25 de set. de 2017

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

OS COMUNEIROS DE CAMPOSANCOS HOMENAXEARON O PADRE BALTASAR MERINO

O presidente da  Real Academia Galega de Ciencias e o catedrático de Historia Medieval Ermelindo Portela Silva, foron entre outras, dúas das persoalidades que participaron no evento

O presidente da Xunta Reitora da Comunidade de Camposancos, José Fernando Martínez Martínez, xunto con Gloria Portela Loureiro, e varias persoalidades que asistiron a homenaxe o Padre Baltasar Merino
Reportaxe fotográfica: Lucía Diz Martínez

Infogauda / Camposancos

 O 24 de setembro de 2017 vai figurar para sempre - e para ben -, como unha das datas señeiras na historia da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Camposancos. E vai ser así, e con todo o merecemento, porque á Xunta Reitora que preside José Fernando Martínez Martínez, propúxose levar a bó termo, e así foi, unha merecida - e o mesmo tempo, sinxela -, homenaxe póstuma o Padre Bastasar Merino y Román (Lerma (Burgos) 1845 - Vigo, 1917), co gallo do I centenario do pasamento do destacado botánico e meteorólogo. 

 Compre relembrar que a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) decrarou o Padre Bastasar Merino, Científico Galego 2017.

 E para que as cousas resulten como é debido, é decir, ben, non debe haber lugar á improvisacións. E certamente non as houbo. Dese xeito, oportunamente convidados pola devandita Xunta Reitora, o acto cívico que o mediodía do domingo 24 de setembro tivo lugar en Chans, na aba de Camposancos, no monte Santa Trega, contou, entre outras, coa asistencia de  Miguel Ángel Ríos Fernández, presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC); así como con Ermelindo Portela Silva, catedrático de Historia Medieval da Universidade de Santiago de Compostela (USC); Mauro Lomba Martínez, arquitecto e autor do proxecto da escultura; Antolín de la Muñoza González, reitor do Colexio Apóstolo Santiago, de Vigo. Tamén asistiron Francisco Javier Silva Pando, xefe do Departamento de Sistemas ForestalesFrancisco Javier Amigo Vazquez, profesor titular de Botánica, da Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela; Antonio Lomba Baz, alcalde de A Guarda; Montserrat Magallanes Álvarez, concelleira de Turismo e deputada provincial; Elena Baz Rodríguez, concelleira de Cultura; e varios concelleiros da Corporación Municipal de A Guarda, como Conchi Ortega Martínez, José Carlos Castro Martínez, Roberto Álvarez Carrero, Fátima Iglesias Ferreira, Ángel Luis Baz Vicente, Celso R. Fariñas,...; Ángel Soliño Fernández, párroco de Camposancos; así como membros das Comunidades de Montes de A Guarda, Salcidos e Camposancos, e representantes de varias entidades socio culturais de A Guarda.    



 En nome da Xunta Reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Camposancos, Gloria Portela Loureiro abriu o acto. 

 Deseguido fixo uso da palabra o profesor Ermelindo Portela Silva quen botando unha ollada o tempo pretérito - como gustaba decir noso relembrado colega o cronista e escritor Ángel Luis Troncoso Alonso -  relembrou que formou parte da última promoción do Colexio da Pasaxe de Camposancos, berce da Universidade de Deusto e da Pontificia de Comillas, salientando que Camposancos ainda que aparentemente estaba aillado,  os alumnos chegaban en tren a Caminha, onde eran agardados por unha embarcación do Colexio na que cruzaban o río. 



 Portela Silva lembrou as excursións dos alumnos polo río Miño, e tamén que o político e historiador Antonio Cánovas del Castillo, para ir a Madrid pasou polo colexio [da Pasaxe] no ano 1884, e logo cruzou o río a Caminha para irse en tren a Lisboa. 

 O catedrático de Historia Medieval salientou que no Colexio dos Xesuitas da Pasaxe (Camposancos), estudaron moitas personalidades, destacando, entre outras, o astrónomo, matemático e sacerdote Ramón María Aller Ulloa; Luis Arana Goiri, político vasco, fundador, xunto co seu irmán, do Partido Nacionalista Vasco (PNV); Manuel Portela Valladares, político pontevedres, que foi ministro no reinado de Alfonso XII, e chegou a ser Presidente do Consello de Ministros na IIª República Española,...

 Portela Silva tamén salientou a importantisima obra do Padre Baltasar Merino, que estivo por eiquí 37 anos. 

 Ermelindo Portela rematou súa intervención con unha mensaxe de esperanza, que si ben él pensa non o verá realizado, agarda que os seus fillos ou os netos vexan voltar a renacer as instalacións da Pasaxe de Camposancos (A Guarda).  

 Logo interviría o Padre Benito Santos González (S.X.), agradecendo en primeiro lugar á iniciativa da C.MM.VV.M.C. de Camposancos, e deseguido fixo un relatorio histórico do colexio da Pasaxe, e do Padre Baltasar Merino. 





 Pola súa banda, Miguel Ángel Ríos Fernández, presidente da Real Academia Galega de Ciencias, agradeceu o feito de que na terra adoptiva de Baltasar Merino se haxa sumado a celebración do primeiro centenario do seu pasamento. Asemade dixo que "o botánico e meteorólogo Baltasar Merino Román será o homenaxeado este ano con motivo do Día da Ciencia en Galicia, a celebración promovida pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) para reivindicar a importancia da investigación a través das súas figuras máis destacadas. A homenaxe, que coincide co primeiro centenario do falecemento do investigador, foi aprobada unanimemente polos académicos a conta do papel de Merino como o autor da primeira caracterización exhaustiva da flora galega, á que se suman os primeiros traballos de climatoloxía aplicada realizados en Galicia.

 Aínda que o acto académico de homenaxe terá lugar o 4 de outubro, a RAGC xa iniciou os contactos con todas as institucións científicas vinculadas ao investigador e aos seus campos de coñecemento para comezar a organizar nos vindeiros meses actividades de difusión e divulgación sobre a figura de Merino, unha tarefa para a que xa se conta co compromiso xa habitual da Fundación Barrié (...)".

 Logo da intervención de Miguel Ángel Ríos, interviría José Fernando Martínez Martínez, presidente da Xunta Reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Camposancos, quen na súa alocución dixo: "(...) se ben é certo que as comunidades de montes o seu primeiro deber é coidar do monte, a Comunidade de Montes de Camposancos con os poucos recursos dos que dispoñemos ademáis diso tamén dinamizamos a vida do pobo con distintos eventos culturais periódicos e hoxe toca este (...)".



 José Fernando Martínez tamén relembrou que un día Gloria Portela propuxo diante da Xunta Reitora á celebración de un acto para lembrar o Pai Baltasar Merino co gallo do centenario do seu pasamento. "(...) A idea - dixo José F. Martínez - foi moi ben acollida polos compañeiros e despois da debatila por un tempo, eiquí estamos hoxe (...)".

 O presidente dos comuneiros de Camposancos, lembrou tamén que ainda non fai dous anos que un grupo de mulleres e homes como Gloria, Esther, Ana, Lucía, Mario, Juan Carlos, Mingos e el mesmo, decidiron "(...) presentarse as eleccions da xunta reitora coa teima de darlle un cambio o Trega. 

 Pensábamos que o Monte máis visitado de Galicia e cecais de España, non podía seguer sendo un bosque de acacias i eucaliptos. Os veciños confiaron en nós e puxémonos a traballar arreo. Xa se nota. Os eucaliptos da ala Este do Trega, pertencentes a Comunidade de Camposancos xa os eliminamos todos. De acacias deforestamos 12 hectáreas. Xa plantamos 1.000 árbores nobres (castiñeiros, nogueiras, oliveiras, cerdeiras, amendoeiras, etc.

 Para este inverno temos previsto plantar 2.000 máis. Queremos cos escasos recursos dos que dispoñemos, facer do Trega un parque semi urbán. Temos moito por facer e para elo necesitamos euros.

 Desde aquí facemos un chamamento o Sr. Presidente do Padroado Municipal Monte Santa Trega para que teña a ben facer un pequeno esforzo económico. Para nós sería moi importante poder contar con máis ingresos e non dubidamos da boa disposición  do Sr. Presidente do Padroado para esta nobre causa (...)".

 José Fernando Martínez tamén se referiu a outras actuacions feitas no monte Santa Trega, onde os comuneiros de Camposancos recuperaron sendeiros esquecidos entre á maleza, por onde hoxendía se pode camiñar por más de 15 quilómetros do Trega, dentro dos límites de Camposancos.

 No tramo final da súa intervención, o presidente da Xunta Reitora da C.MM.VV. M.C. de Camposancos, salientou que a escultura en homenaxe o P. Baltasar Merino foi deseñada "(...) de maneira altruista polo insigne arquitecto guardés Mauro Lomba Martínez (...)" e dixo tamén que "(...) desde este momento este parque chámase "Parque do Pai Baltasar Merino" (...)".




 Finalmente, Mauro Lomba explicou que en un principio a súa obra foi pensada para ser de gran tamaño, en forma de libro. Na portada estaba prevista a efixie do P. Merino, e na contra portada a súa obra escrita máis importante, polo que poderíamos entrar e sair impregnados da sabiduría do Pai Baltasar Merino, e que por motivos económicos se fixo en tamaño reducido.  

 Lomba Martínez rematou dicindo que quedou mui satisfeito do resultado.   



 Una vez inaugurada á escultura en lembranza do Padre Baltasar Merino, o coro do Obradoiro de Canto Tradicional Cantares do Brueiro, dirixido por Tino Baz Baz, ofreceu unha breve actuación que daría paso a unha degustación de viños do Rosal, coa que se poría broche final a este dignísimo acto, feito con entusiasmo e agarimo á lembranza de un sabio - o P. Baltasar Merino - que tivo no colexio dos xesuitas da Pasaxe, en Camposancos (A Guarda), a súa base operativa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario