5 de ago. de 2017

TOMIÑO

VÍA LIBRE Á CONSTRUCIÓN DA NOVA AVENIDA QUE RODEARÁ O NÚCLEO DO SEIXO EN TOMIÑO  

A Deputación de Pontevedra aportará 2,35 millóns de euros para a execución da estrada, que eliminará o tráfico de paso polo centro urbano da vila  

A presidenta Carmela Silva asegurou que o convenio asinado onte coa Xunta de Galicia e o Concello correspóndese “cos principios e valores que defendemos en torno á seguridade viaria e a mobilidade”  

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez salientou que a vía suporá a solución “máis axeitada” ao tráfico que chega á vila dende a área de Vigo, Baixo Miño e Portugal  


Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas; Sandra González Álvarez, alcaldesa de Tomiño; Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; César Mosquera, vicepresidente da Deputación; e Uxío Benítez, deputado de Mobilidade
Fotos: D. P.

Infogauda / Tomiño

 A nova avenida que rodeará o núcleo do Seixo en Tomiño e permitirá eliminar o tráfico de paso polo centro urbano da vila xa ten vía libre. A presidenta da Deputación Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera e o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, participaron onte xunto coa alcaldesa Sandra González Álvarez e coa conselleira de Infraestruturas Ethel Vázquez, na sinatura do convenio que certifica a colaboración das tres institucións para a execución da estrada de nova creación, que ten un orzamento de 3.545.623,60 euros, dos que 2.351.163,26 serán aportados pola Deputación de Pontevedra. 
  

 Unha vez asinado o acordo de onte corresponde á Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, aprobar o proxecto de trazado -coa tramitación do decreto de utilidade pública que onte publicou o DOG- e iniciaras expropiacións necesarias. A Deputación será a encargada de licitar o proxecto e realizar a dirección, control e seguimento das obras, que se poderían iniciar no ano próximo se todos os trámites saen segundo o previsto.  

 No acto de onte, o deputado de Mobilidade Uxío Benítez foi o encargado de dar a coñecer os datos técnicos da actuación. A  nova avenida, segundo dixo o nacionalista, terá unha lonxitude duns 1.400  metros e enlazará a estrada provincial EP-3102 polo Sur e a PO-344 (rúa Gondomar) polo Norte, dando unha saída natural á avenida da República Arxentina e rúa da Pedra cara o Leste do núcleo, e enlazando o municipio coafutura Via de Alta Capacidade (VAC) Tui-A Guarda. A traza deseñada enlazará os equipamentos situados na estrada provincial (como o CEP Pedro Caselles), con novos equipamentos como o centro de saúde, a residencia asistida, e mesmo o instituto, desviando do núcleo urbano uns 10.000 vehículos.  “Esta nova vía taménsuporá a solución máisaxeitadaao tráfico que chega á vilade Tomiño dende a área de Vigo e Val Miñor para ir a Portugal, e da xente do Baixo Miño que sube cara a Vigo para ir ao hospital, por exemplo, sen ter que pasar polo centro urbano”, subliñou.  
 A vía terá unha sección de 18 metros, dos que seis estarán destinados a unha senda peonil e ciclista con arborado, mentres que a calzada terá dous carrís para o tránsito rodado coas súas correspondentes beiravías. Deste xeito, a Deputación pretende priorizar a mobilidade dos peóns, cumprindo a súa máxima de ter en conta en primeiro lugar as necesidades daspersoas en todas as infraestruturas viarias de nova creación, tal e como está establecido na Estratexia de Mobilidade 3.0. “Ao chegar ao goberno marcamos unha Estratexia de Mobilidade clara e un cambio de prioridades. Pensabamos que o modelo de facer beirarrúas de 1,5 metros estaba rematado. Nós apostamos por ter en contaáspersoas e os grupos máis vulnerables, para deixar para último lugar o vehículo privado”, apuntou Benítez.  

 De feito, a nova avenida contará con elementos de calmado de tráfico para promover a seguranza viaria. Construiranse cinco rotondas para distribuír e calmar a circulación e máis dunha vintena de pasos de peóns sobreelevados (coñecidos como ‘lombos’) como os instalados ao abeiro do Plan de Mobilidade e Velocidade Segura (MÓVESE). Tamén se delimitará unha velocidade máxima de 30 quilómetros/hora.  



 En canto ao orzamento, segundo dixo Benítez, a execución desta actuacións estímase en 3.545.623,60 euros, que se repartirán en 2.351.163,26 euros aportados pola Deputación provincial (o 66,3%), 261.240,36 euros polo Concello de Tomiño, e 933.219,98 euros pola Xunta de Galicia en concepto de expropiacións, a repartir en diferentes anualidades. 

Primeiro grande convenio 

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asegurou que “este primeiro grande convenio que asinamos correspóndese cos principios e valores que defendemos en torno á seguridade viaria e a mobilidade”, que se basea na “recuperación dos tramos urbanos dos concellos para que poidan ser desfrutados polas persoas, onde os automóbiles non dificulten que o espazo público poida ser ocupado e vivido por elas”. Carmela Silva lembrou que “desde a institución provincial estamos marcando unha forma de entender as infraestruturas”, polo que “consideramos fundamental comprometernos con Tomiño, que con este convenio que inclúe unha nova variante segue dando máis pasos de cara á recuperación urbana, e con todos os concellos da nosa provincia”.  

 A presidenta provincial sinalou que “o noso modelo de actuación nas infraestruturas, Mobilidade 3.0, pretende lograr a mobilidade para as persoas primeiro, despois para ciclistas, outros medios de transporte e, por último, para vehículos, para que as persoas poidan desenvolver as súas vidas nas zonas urbanas”. Este proxecto, lembrou Carmela Silva, “tamén versa sobre a seguridade viaria, que é unha das nosas grandes apostas porque nos preocupa moito o número de accidentes e o enorme custo que teñen os seguros no noso territorio”, razón pola que hai que darlle a volta á situación e “facer do século XXI o século da recuperación para que as persoas vivan con todas as garantías e seguridade”. Para a presidenta “esta é a forma de facer as cousas, que as administracións (Xunta, Deputación e concellos) sexan capaces de traballar conxuntamente para o ben común do noso territorio e o benestar das nosas veciñas e veciños”. 

 Pola súa banda, a alcaldesa de Tomiño Sandra González Álvarez manifestou a súa satisfacción por ver concretado “un soño que empezamos a tecer hai anos pensando nun Tomiño para as persoas”, xa que segundo indicou, a estrada de nova creación permitirá retirar o tráfico do Seixo e crear un espazo público de calidade para que a veciñanza poida “vivir e convivir. A rexedora destacou tamén que a nova avenida tamén é fundamental para a conectividade de toda a comarca, xa que mellorará o tránsito de miles de vehículos pasan dende a área de Vigo e o Val Miñor cara ao Baixo Miño e a ponte internacional e Portugal, e viceversa. Finalmente agradeceu a colaboración “leal” de todas as administracións implicadas, das que dixo miraron “ao lonxe para apoiar un proxecto estratéxico” . 

 A conselleira Ethel Vázquez, pola súa parte, reiterou que a nova avenida eliminará o tráfico de longo percorrido do Seixo e mellorará a conexión de equipamentos, cuestións que para a Xunta de Galicia son fundamentais, xunto co favorecemento da mobilidade e da seguranza viaria. Ao igual que a presidenta da Deputación e a alcaldesa, tamén destacou que tres administracións con forzas políticas de distinto signo traballaron de xeito conxunto por “interese público”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario