5 de ago. de 2017

PONTEVEDRA

AREEIRO DESTACA QUE OS DANOS POR BOTRITE NAS VIÑAS “XA NON SON PROBABLES” NO QUE QUEDA DE CAMPAÑA   
Os técnicos sinalan a necesidade de tratar os cítricos afectados por insectos chupadores e advirten das moscas das nogueiras que podrecen as noces 



Infogauda / Pontevedra

 A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de asegurar no seu último aviso fitosanitario que xa “non é probable” que se produzan danos por botrite nas viñas aínda que haxa periodos con condicións favorables á enfermidade no que queda de campaña. Así mesmo, os técnicos subliñan que pese a que as temperaturas desta semana non foron moi elevadas, continúa o avance na maduración das uvas, e nas zonas máis adiantadas xa se fala da vendima para finais do mes de agosto.   

 En canto á botrite, que os técnicos definiron como o patóxeno máis perigoso de cara ao final da campaña nos últimos avisos, a día de hoxe subliñan “que se a uva se mantivo sa ao longo do ano” o risco de danos é moi baixo. En calquera caso, destacan que neste momento existen no mercado funxicidas antibotríticos que aínda se poden aplicar dirixidos aos acios polo seu menor prazo de seguridade (14 días). No caso de non poder xa intervir debido á limitación da data do último tratamento por parte das adegas, débese asegurar no posible a correcta aireación dos acios e reducirse o risco de instalación do fungo sobre eles eliminado os grans afectados.  

 Por outra parte, aínda que as condicións climáticas foron favorables ao Mildeu, apenas se notou unha evolución na porcentaxe de follas con manchas e a sintomatoloxía non debería ter maior incidencia nas viñas. Así mesmo, apenas se atopou presencia de Oídio nalgúns acios, que deben ser eliminados se son moi abundantes, tanto para evitar potenciais danos por botrite como para favorecer aos gromos produtivos. Sobre a erinose, aínda que se detectaron novos gromos con síntomas, non se require tratamento na provincia.  

 Cítricos 
 Con respecto a outros cultivos e producións, aínda que as precipitacións non son favorables á aparición de insectos chupadores nos cítricos, nesta semana volveuse observar abundante presencia de adultos e ninfas novas de diferentes especies de moscas brancas, psila africana ou pulgóns. Neste sentido, os técnicos de Areeiro lembran que nos casos onde se detecten síntomas haberá que realizar un tratamento para evitar a instalación de fungos de negrilla sobre as sustancias azucradas que emiten.   

 No referido ás nogueiras, dende Areeiro sinálase que no mes de xuño colocáronse trampas para detectar ‘moscas da casca verde da noz’ (Rhagoletis completa) nunhas nogueiras da comarca de Pontevedra. O voo da especie comezou na terceira semana de xullo, pero nas últimas dúas semanas estase a producir o maior número de capturas.   

 Trátase dun insecto que destrúe a casca verde da noz, que podrece e seca, e que diminúe a calidade así como a cantidadedas noces porque os ataques temperás fan caer os froitos que se están a formar. En España non hai insecticidas especificamente destinados ao control desta praga, así que “é importante eliminar os froitos caídos ao chan para evitar que as larvas se enterren para pupar”, subliñan os técnicos, que tamén advirten que os síntomas pódense confundir cos provocados polo fungo responsable da antracnose da nogueira (que, fronte á mosca, tamén xera síntomas en forma de manchas escuras nas follas).

Ningún comentario: