24 de set. de 2017

A GUARDA

A GUARDA CONMEMOROU POR TODO O ALTO Á FESTIVIDADE DE SANTA TREGA   

A excelente climatoloxía, animou á afluenza de centos de romeiros o outeiro - "mons Teurega", denominación documentada xa na Idade Media - máis visitado do Noroeste peninsular


A imaxe de Santa Trega é portada por mulleres devotas 
Fotos: Infogauda

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda 

 Ainda que o día amenceu con néboa, sobor de todo na cotas máis baixas do termo municipal, si ben no cumio do outeiro -“o mons Teurega”, denominación documentada na Idade Media - o sol locía xeneroso e contribuiu, mesmo estando xa no equinoccio de outono, o disfrute dunha xornada na que sen ser festivo de ámeto local - por coincidir este ano o 23 de setembro en sábado, día de descanso para moitas persoas -, a festividade de Santa Trega foi celebrada por todo o alto.

 Centos de romeiros acudiron ven cedo para participar no que é tradición ancestral: rezo do Santo Rosario e asistencia ás eucaristías que se oficiaron no santuario adicado a mártir discípula de San Pablo. A maioría participou, mesmo desde o adro da ermida - que nesa data resulta pequena - na misa solemne cooficiada polo Licenciado D. Fernando Cerezo García, Reitor do Seminario Menor Diocesano San Paio, de Tui e dous sacerdotes (D. Jesús García Villadóniga, e o somasco P. Vidal), así como o diácono José María Fernández Carrera.


 Ademais de numerosos fieis, a misa grande - que foi cantada pola Agrupación Coral Polifónica de A Guarda, dirixida por Marisilda Sánchez Lomba - tamén asistiron, en representación dos seus respectivos concellos, os alcaldes do Rosal, Jesús María Fernández Portela, e o de A Guarda, Antonio Lomba Baz, así como varios concelleiros do que noutrora fora o Antigo Concello da Foz do Miño; o presidente da Entidade Local Menor de Camposancos, Rafael Álvarez Martínez; membros da Confraría de Pescadores Santa Tecla e das Comunidades de Montes en Man Común de A Guarda e de Camposancos, respectivamente, entre outras representacións. 




 Rematada a solemne eucaristía, saiu a procesión, coa participación de autoridades, devotos de Santa Trega e compoñentes do Grupo de Gaitas Os Petons. O remate desa ceremonia os fieis bicaron as reliquias que se gardan neste santuario: un fragmento de óso dun dos brazos de Santa Trega, e un fragmento do Lignum Crucis, o madeiro no que crucificaron a Cristo. 

 Algúns devotos pasaron estampas e panos polo manto de Santa Trega, ou o bicaron. Deixaron as súas esmolas, e exvotos con forma de brazos, pernas, cabezas, corazóns, peitos ou torsos, aos pés da protomártir reclamando curación ás súas doenzas, á que se ten como avogada da cabeza e do corazón. 


 Asemade, como ven sendo tradición, diante do púlpito ao aire libre, tivo lugar a poxa dos froitos ofrecidos a Santa Trega: allos, cebolas, chourizos do país, mariscos, mel, lambetadas, sobremesas, peixe de couro,  e outras dádivas que se subastaron diante dunha multitude de persoas. Este ano, mesmo participou espontánea e brevemente, a atriz e presentadora de TV Nieves Rodríguez, que deixou ben craro súa simpatía e seu bon facer, no que é comunicación en vivo e en directo.

 Tamén foi sorteada a Regueifa - unha monumental tarta - de Santa Trega, contendo unha valiosa sorpresa, correspondéndolle á sorte a quen posúa a rifa que leve o número 2.945, cuxo boleto foi vendido, ainda que no intre de redactar esta crónica ainda non apareceu a persoa afortunada.   

 Logo viría o xantar ao aire libre, onde cada quen quixo situarse, escollendo os lugares acostumados en anos precedentes.  

 E xa pola tarde, logo da sobremesa, a animación puxérona varios músicos do pobo que coas súas gaitas, pandeiretas, tamboril e bombo, déronlle o aire festivo que correspondía a unha xornada que dentro da súa sinxeleza, non precisa de nada máis, que un bo día, devoción a Santa Trega, a compaña de familiares e amigos, un xantar feito con agarimo xa de víspera, e moitas ganas de confraternizar. E abofé que así foi. 

GALERÍA DE IMAXES

Ningún comentario:

Publicar un comentario