11 de ago. de 2017

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA INICIA AS PROBAS DE ACCESO PARA INCORPORAR DOUS NOVOS FUNCIONARIOS DE XESTIÓN ECONÓMICA AO PLAN REVITALIZA

Hoxe realizouse a proba tipo test para seleccionaraos técnicos, que comezarán a traballar no plan de compostaxe provincial a mediados de setembro   


Participantes no exame de técnico de xestión do Plan Revitaliza
Foto: D.P.

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra iniciou hoxe as probas de acceso para incorporar os últimos funcionarios ao Plan Revitaliza de compostaxe: dous técnicos de xestión económico-administrativa (A2) con coñecementos en materia de residuos municipais que prestarán apoio nas funcións de asesoramento e redacción nos regulamentos, ordenanzas fiscais, estudos económico-financeiros e plans de residuos municipais relativos á compostaxe para os concllos da provincia. 

 Na mañá de hoxe realizouse a primeira proba, un test de 90 preguntas sobre dereito, cuestións económicas, de medio ambiente e sobre o Plan Revitaliza provincial, á que se presentaron oito dos 12 aspirantes inscritos. Finalmente pasaron o exame cinco candidatos, que se enfrontarán ao suposto práctico proposto polo tribunal na última semana de agosto. Os dous mellores examinandos quedaranse coas prazas e incorporaranse ao traballo efectivo a mediados de setembro.Estes funcionarios por programa sumaranse aos 18 técnicos xa incorporados, seis técnicos de xestión de lixo e doce mestres e mestras composteiros que darán servizo aos municipios que aplicarán a compostaxe como sistema de xestión de lixo.  

 Hai que lembrar que seis concellos da provincia –Pontevedra, Mondariz, Mondariz Balneario, Vilaboa, As Neves e O Grove- “entrarán de cabeza” na compostaxe antes de finais de 2018. Así quedou definido nas subvencións concedidas pola Deputación ao abeiro do Plan Revitaliza o pasado 31 de xullo. Estas axudas provinciais permitirán aos concellos adheridos ter os seus correspondentes Plans Municipais de Tratamento de Residuos e adquirir -por valor 1.194.410,95 euros- os composteiros individuais, colectivos e a maquinaria necesaria para a implantación do novo sistema de tratamento.  

 Estes municipios serán os primeiros de Galiza en implantar a compostaxe e, a un tempo, en eliminar de xeito obrigatorio os colectores da chamada ‘fracción resto’ -aos que se pode botar todo tipo de lixo- con data límite de finais do próximo ano. Nese momento deberá haber unha división do lixo diferenciada entre orgánicos -nos composteiros-; metais, plásticos e envases; papel e vidro nos seus correspondentes recipientes.    

 O Plan Revitaliza da Deputación pretende que os concellos da provincia cumpran a normativa estatal e europea que obriga a preparar para a reciclaxe máis do 50% dos residuos da bolsa do lixo antes de 2020. Segundo explicou en varias ocasións o vicepresidente César Mosquera, o goberno provincial apostou por tratar a parte orgánica, que supón o 53% dos residuos municipais.


Ningún comentario:

Publicar un comentario