos, o custo dos problemas de saúde mental asociados ao lugar e condicións de traballo é moi elevado, e as contrariedades laborais teñen un impacto notable na saúde mental das persoas. En España, considérase que entre o 11% e o 27% dos problemas de saúde mental pódense atribuír ás condicións de traballo, e o custo directo destes trastornos en concreto oscilou entre 150 e 372 millóns de euros no ano 2010 (Guía “Costes socio-económicos de los riesgospsicosociales”. Secretaría de Salud Laboral y Medio ambiente UGT-CEC, 2013).  

 Ademais, as persoas que teñen algún problema de saúde mental atópanse con grandes obstáculos á hora de integrarse no mundo laboral, debido, en gran parte, aos falsos mitos e ao descoñecemento que hai cara a estas patoloxías. Existen vías para que calquera persoa, independentemente das súas circunstancias vitais, como pode ser un problema de saúde mental, exercite o seu dereito para acceder e manter un emprego; sendo fundamental ademais que as persoas con problemas de saúde mental formen parte activa da sociedade, sexan consideradas cidadás con dereitos e obrigacións e desenvolvan un sentimento de utilidade. 

 Por tanto, aproveitamos a conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental para e instar a quen ostenta responsabilidades públicas, aos axentes sociais, ás organizacións non lucrativas, aos medios de comunicación, ás sociedades científicas, ás empresas, aos estudantes e profesionais da saúde, da atención social, da educación, do emprego e o dereito, e a toda a cidadanía en xeral a que:  

nos involucremos e formemos parte activa da creación e mantemento de contornas de traballo saudables onde abunde a cultura do benestar e a saúde;  
sexamos comprensivos, empaticemos e facilitemos que as persoas, independentemente das súas circunstancias vitais, teñan a posibilidade de levar a cabo o seu proxecto vital de forma autónoma, vivan con dignidade e participen na sociedade;  
venzamos os prexuízos, derrubemos as barreiras e contribuamos á aceptación da diversidade e á igualdade de oportunidades entre as persoas;  
apoiemos que se invistan suficientes recursos para desenvolver políticas ambiciosas e efectivas dirixidas á integración laboral das persoas con problemas de saúde mental; 
velemos por que se garanta que calquera das medidas dirixidas á integración laboral das persoas con discapacidade por mor de problemas de saúde mental sexarespectuosa co modelo social e o enfoque dos dereitos humanos que impón a Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade. 

 Desde FEAFES Galicia e as súas asociacións federadas, queremos convidar á cidadanía a que participe nas actividades coas que conmemoraremos o Día Mundial da Saúde Mental nas diversas localidades galegas, co ánimo de tomar conciencia acerca da necesidade de coidar a saúde mental nos espazos laborais, apoiar odereito das persoas con problemas de saúde mental a acceder e manter un emprego, previr os trastornos mentais e comprender, con naturalidade e empatía, ás persoas con problemas desta índole.    

 FEAFES Galicia 
 A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que sofren problemas de saúde mental e a dos seus familiares.  

 O ámbito de actuación de FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega, posúe centros e servizos en 30 localidades e conta cun total de 5.900 socios. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario