7 de out. de 2017

SALCIDOS

ESTE SÁBADO CELEBROUSE A SEGUNDA, DAS TRES ANDAINAS TURÍSTICAS EN A GUARDA PROGRAMADAS PARA ESTE OUTONO

Están organizadas pola Asociación Veciñal e Cultural das parroquias da Guarda - Comunidades de Montes de Camposancos, Salcidos e A Guarda 

Eloy Gómez Mariño, presidente da Xunta Reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Salcidos, dando á benvida os participantes nesta 2º Andaina Turística, en presenza de Domingos Portela Lorenzo, membro da Xunta Reitora da Comunidade Montes de Camposancos, e de Miguel Reboredo Otero

Ricardo Rodríguez Vicente / Salcidos

 Con unha participación de máis de 60 persoas de tódalas edades, este sábado día 7 de outubro, ás 17:00 h., deu comezo diante da Casa da Comunidade de Montes en Mán Común de Salcidos, á segunda das tres Andainas Turísticas programadas para este outono, pola Asociación Veciñal e Cultural das parroquias da Guarda - Comunidades de Montes de Camposancos, Salcidos e A Guarda.

 As persoas participantes procedían das tres parroquias do termo municipal de A Guarda e mesmo houbo tamén algunhas persoas que viñeron desde O Rosal. Tamén estiveron membros das xuntas reitoras de Camposancos e de Salcidos.

 Nesta ocasión, a andaina foi guiada por Miguel Reboredo Otero coas colabouras puntuais de Eloi Gómez Mariño e de Manuel Benito Lomba Portela, presidente e segredario da Xunta Reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común da parroquia de Salcidos.

 O longo do percorrido os camiñantes afrontaron tramos de subida e tamén algúns bastante chairos. En todo caso, tódolos participantes, sen excepción, esa é a verdade, responderon deportivamente, con entusiasmo e ganas de coñecer un pouco mellor o monte, cuxos recursos xestiona a Xunta Reitora e os comuneiros, e revirten en melloras no propio monte, e tamén nos diferentes barrios da parroquia.

 Pouco despois de comezar a andaina, supemos onde era a ubicación do Campo da Chanciña - hoxendía cheo de arboledo -, onde moitos mozos dos barrios do Castro, Buxán, Salcidos,..., fixeron posible ese terreo de xogo  o longo de varias décadas do século XX e tamén practicaron o deporte do fútbol.

Na imaxe, ruinas de un dos tres muiños hidráulicos de Zamar

 Tamén coñecemos onde se atopan as minas acuíferas de Zamar, e logo de camiñar un pouco máis, pudemos acceder as ruinas de tres vellos muiños hidráulicos e algunha construcción lindeira, que ainda sendo propiedades de particulares, seu estado de abandono debera correxirse do mellor xeito posible, e proceder a súa rehabilitación como patrimonio etnográfico que son, e que merecen estar noutras condicions.

 Na camiñata supemos tamén onde se atopaba unha superficie de monte que no seu día xestionaron persoas procedentes do Levante español, cecais vencelladas á actividade madeireira que fixo das serrerías de Candeira e de París Hnos., ubicadas na Pasaxe e na Armona, respectivamente, todos uns referentes na elaboración de madeira para exportar o Sur peninsular, como caixas para froita, pasas, brandys,..., nunha época no que o cartón non abundaba e o plástico apenas existía.

 Continuando á ruta deseñada pola organización os camiñantes ollamos unha ampla zoa, onde a Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Salcidos ten varios operarios traballando, e na que se aprecia con agrado, á labor de limpeza e coidado do monte.

  Tamén visitamos o castro do Piruco da Bandeira, onde Miguel Reboredo Otero nos explicou as súas características defensivas, que son básicamente foxo, parapeto, e terraplén. E como non podía ser doutro xeito, comentou que o coengo Juan Domínguez Fontela, escrebeu no seu día deste castro, e relembrou que fai uns cantos anos - segundo nosos datos, na década dos anos 80 do pasado século - houbo unha actuación nese xacemento arqueolóxico, que presuntamente desenvolveu un profesor de un centro educativo desta localidade, sen contar coa correspondente autorización administrativa.

 Miguel Reboredo propuxo que se promova unha excavación para un maior coñecemento do patrimonio que poida agochar o castro do Piruco da Bandeira.


A panorámica desde o pico do Corniño é verdadeiramente impresionante

 Desde alí, os camiñantes foron monte arriba cara o pico do Corniño, en cuxas proximidades existiu unha fortaleza medieval. Un pouco máis arriba, no pico do Corniño propiamente, constatamos a presenza dunha imaxe da Virxe de Fátima nun oco dunha pedra granítica, e a tan soio uns poucos metros pudemos observar un conxunto de muiños rupestres e varios petróglifos. Ademais, desde ese lugar estratéxico, divísase unha paisaxe de inigualable beleza, onde o río Miño, o monte Santa Trega, o Oceáno Atlántico e os diferentes barrios que configuran o termo municipal de A Guarda e dos pobos veciños de Portugal, ofrecen unha panorámica única.

 Logo de disfrutar desa magnífica visión, os camiñantes fomos baixando cara o punto de orixe, para retornar a casa de cada ún, aproveitando para conversar amigablemente con unhas persoas, logo con outras, que é unha actividade moi necesaria para manter activo o espírito. Feito que nos diferencia dos demais seres vivos, e o mesmo tempo para á saudable práctica dunha actividade física moderada, que non fai dano a ninguén.

 Como é de ben nacidos, ser agradecidos, os camiñantes agradeceron a colaboura totalmente altruista de Miguel Reboredo Otero, funcionario de Patrimonio, da Xunta de Galicia, a tamén os organizadores destas Andainas Turísticas en A Guarda.

 Desde Infogauda queremos relembrar que a terceira Andaina Turística - denominada Ruta polo Casco Urbano -, será o domingo día 23 de outubro, ás 4:30 da tarde, desde á Fortaleza de Santa Cruz, e permitirá coñecer os vestixios das antigas murallas da vila, á réplica da Atalaia - onde se atopa o Museo do Mar -, unha vella cetárea, o Centro Cultural, etc. Esta andaina tamén será guiada por Miguel Reboredo Otero.

 O remate desta Andaina Turística haberá castañas asadas para os asistentes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario