25 de ago. de 2017

TOMIÑO

NOITE DE MÚSICA TRANSFRONTEIRIZA EN TOMIÑO CON ANA LAÍNS  

DERRADEIRAS CITAS DA PROGRAMACIÓN “VERÁN CULTURAL” DO CONCELLO DE TOMIÑO A CARGO DA AGRUPACIÓN MUSICAL DE GOIÁN, ANA LAINS E ROOT 4 CLARINETS 


Infogauda / Tomiño

 Esta fin de semana remata por todo o alto a programación cultural do Concello de Tomiño “Verán cultural: O son da praza” con dous concertos de excepción.  
 Este venres ás 22.30 H. terá lugar na Praza do Seixo o Concerto “A outra margem do Miño” a cargo da Agrupación Musical de Goián e Ana Lains.  

 A artista portuguesa e a Agrupación Musical de Goián ofrecerán unha noite de música en Tomiño, con temas portugueses e galegos tan coñecidos e emotivos como “O Sacristán de Coimbra”, “Lela” ou “Grândola, Vila Morena” de Zeca Afonso. Tamén interpretarán pezas da súa discografía e outras con arranxos do compositor goianés Andrés Álvarez.  

 Ana Laíns é unha das maiores intérpretes da música portuguesa dos últimos anos. A súa música abarca varios xéneros como o jazz, a bossa nova, música popular e, especialmente o fado. Foi a vencedora da “Grande noite do Fado de Lisboa” (1999) e conta con dous traballos discográficos en solitario: o primeiro titulado “Sentidos” (2006) e o segundo “Quatro Caminhos” (2010). Este último considerado un dos 10 mellores discos do ano na área de Jazz e World music pola prensa holandesa. A carreira musical de Ana Laíns está cargada de éxitos, actuando en Francia, Alemaña, Bélxica, Luxemburgo, EEUU,… Ademais, neste momento está preparando o seu terceiro álbum.  

 O sábado 26 chega a Tomiño o cuarteto Root 4 clarinets que ofrecerán un concerto ás 22.30 h. na Praza do Seixo, pechando unha programación cultural estival que tivo unha gran aceptación e afluencia de público ao logo de todo o verán.

Ningún comentario:

Publicar un comentario