4 de out. de 2017

CULTURA.

Neira Cruz gaña o Premio de Narrativa Breve Repsol coa obra ‘O sono das sereas’ 

Valentín García e Gonzalo Vázquez anunciaron o ditame do xurado da XI edición deste certame que promoven a Xunta de Galicia e a Fundación Repsol

A obra, galardoada con 12.000 euros, será publicada pola Editorial Galaxia

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e mais o xerente da Área Institucional e Cultural da Fundación Repsol, Gonzalo Vázquez, acompañados por Carlos Lema, representante do xurado desta edición

Infogauda / A Coruña

 O escritor compostelán e xornalista Xosé Antonio Neira Cruz fíxose co XI Premio de Narrativa Breve Repsol -que promoven conxuntamente a Consellería de Cultura, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e mais a Fundación Repsol- coa obra O soño das sereas. Así o anunciaron esta mañá na Coruña o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e mais o xerente da Área Institucional e Cultural da Fundación Repsol, Gonzalo Vázquez, nunha rolda de prensa na que estiveron acompañados por Javier Sancho, director da refinería coruñesa, e mais por Carlos Lema, representante do xurado desta edición.
 García Gómez destacou que o gañador é “un dos autores de referencia na literatura infantil e xuvenil escrita en galego”, mostra de que “este premio está verdadeiramente consolidado no sistema literario galego” e de que “unha iniciativa de impulso á lingua e á cultura galegas nacida desde ao ámbito da responsabilidade social empresarial supón toda unha oportunidade para que tanto autores e autoras noveis coma os xa imprescindibles das nosas letras sigan contribuíndo á normalización lingüística do galego”.

 Unha novela de intriga e misterio

 No seu ditame, o xurado elixiu desta volta O soño das sereas polo “desenvolvemento que presentan as personaxes, a estrutura da novela, perfilada a partir de tres voces que van encadeando unha ficción de intriga e misterio, a súa linguaxe fluída e a intención da novela de dirixirse a un público moi aberto”. Do mesmo xeito que en anteriores edicións, o premio está dotado con 12.000 euros e coa publicación da peza pola Editorial Galaxia.
 Entregarase antes de final de ano nun acto público que se celebrará na cidade da Coruña. A el concorreron un total de 31 obras orixinais inéditas cunha extensión mínima de entre 50 e 120 páxinas e o xurado estivo integrado por Daniel Asorey, gañador da edición anterior; por Carlos Lema, director de Edicións da Editorial Galaxia; por Marilar Aleixandre, académica da lingua galega; por Mercedes Queixas, secretaria da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) e mais por Dolores Vilavedra, profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e crítica literaria.

 Xornalista, escritor e profesor

 Xosé Antonio Neira Cruz (Santiago de Compostela, 1968) é licenciado en Ciencias da Información e en Filoloxía italiana; doutor en Ciencias da Comunicación (2001) e mais en Filoloxía italiana (2015) pola USC e Máster en Dereito Premial pola UNED (2013). Exerceu o xornalismo durante 15 anos en distintos medios de Galicia e desenvolveu un intenso labor como xestor cultural, comisario de exposicións e congresos (inter)nacionais. Arestora, desenvolve o seu labor profesional como xornalista, escritor e profesor no Departamento de Ciencias da Comunicación da USC e é un dos autores de libros dirixidos a público infantil e xuvenil máis relevantes do panorama galego actual.
 Para alén das súas publicacións de índole científica, conta no seu haber con máis de 30 obras de creación literaria, polas que recibiu distincións e premios nacionais e internacionais como o Premio Merlín (en dúas ocasións), o Barco de Vapor (en dúas ocasións), a Raíña Lupa da Deputación da Coruña, o Barriga Verde e Manuel María de teatro (da AGADIC), o Fiz Vergara Vilariño de Poesía do Concello de Sarria, o White Ravens da Internationale Jugendbibliothek de Munich (en tres ocasións), entroutros.

 Un premio creado en 2006

 O Premio de Narrativa Breve Repsol botou a andar no ano 2006 e na primeira edición gañouno o xornalista Miguel Sande con “Se algún día esta muller morta”, mentres que o profesor da USC e xornalista Xavier Lama acadou un accésit con “O insomnio dos centauros”. Na segunda, en 2007, a gañadora foi Anxos Sumai coa obra “Así nacen as baleas”. Na terceira, en 2008, o narrador, dramaturgo e debuxante humorístico Xosé Luís Martínez Pereiro obtivo o galardón polo traballo “A verdade como mal menor”.
 Na cuarta, en 2010, o premio foi para o escritor Xurxo Sierra, pola peza “Os fíos”. A quinta, no ano 2011, gañouna Fernando Díaz-Castroverde Gómez, por “Microbios e outros paquidermos”. En 2012 fíxose co premio María López Sández, con “A forma das nubes”. Na edición 2013, o premio recaeu en Berta Dávila, por “O derradeiro libro de Enma Olsen”; en 2014, en Santiago Lopo pola peza “A diagonal dos tolos”; en 2015 en Marcos S. Calveiro, por “Fontán” e en 2016 en Daniel Asorey por “Nordés”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario