A EXPOSICIÓN ‘AS NOSAS SENLLEIRAS’ CHEGA A MORAÑA
A deputada Eva Vilaverde asegurou que “as árbores senlleiras da provincia son un exemplo do espectacular patrimonio natural de Galiza que hai que poñer en valor”
A mostra, organizada ao abeiro do Ano do Patrimonio e a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, estará aberta na Casa da Cultura Castelao ata o 20 de outubro
Infogauda / Moraña
A exposición ‘As nosas senlleiras’, organizada polo departamento provincial de Cultura e Lingua e a Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) da Deputación de Pontevedra, foi inaugurada hoxe na Casa de Cultura Castelao de Moraña polos deputados Eva Vilaverde e Xosé Leal xunto coa alcaldesa María Luisa Piñeiro. A mostra, que se poderá visitar ata o vindeiro día 20 deste mes, pretende poñer en valor o importante patrimonio natural da provincia.
“As árbores senlleiras dan osa provincia son un exemplo do espectacular patrimonio natural que temos en Galiza. En calquera recuncho podemos atopar exemplares de excepcional valor ambiental, histórico, cultural e científico, que édoado de percibir se somos quen de pararnos tan só un momento a observar”, explicou Vilaverde.
A deputada responsable da EFA manifestou que é fundamental poñer en valor estas “reliquias botánicas” dende as administracións, amosando a súas características singulares de xeito visual e didáctico. Neste sentido, explicou que a EFA, centro de investigación en materia forestal e agraria dependente da Deputación, realiza periodicamente traballos sobre o estado destas árbores e participou na coordinación técnica da exposición, ao tempo que facilitou o material botánico.
Segundo asegurou Vilaverde, a mostra recolle 35 árbores senlleiras catalogadas na provincia de Pontevedra e está composta por paneis ilustrativos coa súa imaxe actual e unha pequena ficha de cada unha delas. A maior parte dos paneis contan ademais cunha planta de pequeno tamaño para ilustrar como é a árbore ao natural. Ademais, os veciños e veciñas que se acheguen ata a Casa da Cultura de Moraña tamén poderán ver un mapa coa localización da totalidade das senlleiras catalogadas na provincia: 48 árbores e 9 formacións de 41 especies botánicas distintas. No referente á comarca de Caldas, a mostra recolle datos de dous exemplares: o Sobreiral de Magán, en Cuntis e a Araucaria do Brasil, do Parque de Caldas de Reis.
Pola súa banda, o deputado de Cultura Xosé Leal, indicou que a exposición ‘As nosas senlleiras’ trátase dunha iniciativa que encadra no programa de actividades do Ano do Patrimonio. "É fundamental potenciar a nosa riqueza natural, que é un verdadeiro tesouro do noso país. Hai que dar a coñecer o noso rico patrimonio para que se valore, polo que animamos á xente, ademais de a vir visitar a mostra a Moraña, a que tamén coñeza cada exemplar na súa contorna natural", sinalou o nacionalista.
É preciso lembrar que teñen a consideración de senlleiras as árbores ou as formacións que, polas súas características extraordinarias ou destacables –tamaño, idade, significación histórica ou cultural, rareza, beleza–, son consideradas reliquias botánicas con valor natural, científico, cultural, didáctico, paisaxístico ou ornamental e merecedoras de especial protección. Estas árbores singulares considéranse protexidas para todos os efectos, o que implica a prohibición de calquera acción que poida afectar negativamente á súa integridade, saúde ou aparencia. Posúen, ademais, unha protección legal que tamén afecta ao seu ámbito inmediato.
A mostra ‘As nosas senlleiras’, de carácter itinerante pola provincia, comezou en setembro en Lalín e, despois de estar en Moraña ata o 20 de outubro, poderá verse en Fornelos de Montes, A Lama e Vilaboa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario