27 de set. de 2017

PONTEVEDRA

UXÍO BENÍTEZ: “O PLAN MÓVESE COMEZA A FACERSE INTERNACIONAL” 

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez anunciou que a Deputación foi seleccionada para expoñer o Plan de Mobilidade e Velocidade Segura no II Congreso Iberoamericano de Seguridad Vial INTER CISEV  

Están  xa executados preto do 70% dos elementos de calmado de tráfico proxectados na provincia 

Uxío Benítez Fernández, deputado de Mobilidade
Foto: D. P.

Infogauda / Pontevedra

 “O Plan MÓVESE comeza a facerse internacional”. Así o indicou onte o deputado de Mobilidade Uxío Benítez Fernández, ao anunciar que o Plan de Mobilidade e Velocidade Segura da Deputación vén de ser seleccionado como unha “experiencia de interese no ámbito da xestión de entidades públicas” para ser exposto no II Congreso Iberoamericano de Seguridad Vial INTER CISEV que se celebrará en Sevilla a vindeira semana.   

 O II Congreso INTER-CISEV está coorganizado pola Dirección Xeral de Tráfico e o Instituto Iberoamericano e participarán diferentes administracións non só do Estado Español, senón tamén de Latinoamérica. Ademais do propio director xeral de Tráfico que se encargará do relatorio inaugural, tamén intervirán o director da Agencia de Seguridad Vial de Arxentina, a directora do Consejo de Seguridad Vial de Costa Rica, o director de Tráfico do Goberno Vasco, o presidente da Comisión de SeguridadVial do Congreso dos Deputados , o presidente dun goberno autónomo de Bolivia e o presidente do Consejo Nacional de Seguridad Vial de Perú. “A Deputación presentou o Plan Móvese no apartado no que se pretenden explicar propostas innovadoras de diferentes administracións, e fomos seleccionados para expoñer o noso traballo xunto a autoridades internacionais. Para nós que o Plan Móvese sexa considerado como unha ‘boa práctica’ no campo da seguranza viaria a nivel internacional é un recoñecemento importante”, destacou Benítez.  

 Con carácter xeral, os INTER-CISEV perseguen converterse nos foros de referencia sobre temas específicos de seguridade viaria de interese par a comunidade iberoamericana. En particular, INTER-CISEV 2017, co título ‘Liderado e boas prácticas para a Seguridade de todos’ pretende servir de punto de encontro para compartir experiencias entre xestores da seguridade viaria en Iberoamérica;mostrar os avances conseguidos no establecemento de estratexias, plans e programas de seguridade viaria con carácter nacional e local, e poñer en común criterios de control do cumprimento das normas fundamentais para conseguir resultados de redución de sinistralidade, especialmente nas primeiras fases das políticas de control de velocidade, entre outras cuestións.   

 Deste xeito, o Plan de Mobilidade e Velocidade Segura (MÓVESE) que está a implantar a Deputación de Pontevedra na provincia, será presentado polo deputado Benítez aos representantes iberoamericanos como un plan co obxectivo de calmar o tráfico mediante elementos físicos de redución de velocidade. O nacionalista exporá que o goberno provincial ten a seguranza viaria como “obxectivo estratéxico” e está a executar un orzamento de preto de catro millóns de euros para instalar arredor de 600 elementos redutores de velocidade nas vías de titularidade provincial. A exposición pontevedresa será o vindeiro martes3 de outubro pola tarde, na xornada intermedia do Congreso.   

 Iluminación intelixente  
 Ademais de anunciar a selección do Plan MÓVESE como experiencia de interese no INTER CISEV de Sevilla, o deputado Benítez fixo balance do estado de execución das obras na provincia. Destacou que a día de hoxe están xa executados preto do 70% dos elementos de calmado de tráfico proxectados, sendo a comarca de Pontevedra-O Morrazo a que máis adiantada vai, xunto ao Baixo Miño-Condado-Paradanta.   

 Neste sentido, Benítez destacou a alta satisfacción da veciñanza e dos alcaldes que  tiñan solicitado a instalación dos pasos de peóns sobreelevados (coñecidos como ‘lombos’) e os redutores de velocidade de vehículos. Así mesmo, subliñou que os técnicos do servizo de Mobilidade perciben “non só que a xente estea satisfeita coa implementación desas medidas, senón que hai unha alta demanda de novas actuacións”.  

 Por outra parte, o deputado nacionalista destacou que xa comezou a instalación das 140 luminarias previstas para os pasos de peóns sobreelevados do Plan MÓVESE construídos en zonas moi urbanas ou contornas sensibles (treitos de vías provinciais que pasan próximos a colexios, centros de saúde ou núcleos de centralidade, entre outros). Con estes novos sistemas intelixentes de iluminación crearanse zonas seguras de paso na estrada, intensificando a luz no plano vertical para incrementar a seguranza dos colectivos máis vulnerables: peóns, ciclistas e persoas con diversidade funcional.  

 As columnas de iluminación do MÓVESE estarán formadas por un sistema de 36 leds de luz fría que focalizan de forma independente cada unha das zonas dos pasos de peóns sobreelevados dende a parte superior. Na actualidade o nivel de iluminación habitual das columnas de luz é de 4 Lux no plano vertical do peón, mentres que as deseñadas especificamente para o Plan MÓVESE terán 60 Lux, facilitando o recoñecemento por parte do tráfico rodado e focalizando visualmente o paso peonil. Así mesmo no corpo da columna instaranse leds dinámicos que terán un movemento de 60 frecuencias por minuto. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario