A XUNTA DE GALICIA OFERTA 22 CURSOS DE FORMACIÓN PARA PERSOAS DESEMPREGADAS NA COMARCA DO BAIXO MIÑO
DE CARA A MELLORAR AS SÚAS OPCIÓNS DE ACCESO AO MERCADO DE TRABALLO
· O delegado territorial, José Manuel Cores Tourís, informou hoxe da primeira fase da programación de cursos da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que inviste 11,6 millóns de euros na provincia de Pontevedra
· Explicou que os cursos estarán organizados por concellos, empresas, organizacións empresariais e diversas entidades sociais
José Manuel Cores Tourís, delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra. nunha reunión de traballo esta mañá
Infogauda / Baixo Miño
A Xunta de Galicia ofertará nas próximas semanas 22 cursos de formación para persoas desempregadas na comarca do Baixo Miño de cara a incrementar as súas posibilidades de acceso ao mercado laboral. Así o explicou hoxe o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, quen destacou que se trata dunha oferta de cursos da Consellería de Economía, Emprego e Industria para traballadores e traballadoras sen emprego.
Cores Tourís informou de que nestes cursos invístense 11,6 millóns de euros na provincia de Pontevedra, dos cales, 1 millón de euros corresponden á comarca do Baixo Miño.
Estas accións formativas di¬rixidas prioritariamente a persoas traballadoras desempregadas (AFD) son sufragadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e promovidas por institucións, entidades sen ánimo de lucro e empresas. A Xunta de Galicia impulsa este ano a formación para desempregados que se imparte en empresas, concellos ou entidades sen ánimo de lucro, o que permitirá poñer en marcha a nivel galego 750 cursos para 11.250 alumnos e alumnas, con axudas por valor de 40,7 millóns de euros para financiar cursos, que se veñen a sumar a outros 7 millóns para becas que teñen como obxectivo facilitar a asistencia dos beneficiarios financiando gastos de transporte, manutención e conciliación.
Na comarca do Baixo Miño están programados 22 cursos, 9 dos cales están organizados por concellos (O Rosal, Tui e Tomiño) e 13 por empresas e unha entidade sen ánimo de lucro. Como todos os anos, engadiu o delegado territorial, “é tamén destacable a implicación dos axentes sociais, tanto das organizacións empresariais así como das entidades sociais”.
O obxectivo destas accións formativas, afirmou Cores Tourís, “é reorientar a traxectoria profesional das persoas en situación de desemprego, xa que no actual contexto resulta imprescindible reciclarse e formarse en novas materias; adaptarse para competir con máis recursos no panorama actual do mercado de traballo”.
Ao respecto, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra valorou “a concorrencia de numerosos actores que axudan a programar unha oferta local, axustada ás circunstancias do municipio ou da comarca, e polo tanto máis próxima ás necesidades reais das empresas”.
José Manuel Cores Tourís incidiu en con este plan preténdese atender aos requirimentos de competitividade das empresas, recoñecendo os sectores en alza e cualificando ás persoas desempregadas nas habilidades que demandan nos novos viveiros de emprego.
Por iso, subliñou, un ano máis abundan as accións formativas relacionadas coa atención sociosanitaria, o turismo e as operacións de xestión administrativa, aínda que tamén se ofertan cursos de linguas estranxeiras, sistemas informáticos, equipos eléctricos, socorrismo, servizos financieiros ou montaxe de infraestruturas, entre outros.
As axudas dirixidas a empresas, concellos e entidades sen ánimo de lucro inclúen novidades con respecto a anos anteriores. En primeiro termo, a convocatoria é por primeira vez bianual (2017-2018) e esta característica posibilita a realización de accións formativas máis complexas e cun maior período de duración. A extensión do período de execución das accións formativas ao longo de dous exercicios orzamentarios achega ás entidades unha maior flexibilidade para a súa programación e permite excluír os períodos estivais e outros cunha alta porcentaxe de contratacións temporais nos que as persoas desempregadas teñen máis dificultades para asistir ás accións formativas. Tamén se establece unha reserva de crédito para solicitudes de financiamento para accións formativas en competencias crave, para facilitar o acceso á formación en certificados de profesionalidade a aquelas persoas sen estudos básicos.
Teñen preferencia para a participación nos cursos os seguintes colectivos de persoas desempregadas: mulleres (especialmente vítimas de violencia de xénero), parados de longa duración, menores de 30 anos, persoas con discapacidade, persoas que teñan subscrito e vixente un itinerario personalizado de inserción, en risco de exclusión social, persoas con baixa cualificación e aquelas que teñan superados un ou varios módulos dun certificado de profesionalidade ou que obtivesen acreditacións parciais. Permítese tamén a participación de ata un 25% de persoas traballadoras ocupadas a condición de que as prazas non se cubran por desempregados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario